Por unha banda actúase no tramo da ronda urbana comprendido entre a rotonda do Peregrino e a rúa Ourense, un vial de titularidade da Xunta de Galicia que foi inaugurado hai 19 anos e que carecía de luminarias, e por outro, un treito do paseo fluvial do río Cabe, concretamente o tramo da marxe dereita na zona de Ramberde, entre o Edificio Multiusos e a Ponte Medieval.
As obras forman parte dun proxecto impulsado polo Concello de Monforte e están financiadas a través do Plan de Sostibilidade Turística do Consorcio da Ribeira Sacra no marco dunha iniciativa dirixida á mellora da eficiencia enerxética nos 26 concellos que integran o consorcio. No caso do Concello de Monforte, o investimento supera os 270.000 euros e está destinada á instalación dun total de 76 luminarias contribuíndo á modernización dos espazos públicos, á redución do consumo enerxético e á mellora da experiencia tanto de residentes como de visitantes.
Na ronda urbana iluminarase a vía con 47 luminarias colocadas en columnas troncocónicas galvanizadas, de 9 metros de altura, cunha distancia aproximada de separación entre elas de 25 metros. A instalación destas luminarias comezou este mesmo martes e está previsto que os traballos estean finalizados o venres. A iluminación do paseo fluvial contempla 29 luminarias colocadas en columnas cilíndricas pintadas, de 6 metros de altura, e colocadas de maneira unilateral aproximadamente a unha distancia de 23 metros entre elas.
No caso do paseo do río Cabe, explica o rexedor, “por ser un treito urbano, instalaranse farolas autónomas que funcionarán con enerxía solar, pero tamén eléctrica en caso de necesidade”. No que respecta á ronda urbana, serán exclusivamente solares, “polo que serán reforzadas con paneis de maior superficie xeradora de enerxía”, indica.
José Tomé indica que “esta actuación permitirá mellorar as condicións de uso e desfrute de dous espazos moi frecuentados, reforzando ademais a seguridade e a accesibilidade en horario nocturno”. En definitiva, conclúe, “co inicio destas obras, seguimos avanzando na mellora das infraestruturas urbanas e na posta en valor dos espazos públicos, ao tempo que resolvemos unha carencia histórica que ningún Goberno anterior resolveu”.

