A través dunha lectura coral, o alumnado do centro pronunciou o seu discurso baixo o título “O tesouro de Triacastela”, que comezaba así, “Hai lugares que aparecen nos mapas. Outros polos que simplemente pasamos. E hai lugares que, cando os coñecemos en profundidade, pasan a formar parte de nós. Triacastela é un deses lugares. Un pequeno territorio rodeado de montañas, sucado por ríos e atravesado por camiños que contan historias.”
A historia que contaron os 19 nenos e nenas foi a dun neno e unha nena, veciños da vila, que buscaban un tesouro agochado. Na súa procura fóronse achegando a todas as aldeas do Concello, como Santalla de Alfoz, A Balsa, Cancelo, Lamas, Santa María do Monte, Toldaos, Vilavella ata volver á escola onde descubriron que o tesouro estaba nas persoas, nas que estiveron, nas que estamos e nas que están por vir.
Remataron reivindicando que “é un día para celebrar, para encontrarnos. Para coñecer os produtos da nosa terra. Para valorar o traballo das persoas que manteñen vivos os nosos oficios e tradicións. Tamén para lembrar que detrás de cada produto hai unha historia, unhas mans… unha persoa que mantén viva a tradición. Os nenos e nenas do CEIP Eduardo Cela Vila queremos ser parte desa tradición, recibindo o legado dos que estiveron antes, aceptándoo e coidándoo. Lembrando a Sementeira de Fuxan Os Ventos, un pobo estará vivo mentres medre un meniño, un vello e un cantar”.
A Feira de Artesanía e Produtos da Zona de Triacastela é un punto de encontro para poñer en valor o talento artesán, a gastronomía e os produtos locais. Unha cita que reúne tradición e identidade, dando visibilidade aos produtores e artesáns da contorna e achegando aos visitantes a riqueza cultural e económica desta zona do Camiño de Santiago.
A feira promovida polas Asociacións de Mulleres Rurais de Triacastela e pola Asociación de Artesás do Telar ARTELAR, en colaboración co Concello de Triacastela contou con tempo para a pintura, a literatura, a música e a creación artesanal. Houbo unha demostración de forxa e ferrería a cargo de Jorge Eiroa Forxa e Ferrería, que se desenvolveu na Ferrería da Ponte e un obradoiro de serigrafía sobre soporte téxtil con Peixesapop. A programación completouse cunha proposta de arte floral, na que se traballou na elaboración de coroas de outono, cestas de flores secas e ramos. A gastronomía estivo igualmente presente cunha degustación de produtos galegos e postos de polbo.

Feira Artesanía Triacastela 2026 / Concello de Triacastela

