María Núñez Martínez sabe o que é emprender dende moi nova. Concretamente aos 18 anos, idade na que iniciou o seu propio camiño no comercio. Dende aquela e ata hoxe suma máis de tres décadas no sector e cunha traxectoria na que chegou a estar ao fronte de 10 tendas con máis de 20 persoas traballando nelas.
En todo ese tempo, recoñece que foi “aprendendo, evolucionando e adaptándose a cada etapa”. E subliña tamén a importancia de ter asumido tanta responsabilidade con tantas tendas ao seu cargo. En palabras dela, “a experiencia deume unha visión moi ampla do que significa emprender de verdade, asumir riscos, tomar decisións difíciles e non perder nunca a capacidade de seguir adiante”.
O seu proxecto de moda feminina, caracterizado pola atención personalizada e a proximidade coa clientela, foi evolucionando ata consolidarse arredor da marca FYM MODA, con tendas en Monforte, Ourense e Viveiro. Actualmente suma un novo proxecto, coa recente apertura na cidade do Cabe NUVÉ OLÁ, un espazo de moda especial. En palabras dela, “centrado nun día a día cun punto máis, cunha selección moi coidada e pezas con personalidade, ademais de propostas para invitada e ocasións especiais”.
María Núñez lémbranos que foi socia do Centro Comercial Urbano dende os primeiros tempos da asociación. Entre o 2012 e o 2016 formou parte da directiva, e no 2022 encabezou unha candidatura que se fixo co goberno. A finais de xaneiro de 2026 rematou o prazo para presentar candidaturas para renovar a actual Xunta Directiva mais non se rexistrou ningunha alternativa. Deste xeito, a actual, que preside ela, segue en funcións durante este comezo de ano de xeito provisional para non poñer en risco importantes xestións administrativas e intentar explorar opcións de relevo.
Que a levou en novembro de 2022 a presentar candidatura para presidir o CCU? Foi doado atopar equipo?
Levoume, sobre todo, o sentido da responsabilidade e o compromiso co comercio local. Eu xa coñecía a asociación tamén dende dentro, porque esta era a miña segunda etapa nun equipo directivo: entre 2012 e 2016 formei parte da directiva, primeiro como vogal e despois como secretaria. En 2022 entendín que, nun momento importante para o CCU, había que dar un paso adiante. Nesa decisión tamén foi clave o apoio e o ánimo do xerente da asociación, a quen xa coñeciamos da etapa anterior e co que sempre houbo unha boa sintonía de traballo. En canto ao equipo, nunca é doado atopar persoas dispostas a asumir unha responsabilidade así, porque todos temos os nosos negocios e as nosas obrigas, pero conseguimos conformar un grupo comprometido e con experiencia, no que había tamén compañeiros e compañeiras da primeira directiva da que formei parte, algo que axudou a achegar coñecemento da asociación, responsabilidade e continuidade no traballo.
Estabamos saíndo da pandemia, como lembra eses primeiros tempos na presidencia?
Lémbroos como unha etapa especialmente delicada. Viñamos dun período moi duro para o comercio, con moita incerteza, cambios nos hábitos de consumo e unha necesidade clara de volver xerar confianza e movemento na rúa. Foron meses de moita prudencia, pero tamén de moito traballo, intentando que o CCU estivese á altura do momento e que a asociación seguise sendo útil para os establecementos asociados.
Como lle cambiou a vida e a perspectiva das problemáticas do comercio local vistas dende dentro?
Cambioume bastante a perspectiva, porque unha cousa é vivir os problemas dende o teu propio negocio e outra moi distinta é velos dende unha entidade que representa realidades moi diversas. Eu levo moitos anos no comercio e pensei que coñecía ben as súas dificultades, pero dende dentro da presidencia entendín aínda mellor a complexidade do día a día de moitos negocios, as diferenzas entre sectores e tamén o importante que é contar cunha estrutura que acompañe, coordine e impulse. Axudoume a ter unha visión máis ampla e máis consciente do valor do traballo colectivo.
“unha cousa é vivir os problemas dende o teu propio negocio e outra moi distinta é velos dende unha entidade que representa realidades moi diversas”
De xeito resumido, con que melloras conseguidas co seu equipo directivo se sente máis satisfeita, e con cales menos?
Do que máis satisfeita me sinto é de ter contribuído, xunto co equipo directivo, a manter viva unha asociación activa, con presenza e con capacidade de seguir organizando campañas e iniciativas nun contexto nada sinxelo. Creo que se fixo un bo traballo en equipo, e tamén hai que recoñecer o papel fundamental do xerente, que leva o peso do día a día da asociación dende hai case unha década e que foi determinante para darlle continuidade, orde e capacidade de execución ao proxecto. En canto ao que quedou menos conseguido, diría que sempre nos gustaría chegar máis lonxe, lograr unha participación aínda maior e dispoñer de máis tempo e máis recursos para desenvolver determinadas ideas. Nunha entidade como esta, sempre quedan cousas por mellorar.
A relación coas asociadas e cos asociados foi boa, colaborativa e fluída estes anos?
En xeral, si. Como ocorre en calquera colectivo amplo, sempre hai persoas máis colaborativas ca outras e tamén algunhas que ven as cousas máis dende o seu interese particular, algo que forma parte da propia convivencia asociativa. Pero, por sorte, maioritariamente a relación foi correcta, respectuosa e fluída, e houbo boa disposición por parte de bastante xente para sumar, participar e contribuír ao traballo común.
Ao final, cando unha asociación segue funcionando, mantendo actividade e sacando campañas adiante, é porque existe unha base de asociados e asociadas que entende o valor de colaborar e de remar na mesma dirección, máis alá das diferenzas puntuais que poida haber.

Boa receptividade en xeral dos e das comerciantes coas actividades de dinamización realizadas?
Si, penso que en xeral houbo boa receptividade. É certo que unhas campañas conectan máis ca outras, dependendo do momento, do tipo de negocio ou da dispoñibilidade de cada establecemento, pero en conxunto creo que o comercio valorou o esforzo feito. O importante é que o CCU segue sendo visto como unha ferramenta útil para atraer xente, xerar movemento e axudar a dinamizar Monforte.
Que opinión lle chega deles respecto da xestión realizada?
Chegan opinións diversas, como é lóxico, pero creo que en xeral houbo recoñecemento ao traballo realizado, á dedicación e á vontade de manter activa a asociación nun momento complexo. Cando un asume unha responsabilidade así sabe que non todo vai gustar por igual, pero eu quédome coa tranquilidade de ter traballado con honestidade, con responsabilidade e pensando sempre no interese xeral do comercio local.
“creo que en xeral houbo recoñecemento ao traballo realizado, á dedicación e á vontade de manter activa a asociación nun momento complexo”
Mantivéronse ou aumentaron nestes catro anos os establecementos asociados na cidade?
Nun contexto tan complicado como o actual, no que o pequeno comercio leva anos afrontando dificultades importantes, manter unha base asociativa relevante xa é algo moi valioso. Houbo movementos, altas e baixas, como é normal, pero o importante é que o CCU segue a representar unha parte moi significativa do comercio local de Monforte e continúa sendo unha entidade de referencia na cidade.
Como comerciante que é, considera que o comercio local resistirá ou seguirá perdendo presenza ata incluso desaparecer en certos sectores de actividade?
Eu non son fatalista, pero si realista. O comercio local vai seguir existindo, porque ofrece cousas que non poden substituír nin as grandes superficies nin internet: proximidade, confianza, trato humano, coñecemento da clientela e identidade de cidade. Agora ben, tamén é certo que hai sectores máis fráxiles ca outros e que, se non hai relevo, apoio e capacidade de adaptación, algúns negocios van desaparecer. E aí tamén debemos facer autocrítica como comerciantes: ás veces cústanos innovar, modernizarnos, colaborar máis entre nós ou adaptarnos á rapidez coa que cambian os hábitos de consumo. O futuro non está garantido para ninguén, e por iso hai que traballalo, mellorar e esforzarse cada día para seguir sendo útiles e atractivos para a clientela.
“tamén debemos facer autocrítica como comerciantes: ás veces cústanos innovar, modernizarnos, colaborar máis entre nós ou adaptarnos á rapidez coa que cambian os hábitos de consumo”
Que nos librará desa hipotética desaparición?
Libraranos a capacidade de adaptarnos, de profesionalizarnos, de colaborar máis e de facer ver á xente que mercar no comercio local é moito máis ca unha simple compra. É apostar por unha cidade con vida, con servizos, con escaparates acesos e con relación humana. O comercio local non é só economía: tamén é identidade, dinamismo e calidade de vida para quen vive aquí.
Rematado o mandato, non se presentou ningunha candidatura para coller o goberno da entidade. Por que cre que se deu este escenario? Chegarán opcións nestes meses nos que prorrogaron provisionalmente o seu mandato?
Creo que este escenario responde a unha realidade que non é exclusiva do CCU. Cada vez custa máis atopar persoas dispostas a asumir responsabilidades deste tipo, porque requiren tempo, implicación, preocupación e tamén un certo desgaste persoal, e todo iso hai que compatibilizalo co propio negocio e coa vida persoal. Eu non o interpreto como falta de interese polo comercio local, senón como reflexo das dificultades reais que hoxe teñen os proxectos colectivos para atopar relevo. En canto a se poden aparecer opcións nestes meses, eu quero pensar que si. Oxalá este tempo sirva para reflexionar, falar coa xente e facilitar que poida xurdir unha candidatura con ilusión, compromiso e ganas de continuar o traballo.
“Cada vez custa máis atopar persoas dispostas a asumir responsabilidades deste tipo, porque requiren tempo, implicación, preocupación e tamén un certo desgaste persoal, e todo iso hai que compatibilizalo co propio negocio e coa vida persoal”

