A proba, organizada polo CC Chantadino coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, levará o espectáculo deportivo ao centro da vila, nun circuíto instalado na contorna do pavillón e do campo da feira. A cita dará comezo ás 10:00h
O vicepresidente da Deputación Efrén Castro, o tenente alcalde de Taboada José Portela, o concelleiro de Deportes Manuel Diéguez e representantes do CC Chantadino presentaron a proba, na que se agarda a participación de máis de 200 deportistas das categorías infantil, cadete, junior, master, sub 23 e elite, masculinas e femininas.
Efrén Castro encadrou o apoio á organización da proba na colaboración que mantén a institución provincial co tecido deportivo lucense, “enfocada en soster a súa actividade competitiva pero tamén en reforzar a súa proxección social coa organización de eventos coma este” e lembrou que “os clubs da provincia están gañando protagonismo dentro do ciclismo galego, acollendo un importante número de probas de ámbito galego, en distintas modalidades”.
Manuel Diéguez reafirmou a aposta do goberno municipal de Taboada polo deporte, “facilitando a súa práctica con investimentos e melloras nos espazos deportivos municipais e tamén apoiando a organización de eventos que contribúan a dinamizar e dar a coñecer o concello no resto do país”.

III Ciclocros Concello de Taboada, presentación / Vicepresidencia Deputación Provincial

