HomesociedadeJulio Ferrín o 'Recanteiro froiteiro' do Luar

Julio Ferrín o ‘Recanteiro froiteiro’ do Luar

O quirogués representa ás terras de Lugo Sur nunha nova edición de 'Recantos', concurso de canto que comezou este pasado venres 18 de setembro coa nova tempada do mítico Luar da Televisión de Galicia.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Julio Ferrín naceu na Ribeira, en Quiroga, e tras vivir uns anos en Arteixo decidiu facer a viaxe de volta cara a súa Quiroga natal, concello no que dende hai uns anos rexenta unha froitería.

De pequeno empezou a sentir atracción pola música, feito do que demos conta neste mesmo medio alá polo ano 2020, e xa no instituto os seus cantos nas duchas escoitábanse alén dos vestiarios e eran aplaudidos pola comunidade educativa do centro. Despois, no 2019, conta Julio que lle deu por usar unha aplicación de karaoke para cantar e comezou a difundir as súas interpretacións polas redes con notable éxito de seguimento. Neste mesmo ano empezou tamén a ser contratado para amenizar diferentes eventos e despois da pandemia gravou o seu primeiro disco, traballo no que recolleu varios temas e co que decidiu destinar os beneficios das vendas a comedores sociais de Galicia.

No panorama televisivo pasou polo programa Bamboleo e tamén no Quen canta aquí?, ambos da Televisión de Galicia. E xa máis recente, no ano 2025, foi a súa participación no casting de A Liga dos Cantantes Extraordinarios. “No casting gusteilles moito e dixéronme que sería unha oportunidade boa que me colleran no Recantos”, di Ferrín.

CAMIÑO DE LUAR

O cantante quirogués andaba preto de alcanzar un novo programa televisivo e no 2026 xurdiulle a posibilidade de participar no casting de Recantos para a nova edición no Luar 2026-2027. Apuntouse e tivo o primeiro casting no Bierzo, concretamente no Teatro Municipal Vergidum de Ponferrada. Foille ben, pasouno, e deulle dereito a participar na Gala Final de Recantos que se fixo no Teatro Jofre de Ferrol a principios deste mes de setembro. Tamén lle foi ben e saíu escollido para formar parte dos 20 recanteiros que participarán no concurso de canto desta tempada no Luar.

A estrea de tempada do Luar foi o pasado venres, 18 de setembro, día no que se fixeron as presentacións dos/as recanteiros/as aínda que Julio non tivo a oportunidade de participar coas súas primeiras interpretacións en directo. “A experiencia está moi ben e estou moi ilusionado”, di Ferrín comentando que vai coa intención de pasalo ben e seguir aprendendo no mundo da interpretación. Agora quedan por diante as diferentes fases clasificatorias e ver ata onde pode chegar, expectativas que seica non lle quitan o sono e tendo claro que ten que atender a súa froitería e encaixar horarios profesionais e familiares coa dinámica de Recantos todos os venres.

“A experiencia está moi ben e estou moi ilusionado”

Para rematar a nosa conversa preguntámoslle pola repercusión que está tendo a súa participación e se recibiu moitas felicitacións. “A verdade é que estou flipando. Sorprendeume moito a xente que atopei o venres no plató que non me coñecía de nada e xa me parou para felicitarme. Unha señora do público díxome ‘es o que máis me gusta de todos’… Aínda non empecei, e xa me din estas cousas”, comenta Julio.

ÚLTIMAS

IGV denuncia que a Deputación convoca axudas para a vivenda do seu persoal e non impulsa unha política propia de vivenda social

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) do 17 de outubro de 2026 recolle unha...

A Cooperativa Lemos celebra a súa xuntanza anual e cea de confraternidade

A Cooperativa Lemos celebrou a súa xuntanza anual e cea de confraternidade para apoiar...

Agroma Sober leva a pleno revalorizar a Amandi, mellorando vías e fontes

A pesares de ser o nome que dá sona e historia aos viños da...

O BNG de Monforte presenta unha moción para que o Concello priorice o traballo cos bancos que manteñen atención presencial na cidade

O BNG de Monforte de Lemos presentou unha moción ao Pleno municipal para reclamar...