HomeCultura“Rumiando”, un libro de Josebe Blanco para reflexionar sobre o xeito de...

“Rumiando”, un libro de Josebe Blanco para reflexionar sobre o xeito de estar no mundo para intentar melloralo

A autora, unha pastora vasco-galega, presenta esta obra o mércores 21 de outubro no Ateneo Casino de Monforte de Lemos ás 20:00 h. Falamos con ela.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Josebe Blanco Álvarez cóntanos que naceu en Salceda de Caselas e ao pouco tempo emigrou cos seus pais ao País Vasco, concretamente a Antzuola, en Guipúzcoa. Conserva o galego por ser a lingua que lle falaron na casa e a relación que conserva con Galicia é basicamente familiar.

Foi traballadora social e profesora nun euskaltegi, centro oficial de ensino da linga éuscara dirixida a persoas adultas. Neste último traballo pediu unha excedencia e foise a un caserío para acompañar á súa parella que tiña ovellas e facía queixos. Dende esta decisión pasaron xa 12 anos, tempo no que Josebe viu claro que era feliz coa súa nova vida no Caserío Pikunieta, como pastora e en contacto directo coa natureza. “Na vida tiven sorte de atoparlle sentido ao que estaba a facer. No seu día tiña sentido o ensino e agora ten sentido para min dar de comer á xente, coidar a terra e ter un rabaño de ovellas… estou feliz co cambio”, dinos Josebe.

Respecto á afección pola escritura, sabemos que hai tempo que escribe. Entre o 2016 e o 2022 escribiu no blog Pikunietatik Hausnarrean e ten colaborado tamén con artigos e columnas en diferentes medios vascos como Goiena e Argia. Fixo tamén un postgrao especializado en escritura creativa e literaria (Escola de Escritores), un proxecto da UNED en colaboración coa Fundación Asmoz, durante dous anos. Nese tempo, ademais de mellorar os seus coñecementos sobre escrita, aproveitou para ir sacando adiante o seu libro “Hausnarrean. Ardiek egin naute artzain”, un diario con experiencias e reflexións (prosa e poesía) acompañadas de fotografías e ilustracións de Eider Uribarrena. A obra, publicada en éuscaro, foi editada por Argia no 2023. Agora, neste 2026, chega traducida ao galego pola propia autora, e editada por Rinoceronte Editora, baixo o título de “Rumiando. As ovellas fixéronme pastora”.

RUMIANDO. AS OVELLAS FIXÉRONME PASTORA

Respecto da obra, Josebe Blanco resúmenos que a primeira parte ten que ver co concepto de ‘Rumiar’ convidando a “reflexionar sobre como estamos no mundo para intentar melloralo” e co obxectivo de atopar xeitos de vida que “alimenten a vida” e que nos leven a “pensar nas vindeiras xeracións”. Na segunda parte, a autora trata xa o seu xeito de estar coas ovellas e de como aprendeu a ser pastora con elas.

No que atinxe ao proceso creativo, a nosa protagonista di que tardou dous anos en escribir “Hausnarrean. Ardiek egin naute artzain”. Explica que “entre os meses de xaneiro e xuño non tiña case tempo para escribir e limiteime a recoller información, tomar notas… e entre agosto e decembro, cun pouco máis de vagar no Caserío, sacaba tempo para escribir e corrixir”, e tamén que “a obra puido saír adiante grazas á colaboración da familia”.

Rematado o libro, e segundo recoñece con satisfacción a autora, “a miña titora animoume a presentalo e publicalo. Así o fixen e a edición en éuscaro (Argia 2023) funcionou moi ben. Estou moi agradecida”. Seica se conformaba con que o mercaran os amigos e a familia pero a obra tivo moi boa aceptación entre o público.

Agora, despois de traducilo ao galego, esta semana está de presentación por diferentes cidades e vilas de Galicia. Este mércores 21 de outubro está no Ateneo Casino de Monforte, ás 20h e acompañada do seu amigo Xosé Rodríguez; o xoves 22 estará no Salón de Actos da Deputación ás 19:30h e o sábado 23 en Salceda de Caselas.

Prólogo de María Sánchez

A obra recolle o día a día da autora co seu rabaño. Entre ovellas e bosques autóctonos que se estrañan, a palabra de Josebe pastorea libre entre anotacións íntimas, poemas, rexistros dos animais, prados, tarefas e queixos, e reflexións acertadísimas ao redor do noso sistema alimentario, a situación crítica da gandaría extensiva e dos pequenos produtores.

‘Rumiando’ non é só un testemuño arredor do pastoreo e da gandaría, senón tamén un espello que nos devolve todo aquilo que perdemos e todo o que poderiamos recuperar. É un manifesto de luz que nos pregunta tamén sen medo como queremos vivir, de que maneira miramos o mañá, cales son as memorias que non estamos dispostos a perder.

Josebe entre ovellas. Foto: Pikunieta Baserria.

ÚLTIMAS

‘Aula Ricardo Rodicio’ na Escola Municipal de Música da Pobra do Brollón

Unha das aulas da Escola municipal de Música da Pobra do Brollón leva dende...

Teatro, cine e citas tradicionais no Outono Cultural de Pantón

O Concello de Pantón a través da Concellaría de Cultura programa unha ampla e...

Formación en Chantada na técnica tradicional de cestería, Bouyricou

Durante a súa visita, Alén destacou a importancia destas accións para a transmisión do...