O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou este venres, que por duodécimo ano consecutivo non haberá subida de taxas e impostos municipais no Concello de Monforte; tal e como recolle a proposta de modificación de ordenanzas fiscais para os orzamentos do ano 2027, que será levada ao Pleno da Corporación Municipal na sesión ordinaria prevista paro o vindeiro luns 26.
Deste xeito, Monforte completará 12 anos sen subidas da fiscalidade municipal desde a chegada de José Tomé á Alcaldía, en 2015. “Son tres mandatos consecutivos nos que este Equipo de Goberno mantivo esta liña de actuación, que se traduce en doce exercicios orzamentarios sen incrementos xerais das taxas e impostos municipais”, afirma José Tomé.
A proposta de ordenanzas fiscais para 2027 que vai a pleno o vindeiro luns 26 de outubro mantén a conxelación das taxas e impostos municipais, coas actualizacións que correspondan naqueles servizos cuxos contratos contemplan revisións de prezos vinculadas ao Índice de Prezos de Consumo (IPC).
Neste grupo atópanse o abastecemento de auga e saneamento, a recollida e xestión do lixo e a piscina municipal, nos que as actualizacións dependen das condicións establecidas nos respectivos contratos e da evolución do IPC.
No caso do servizo de Abastecemento de auga, rede de sumidoiros e depuración, aplicarase a actualización correspondente ao IPC establecido a xullo de 2026, que se sitúa no 3,6 %.
No referido á Recollida e tratamento do lixo, no que se aplica unha actualización do 85% do IPC, “mantense o sistema de incrementos graduais recollido na ordenanza municipal aprobados o pasado ano para compensar a subida do canon aplicado por Sogama”. A cota tributaria no recibo do lixo consistirá nunha cantidade variable que se modificará anualmente atendendo ao número de toneladas xeradas no exercicio anterior, distribuídas bimensualmente en dous conceptos: Sogama e Coste do Lixo, e que se esixirá por unidade de inmoble, en función da súa natureza.
Coas tarifas previstas, o recibo do lixo para as vivendas da zona urbana pasa dos 19,05 euros do ano actual, a 20,80 euros no 2027, dos que 11,04 euros corresponden á parte variable de Sogama e 9,76 euros ao custo do servizo de recollida do lixo. Na zona rural, o recibo pasa de 9,54 euros a 10,43 euros, dos que 5,53 euros corresponden a Sogama e 4,89 euros ao custo do servizo de recollida do lixo. Estes recibos terán periodicidade bimensual. As tarifas aplicables ás empresas variarán en función da actividade e do tamaño das instalacións, conforme ao establecido na ordenanza municipal.
Rebaixas e bonificacións fiscais
Xunto coa continuidade da conxelación fiscal, o Concello mantén as medidas de redución e as bonificacións destinadas a favorecer a actividade económica, a creación de postos de traballo e a implantación de empresas no municipio.
Entre elas figuran as bonificacións aplicadas sobre o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), o Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) e o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), nos termos previstos nas ordenanzas correspondentes.
Estas medidas, apunta o rexedor, “complementan a política de estabilidade fiscal deste Equipo de Goberno, co propósito de apoiar as familias, favorecer o investimento e contribuír ao desenvolvemento económico de Monforte”.
No referente á Ordenanza Fiscal Xeral dos Ingresos Municipais, modifícase o calendario fiscal para adecualo ás datas laborais do vindeiro ano 2027.
-Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica: do 12-04-2027 ata o 14-06-2027.
-Imposto de Bens Inmobles: do 05-08-2027 ata o 05-10-2027. Neste caso, os recibos superiores aos 100€ fraccionaranse en dous cargos: o primeiro, polo 60% do importe, farase o 5 de agosto de 2027, e o segundo, polo 40% restante, o 7 de decembro de 2027.
-Imposto sobre Actividades Económicas: do 18-08-2027 ata o 20-10-2027.
Os recibos dos servizos da auga e a recollida do lixo pasaranse bimestralmente.

