HomeEconomíaTomé celebra que Monforte leva 12 anos consecutivos sen subir taxas e...

Tomé celebra que Monforte leva 12 anos consecutivos sen subir taxas e impostos municipais

O alcalde destaca que “esta política fiscal non só supón manter conxelados os tributos municipais, senón que tamén permite aplicar reducións en determinados servizos, como a rebaixa do 50 % na fiscalidade da ordenanza do Cemiterio por sepulturas e transmisións, aprobada en 2020, así como as reducións aplicadas nas tarifas do Conservatorio Municipal”.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou este venres, que por duodécimo ano consecutivo non haberá subida de taxas e impostos municipais no Concello de Monforte; tal e como recolle a proposta de modificación de ordenanzas fiscais para os orzamentos do ano 2027, que será levada ao Pleno da Corporación Municipal na sesión ordinaria prevista paro o vindeiro luns 26.

Deste xeito, Monforte completará 12 anos sen subidas da fiscalidade municipal desde a chegada de José Tomé á Alcaldía, en 2015. “Son tres mandatos consecutivos nos que este Equipo de Goberno mantivo esta liña de actuación, que se traduce en doce exercicios orzamentarios sen incrementos xerais das taxas e impostos municipais”, afirma José Tomé.

A proposta de ordenanzas fiscais para 2027 que vai a pleno o vindeiro luns 26 de outubro mantén a conxelación das taxas e impostos municipais, coas actualizacións que correspondan naqueles servizos cuxos contratos contemplan revisións de prezos vinculadas ao Índice de Prezos de Consumo (IPC).

Neste grupo atópanse o abastecemento de auga e saneamento, a recollida e xestión do lixo e a piscina municipal, nos que as actualizacións dependen das condicións establecidas nos respectivos contratos e da evolución do IPC.

No caso do servizo de Abastecemento de auga, rede de sumidoiros e depuración, aplicarase a actualización correspondente ao IPC establecido a xullo de 2026, que se sitúa no 3,6 %.

No referido á Recollida e tratamento do lixo, no que se aplica unha actualización do 85% do IPC, “mantense o sistema de incrementos graduais recollido na ordenanza municipal aprobados o pasado ano para compensar a subida do canon aplicado por Sogama”. A cota tributaria no recibo do lixo consistirá nunha cantidade variable que se modificará anualmente atendendo ao número de toneladas xeradas no exercicio anterior, distribuídas bimensualmente en dous conceptos: Sogama e Coste do Lixo, e que se esixirá por unidade de inmoble, en función da súa natureza. 

Coas tarifas previstas, o recibo do lixo para as vivendas da zona urbana pasa dos 19,05 euros do ano actual, a 20,80 euros no 2027, dos que 11,04 euros corresponden á parte variable de Sogama e 9,76 euros ao custo do servizo de recollida do lixo. Na zona rural, o recibo pasa de 9,54 euros a 10,43 euros, dos que 5,53 euros corresponden a Sogama e 4,89 euros ao custo do servizo de recollida do lixo. Estes recibos terán periodicidade bimensual. As tarifas aplicables ás empresas variarán en función da actividade e do tamaño das instalacións, conforme ao establecido na ordenanza municipal.

Rebaixas e bonificacións fiscais

Xunto coa continuidade da conxelación fiscal, o Concello mantén as medidas de redución e as bonificacións destinadas a favorecer a actividade económica, a creación de postos de traballo e a implantación de empresas no municipio.

Entre elas figuran as bonificacións aplicadas sobre o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), o Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) e o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), nos termos previstos nas ordenanzas correspondentes.

Estas medidas, apunta o rexedor, “complementan a política de estabilidade fiscal deste Equipo de Goberno, co propósito de apoiar as familias, favorecer o investimento e contribuír ao desenvolvemento económico de Monforte”.

No referente á Ordenanza Fiscal Xeral dos Ingresos Municipais, modifícase o calendario fiscal para adecualo ás datas laborais do vindeiro ano 2027.

-Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica: do 12-04-2027 ata o 14-06-2027.

-Imposto de Bens Inmobles: do 05-08-2027 ata o 05-10-2027. Neste caso, os recibos superiores aos 100€ fraccionaranse en dous cargos: o primeiro, polo 60% do importe, farase o 5 de agosto de 2027, e o segundo, polo 40% restante, o 7 de decembro de 2027.

-Imposto sobre Actividades Económicas: do 18-08-2027 ata o 20-10-2027.

Os recibos dos servizos da auga e a recollida do lixo pasaranse bimestralmente.

ÚLTIMAS

Máis de 200 deportistas no III Ciclocros Concello de Taboada que se celebra este 25 de outubro

A proba, organizada polo CC Chantadino coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo,...

Sober abre este 24 de outubro o ciclo Música no Outono con Hava Dúo

O dúo de trombón e acordeón ofrece unha viaxe sonora por distintas épocas e...

“Cuando el Camio Mata” do escritor berciano, Pepe Gómez Sandes, preséntase este venres en Sarria

Sarria acolle este venres, 23 de outubro, a presentación de «Cuando el Camino Mata»,...

A xeoloxía do Xeoparque Montañas do Courel protagonista no encontro ‘Camiños de Ciencia’

Quiroga acollerá este venres 23 de outubro a terceira parada de Camiños de Ciencia,...