A curtametraxe ‘Cara de cona’, con moi boas críticas e recoñecementos en festivais nos que está participando, recalou en Sober onde a veciñanza puido gozar dunha proxección na Casa da Cultura o pasado sábado, dentro do programa das Festas do Carme.
Éxito de público tendo en conta ademais que acudiu moita xente de Sober e de Pantón, concellos nos que se gravou. Moitos dos presentes participaron tanto como extras como permitindo e facilitando a gravación de escenas nas súas propiedades, co cal para eles foi unha satisfacción engadida. O director, Guillermo Oliveira, trasladou na presentación inicial á proxección o seu agradecemento a todos e todas por esa xenerosidade.
Cara de Cona é unha comedia negra de 17 minutos producida por Zapruder Pictures e distribuída por Madrid en Corto, cun elenco integrado por Milo Taboada, Diego Anido, Nancho Novo e Cristina Andrade. A trama aborda cun ton irónico a obsesión de Moncho polo seu novo veciño e o plan que elabora para acabar coa súa vida.
No que respecta ao seu percorrido de participación en festivais e recoñecementos, esta obra audiovisual entrará na carreira cara os Goya tras gañar o X Premio de Curtametraxes de Cartagena Negra.


