A Biblioteca Municipal do Saviñao, situada no centro urbano de Escairón, anuncia unha nova actividade. Neste caso trátase dunha interesante exposición fotográfica ‘Disparando cos meus ollos’ do ferrolán Carlos Muíños. Poderase ver no baixo do 7 ao 31 de xullo poderá visitarse no baixo do edificio en horario de luns a venres de 8:30 a 14:30 h
“A fotografía de retrato é o xénero fotográfico de referencia de Carlos Muiños, e esta exposición é unha escolma centrada na fotografía de retrato en branco e negro, recompilando traballos desde 2017 ata mediados de 2022”, explica a bibliotecaria Mónica Carballo.
MÁIS DO AUTOR
Carlos Muiños (Ferrol, 1982) estudou Artes Gráficas en Ferrol. Actualmente traballa como técnico especialista de iluminación en artes escénicas, ao tempo que traballa como fotógrafo, videógrafo e deseñador gráfico freelance. É recoñecido polo seu traballo como @ferrolmfh na rede social Instagram ou na súa web www.carlosmuinos.com.
Ademais de múltiples mostras individuais, no ano 2022 o autor participou en 2 exposicións colectivas internacionais: Fotógrafos por el Mundo organizada no Museo de Arte Contemporáneo de Cuzco, Perú, e End of year show. International Photography Exhibition, da Glasgow Gallery of Photography. Ten publicado tamén en diversas revistas especializadas en fotografía artística como: DocuMagazine (Finlandia) ou Sonymage (España) DNG Photo Magazine (España), LF Magazine (España), Maraña Magazine (España), Lybell (Estados Unidos).

AVANCE DOUTRAS ACTIVIDADES
Na segunda quincena de xullo está previsto que teña lugar o obradoiro para adultos de bolsos infantís con cariñas, actividade que por motivos organizativos non se puido levar a cabo en xuño como estaba anunciado. Informarase a través das redes da biblioteca.
O número total de prazas dispoñibles é de 10, é preciso inscribirse con antelación e tén un custo de 25 € por persoa (inclúe os materiais do bolso para levar e o asesoramento profesional dunha experta). As inscricións poden facerse presencialmente na biblioteca ou no teléfono 982 452324.

