Apertura da convocatoria anual de subvencións dirixidas a entidades e asociacións sen ánimo de lucro, inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello de Monforte. Serán beneficiarias todas aquelas que desenvolvan actuacións no ámbito dos servizos sociais e da inclusión social no municipio durante o exercicio 2026.
“Queremos facilitar a estas entidades recursos para a inclusión social, para garantir a autonomía persoal e para brindar oportunidades sociais e educativas, así como axudar a previr a dependencia, desigualdade ou desprotección nas persoas máis vulnerables”, comenta o alcalde.
A contía que se destina do orzamento municipal ascende a 12.000 euros, sendo 2.000 euros o máximo para cada subvención. As actividades acollidas a estas axudas deberán ser desenvoltas no 2026 e como regra xeral o importe máximo da subvención para cada proxecto ou actividade non poderá exceder do 75% do seu orzamento.
OBXECTIVO DAS ACHEGAS
Fomentar e apoiar o desenvolvemento de proxectos complementarios de servizos sociais comunitarios por parte de entidades de iniciativa social previamente inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, atendendo ao seu interese social, calidade, carácter innovador e articulación efectiva coa oferta pública de servizos sociais comunitarios.
ENTIDADES, REQUISITOS E SOLICITUDES
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as entidades de iniciativa social que realicen actividades ou desenvolvan proxectos de interese social para o municipio no ámbito dos servizos sociais que reúnan unhas determinadas condicións quedando excluídas da presente convocatoria as entidades e asociacións de carácter exclusivamente cultural, veciñal, xuvenís, deportivas, ANPAS e profesionais.
Na páxina web do Concello de Monforte están recollidos polo miúdo os requisitos e como presentar as solicitudes, así como o documento formal no que se recollen as BASES.

