O Club de Piragüismo Quixós demostra día a día que a súa constancia colleita froitos deportivos e recoñecementos. E como uns levan aos outros, na Gala do Deporte de Monforte –celebrada este pasado venres 26 de xuño–, dous deportistas e o propio club recibiron 3 dos 4 premios aos que estaban nomeados. Concretamente, resultaron premiados Noa Díaz, como ‘mellor deportista feminina absoluta’; Xoel Fernández, como ‘mellor deportista masculino promesa’; e o Club Quixós como ‘mellor entidade deportiva na promoción do deporte’.
E como a actividade deportiva e competitiva non para, o club presume tamén estes días de contar coa piragüista Sara Inés Varela no Mundial de Cracovia (Polonia) que comeza o vindeiro 30 de xuño. Será para ela a súa primeira participación nun mundial e competirá na modalidade de K-1 coa selección española.
COPA DE ESPAÑA EN SORT
Esta fin de semana, o equipo monfortino participou na 2ª Copa de España de Jóvenes Promesas de Slalom 2026 celebrada na vila catalá de Sort, na provincia de Lleida. Chegaba a terras catalás con catro piragüistas: José Liñares (abridor), Lucas Pavón, Antón Liñares, e Xoel Fernández.

O río Noguera Pallaresa foi o escenario onde se disputou esta dura proba que contou con 28 clubs participantes de todo estado, e na que o Quixós competía con 3 rapaces de categoría infantil nas modalidades de K1 e C1.
Chegaron ás finais deste domingo cinco das seis embarcacións, mais só Xoel Fernández Méndez acadou subir ao podio levando un bronce en C-1 e unha prata en K-1. Por clubs, e tendo en conta que acudía cunha representación moi minguada, o Quixós quedou nun meritorio oitavo posto.


