Unha das aulas da Escola municipal de Música da Pobra do Brollón leva dende este pasado luns o nome de Ricardo Rodicio, veciño que foi concelleiro de Cultura e tenente de alcalde da Pobra do Brollón dende 2011 ata 2025, ano no que tristemente faleceu de xeito prematuro.
Segundo indican dende o concello, Ricardo “amosou sempre unha disposición especial para o fomento e impulso da música tradicional galega e da Escola de Música Samoeiro, da que tamén foi alumno”. E como recoñecemento a este gran labor e compromiso, no Pleno municipal do 17 de outubro de 2025 aprobouse outorgar o seu nome a unha das aulas da Escola.

No emotivo acto celebrado estiveron presentes familia, amizades, compañeiros do Concello e da propia clase de música. Comezou cunhas palabras do alcalde Xosé Lois Maceda, compañeiro e amigo de Rodicio, e rematou cunha peza de pandeireta, tocada e cantada por algúns alumnos da Escola pola que tanto traballou e que tanto desfrutou Ricardo Rodicio.

