Dos creadores das Galletas Xianas de Taboada, xorden agora as galletas “Papeiras”. Unha aposta pola diversificación para achegar ao mercado un novo produto que se presenta con tres sabores diferentes: manteiga, améndoa e manteiga con pibides de chocolate.
CAL É A ORIXE DO SEU NOME
Segundo explican no obrador de Galletas Xianas de Taboada, “contan os maiores da zona, que durante a vendima nos viñedos da Ribeira Sacra intercambiábanse uns aturuxos entre os viticultores das dúas beiras do Miño. Os do lado de Taboada, Chantada e Carballedo berrábanlles aos da otra beira: ‘Ei Rabudos’, mentres que os do lado de Pantón e O Saviñao respostaban: ‘Ei Papeiros’. Din que a orixe de “Rabudos” viña de “rabinos”, pola antiga influencia dos xudeos na zona de Lemos, mentres que a orixe de “Papeiros” viña de “Papa” debido á influencia católica na outra beira”.
Ao igual que todolos productos elaborados neste obrador de Taboada, as ‘Papeiras’ contan con Selo de Artesanía Alimentaria de Galicia (a!) que garante a súa elaboración artesanal e natural (sen aditivos, conservantes nin colorantes) empregando materia prima de calidade.

