O programa de envellecemento activo que promove o Concello de Monforte bota a andar coa apertura do prazo de inscricións nas diferentes actividades que ofrece para esta nova edición, correspondente ao período 2026-2027. A oferta contempla unhas 13 actividades e 741 prazas, das que 714 serán ordinarias e 27 adicionais, estas últimas reservadas para persoas usuarias dos Servizos Sociais municipais, segundo a valoración dos profesionais e os seus correspondentes plans de intervención. Desenvolverase nas instalacións do Centro Cívico e nalgúns locais sociais das parroquias monfortinas.
Días atrás, na presentación do coñecido como ‘Programa Activa’, José Tomé explicou que as devanditas prazas adicionais forman parte das medidas de acción positiva destinadas a facilitar a participación de persoas que se atopan en situación de maior vulnerabilidade social. Así mesmo, mantéñense tamén prazas reservadas para persoas con discapacidade.
No que se refire á oferta de actividades, e como novidade deste ano, incorpórase unha nova proposta: CuidArte. Está pensada para traballar o benestar físico, emocional e social das persoas maiores e, especialmente, daquelas que tamén desenvolven tarefas de coidado. A actividade, explicou o Alcalde, “busca fomentar o autocoidado, a autoestima e o benestar físico e emocional, ofrecendo ferramentas que axuden a afrontar o día a día e lembrando que coidar das demais persoas tamén implica aprender a coidarse a un mesmo”.
O programa ten, ademais, carácter interxeracional, co obxectivo de fomentar a convivencia entre maiores e mocidade. Así, inclúe actividades dirixidas a persoas maiores de 55 anos, pero tamén, segundo a modalidade, á xente nova. Nesta edición, e como novidade, as actividades interxeracionais estarán abertas a rapaces e rapazas desde os 14 anos, reducindo así a idade de acceso para facilitar a incorporación da mocidade, xa que antes había que ter 16 para participar.
Neste senso, tamén se manterán os obradoiros interxeracionais de Nadal, proposta que se deseñou no seu momento para favorecer as relacións entre os avós e netos durante o período do Nadal.
OFERTA DE ACTIVIDADES NAS PARROQUIAS
A oferta de actividades non se limita ao núcleo urbano de Monforte, senón que achega actividades ás parroquias, en función da demanda existente e das solicitudes realizadas a través dos representantes das parroquias, pedáneos ou asociacións. Neste caso, estímase unha participación de arredor de 268 prazas tendo en conta os datos da edición anterior.
“Queremos que o Programa Activa estea presente en todo o municipio e que as persoas maiores das parroquias tamén teñan espazos de encontro, participación e actividade”, sinalaba o Alcalde na presentación do Progama Activa.
Nas parroquias poderán desenvolverse actividades como Conservando a memoria, Manualidades, Costura creativa e básica, Ximnasia de mantemento e Bailes de salón ou Bailes latinos, segundo as necesidades e solicitudes de cada zona.
PRAZO DE INSCRICIÓNS E GRATUIDADE DAS ACTIVIDADES
O prazo ordinario de inscrición permanecerá aberto do 16 ao 30 de setembro de 2026, ambos incluídos. As solicitudes deberán presentarse mediante o formulario correspondente no Rexistro dos Servizos Sociais, no Rexistro Municipal ou a través da sede electrónica do Concello de Monforte.
Con carácter xeral, cada persoa poderá participar nunha actividade no Centro Cívico-Social, co obxectivo de facilitar unha distribución máis equilibrada das prazas e permitir que un maior número de persoas poida acceder ao programa. No caso de quedar inicialmente en lista de agarda e obter posteriormente praza noutra actividade durante o período extraordinario, a persoa pasará a participar na nova actividade e deixará de formar parte da lista de agarda anterior. Se o número de solicitudes supera o de prazas dispoñibles, a adxudicación realizarase mediante sorteo público.
Todas as actividades do Programa Activa son totalmente gratuítas para as persoas participantes, xa que están financiadas integramente polo Concello de Monforte de Lemos tendo en conta, ademais, que nesta edición o investimento aumenta en 5.000 euros ata alcanzar os 65.000 euros.

