A nova de declarar Ben de Interese Cutural do patrimonio immaterial de Galicia para a Romaría da Nosa Señora dos Remedios da Ermida chega no momento preciso do comezo das Festas da Ermida e de San Vitorio, parroquias quiroguesas que honran á Virxe dos Remedios estes días, concretamente do 7 ao 9 de setembro. No programa, ademais da oferta musical, destaca a devandita romaxe (8 e 9 de setembro), na que a procesión coa patroa, xunto coa danza do Meco e As Pampórnigas, son as protagonistas.

No que se refire ao camiño iniciado para a solicitude de Ben de Interese Cultural, dicir que esta partiu dunha iniciativa popular e que incluía unha ampla documentación que xustifica o cumprimento dos requisitos esixidos: antigüidade, singularidade, arraigo, valor cultural, accións promocionais… Na memoria, realizada polo licenciado en historia, Manoel Carrete, destácase o amplo valor cultural desta festa, así como a súa celebración ininterrompida, que só se viu truncada polas restricións da pandemia nos anos 2020 e 2021. Ademais, está documentada a súa existencia desde o ano 1622 como unha celebración que xa traspasaba os límites parroquiais e que na última celebración estímase que participaron 5.000 persoas.

A memoria abrangue unha chea de elementos que fan desta romaría unha manifestación popular merecedora de protección e recoñecemento oficial: a novena, a procesión e os ofrecidos –tanto os que acoden descalzos coma os amortallados (cuberta a cabeza cun pano branco como ofrenda debido á curación dalgunha doenza grave)–, a propia Virxe dos Remedios, O Meco, As Pampórnigas, a peza musical propia desta procesión, os exvotos –ofrendas que deixan os fieis que recibiron un don ou unha curación e nos que se inclúen os cadros votivos que se sacan o día da festa–, unha Capela portátil e unhas esposas que se conservan na igrexa.
Sobre a novena, que se celebra do 30 de agosto ao 7 de setembro, destaca a participación de persoas non só da localidade, senón tamén doutros lugares do municipio. Actualmente, aínda se realiza un antigo costume consistente en que un pequeno grupo de homes cantan nove loas á Virxe.
PROCESIÓN DA VIRXE DOS REMEDIOS
A Virxe dos Remedios sae en procesión os días 8 e 9 de setembro, e faino acompañada dunha serie de elementos. De primeiro vai “O Meco” cunha máscara –que segundo os expertos data do século XVII ou XVIII–, anunciando a súa presencia por medio dunhas castañolas. Así mesmo, esta figura emblemática porta unha vasoira de toxos para ir arredando ás persoas de xeito que deixen paso á procesión. Canda O Meco van “As Pampórnigas”, dous xigantes que representan a un home e unha muller –poderían datar, segundo documentación do arquivo parroquial, de finais do século XIX–. Xunto aos anteriores, tamén vai un grupo de gaiteiros vai tocando unha peza tradicional da comunidade, recuperada polo gaiteiro contemporáneo Colomán González. E a seguir, ademais das romeiras vestidas co traxe tradicional galego que acompañan e levan a ombreiros á Virxe, salientar o estandarte parroquial, a propia imaxe da Virxe, e unha escultura –de autor e escola descoñecidos, quizais de principios do século XV–. Disque tamén, que en tempos había uns danzantes que bailaban ao redor da advocación mariana o que eles nomeaban como “A danza”.
Ademais do comentado, a singularidade desta romaría que acada o recoñecemento de BIC, está en que se conservara dende hai tanto tempo malia as prohibicións, de tempos pretéritos e por parte de autoridades civís e eclesiásticas, das aparicións das figuras do Meco e As Pampórnigas. Representacións estas que seguiron de forma ininterrompida participando na celebración. Así mesmo, tamén resulta chamativa a comitiva barroca dos Remedios da Ermida que segue espertando hoxe en día a mesma atracción de hai séculos.
O MECO EN ACCIÓN
Este martes 8 de setembro foi o seu primeiro día de acción no adro da Igrexa da Ermida. Esta figura protagonista da romaría entretén á xente que queda no adro e os asistentes participan dunha sorte de xogo no que lle tiran moedas ao chan para que se agoche a collelas e aproveitar este intre para vacilalo e pegarlle losqueadas na caluga. O Meco leva unha “molida” para amortecer os golpes e deféndese como pode cunha vasoira de toxos contra aqueles e aquelas que se queren mofar del. O mércores 9 volverá facer das súas cara as 13:00 h.
Adóitase dicir que representa ao Demo, mais segundo un artigo de Xosé Estévez neste medio ábrese a hipótese de que poidera representar a Prisciliano.


ESPERANDO POLA DECLARACIÓN DE FESTA DE INTERESE TURÍSTICO
Outro posible recoñecemento está en camiño. O Concello de Quiroga solicitou en maio do 2025 que se declarara esta romaxe como Festa de Interese Turístico. Esta solicitude foi aprobada daquela por unanimidade en sesión plenaria, recollendo unha iniciativa parroquial –dirixida polo párroco Jesús Río e apoiada por diferentes asociacións–, co fin de que a Xunta de Galicia recoñeza oficialmente o seu valor como patrimonio inmaterial galego.


