HomePolíticaO PSOE de Triacastela acusa ao goberno municipal de bloquear o labor...

O PSOE de Triacastela acusa ao goberno municipal de bloquear o labor de fiscalización da oposición

Segundo explica Fernández, o PP sostén que as contas de 2025 están prorrogadas, pero non facilita os documentos necesarios para coñecer o orzamento vixente, os créditos dispoñibles e as modificacións realizadas. Tampouco entregou o decreto de prórroga para 2026 solicitado polos socialistas.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Grupo Municipal Socialista de Triacastela acusa ao goberno municipal do PP de bloquear o labor de fiscalización da oposición ao manter as trabas de acceso á documentación e ignorar as solicitudes de información sobre a xestión e as contas do Concello. O voceiro, Miguel Ángel Fernández López, responsabiliza á alcaldesa dunha situación que persiste malia as reclamacións realizadas nos plenos e a queixa formal presentada en setembro.

O voceiro sinala que non lle consta a aprobación dun novo orzamento para o 2026 e lembra que o grupo leva reclamando información orzamentaria desde o exercicio anterior. “Non chega con dicir que os orzamentos están prorrogados. A alcaldesa ten que facilitar os documentos que permitan comprobar con que contas funciona o Concello e como se xestionan os cartos da veciñanza”, esixe.

Por iso, os socialistas votaron en contra na Comisión de Contas do venres 16 de outubro e cuestionaron que se sometese a consideración da oposición a xestión económica municipal sen facilitar a documentación reclamada sobre a súa base orzamentaria.

As dificultades de acceso aos expedientes volveron obrigar os representantes socialistas a recoller a documentación presencialmente no Concello. A situación repite o acontecido noutras ocasións: en agosto só puideron consultala 24 horas antes do pleno e en abril a falta de información obrigara a deixar asuntos sobre a mesa.

O voceiro lembra que a queixa presentada en setembro reclama información orzamentaria, as actas pendentes da Xunta de Goberno Local e o cumprimento do calendario de sesións. Segundo o grupo, estas peticións continúan sen ser atendidas.

Lamentan o acontecido coa Comisión de Contas de outubro, convocada para o mércores día 14. Os socialistas acudiron ao Concello na data prevista e souberon alí que a sesión fora aprazada ao venres 16, sen recibir aviso previo. Segundo Fernández, o PP alegou que non dispoñía do seu teléfono, malia que é concelleiro desde 1995. “Esta xustificación é un enorme desprezo cara á oposición”, denuncia.

Advirten tamén que só se celebraron catro xuntas de goberno local este ano, fronte á periodicidade prevista de dúas ao mes. A isto súmanse os incumprimentos do calendario de plenos e as dificultades para acceder ás actas.

ÚLTIMAS

O ‘Bóveda Slam Poetry’ muda de nome e de localización

A entidade cultural Kulturnavila, promotora do "Bóveda Slam Poetry", comunica un cambio de localidade...

Tomé celebra que Monforte leva 12 anos consecutivos sen subir taxas e impostos municipais

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou este venres, que por duodécimo ano...

Máis de 200 deportistas no III Ciclocros Concello de Taboada que se celebra este 25 de outubro

A proba, organizada polo CC Chantadino coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo,...

Sober abre este 24 de outubro o ciclo Música no Outono con Hava Dúo

O dúo de trombón e acordeón ofrece unha viaxe sonora por distintas épocas e...