HomesociedadeO Concello de Monforte quere desdobrar e ampliar a rúa Chantada entre...

O Concello de Monforte quere desdobrar e ampliar a rúa Chantada entre a rotonda do hórreo e o corredor

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou o anteproxecto desta reforma que pretende mellorar un dos principais accesos á cidade

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Esta proposta, que foi adiantada polo Alcalde no pleno de xaneiro, é unha demanda do Equipo de Goberno que xa lle foi trasladada á conselleira de Infraestruturas da Xunta de Galicia, María Martínez Allegue, nunha reunión celebrada en abril do ano pasado en Santiago. “O vial é de titularidade autonómica e nesa xuntanza expuxemos a necesidade de ampliar o último tramo urbano, comprendido entre a rotonda do Hórreo e a rotonda do Salón do Moble”, explicou o alcalde.

O anteproxecto presentado recolle os detalles das obras a realizar, custes e tempo de execución, que sería de 6 meses unha vez adxudicada a obra e asinada a acta de replanteo. O orzamento da intervención, incluíndo as actuacións previas e outras cuestións como as instalacións de saneamento e alumeado, o peche de parcelas, o mobiliario urbano e o axardinamento, ascende a 2.586.847,37 euros.

A actuación proposta afecta a un tramo de 1.400 metros da rúa Chantada, comprendido entre a rotonda do Hórreo e a rotonda de saída ao corredor da denominada LU-617, entre os puntos quilométricos 0,000 e 1,400. “Falamos dunha entrada ao centro urbano, comercial e dotacional de Monforte cun elevado tránsito de vehículos e peóns (sobre todo na parte inicial), que precisa dunha transformación que permita un tráfico máis fluído e máis seguro”, explicou o Alcalde.

De dous a catro carrís

Proxéctase unha ampliación da vía en anchura pasando dos dous carrís actuais a catro, con dúas calzadas de 7 metros cada unha separadas por unha mediana de 1 metro. Así mesmo, crearanse áreas de estacionamento e beirarrúas en ámbolos dous lados da rúa.

O deseño proxectado mantén as dúas rotondas existentes emprazadas unha na entrada do Cemiterio municipal e outra no acceso á rúa María Paz de Tor, que serían ampliadas para situarse centradas co eixe da vía, xa que unha de elas non o está na actualidade. Con esta actuación, ambas rotondas pasarán a ter 32 metros de diámetro exterior de calzada e 11 metros de diámetro interior.

A intervención contempla a plantación de árbores (tileiros) nas beirarrúas dos dous laterais e un novo alumeado público con luminarias led en columnas de 10 metros de altura, máis adecuadas ás características da nova vía.

Empregarase aglomerado en quente, coas correspondentes marcas viais e as beirarrúas peonís terán pavimento de baldosa de formigón. Para esta actuación haberá que expropiar e demoler varios peches de parcelas, unha edificación en planta baixa e terreos sen edificar nalgunhas zonas.

En definitiva, concluíu o Alcalde, “falamos dunha actuación necesaria baseada no estado actual da rúa e na intensidade do tráfico de vehículos e peóns que soporta diariamente. O óptimo neste caso é unha vía con dobre calzada, aparcamentos e beirarrúas. Confiamos, polo tanto, en que a Consellería de Infraestruturas atenda esta demanda e dea os pasos que ten que dar para que Monforte conte cun acceso adecuado nesta estrada autonómica”.

Plano rúa Chantada / Concello de Monforte

ÚLTIMAS

Roberto Castro: “A xente vén pola cereixa e quédase e repite porque lles gusta tamén a zona da praia fluvial”

A festa terá lugar na praia fluvial de San Clodio e contará coa participación...

Os premios literarios Xosé de Arxeriz entregaranse o 12 de xuño

O I Certame Literario Xosé de Arxeriz, dirixido ao alumnado do último ciclo de...

Chantada divulga os seus recursos turísticos en Festur ata o 7 de xuño

Ata o 7 de xuño, Silleda é unha vez máis o punto de encontro...

20 alumnos fórmanse no obradoiro de emprego Os Soutos II que comparten Láncara, Paradela e Samos

A Xunta destina 454.500 euros a financiar o obradoiro dual de emprego Os Soutos...