Caurel Vivo asegura que o concello se enfronta a importantes retos demográficos, sociais e de acceso á vivenda que dificultan a fixación de poboación e a chegada de novos veciños ao municipio. Ao mesmo tempo, existen infraestruturas públicas situadas no termo municipal que actualmente presentan unha utilización limitada ou parcial, como é o caso do cuartel da Garda Civil de Seoane, dependente do Ministerio do Interior.
Lembran que hai máis dunha década presentaron a mesma demanda que o Ministerio rexeitou e volven a insistir ante o empeoramento da situación demográfica e habitacional. “A realidade do Courel evidencia unha necesidade crecente de espazos destinados a vivenda pública, alugueiro social, aloxamento temporal para médicos, enfermeiros, bombeiros forestais, servizos comunitarios e locais ao servizo do tecido asociativo do municipio”.
A cesión total ou parcial dos espazos do cuartel que non resulten imprescindibles para o servizo, consideran que permitiría ao Concello desenvolver actuacións de interese público, contribuíndo á loita contra o despoboamento, á promoción da vivenda e á mellora dos servizos municipais.
Esta medida xa conta con precedentes noutras zonas do Estado, onde inmobles pertencentes á Administración Xeral do Estado foron cedidos a entidades locais para optimizar recursos públicos e dar resposta ás necesidades da cidadanía. E consideran necesario iniciar as xestións oportunas para solicitar ao Ministerio do Interior a cesión total ou parcial destas instalacións, “garantindo sempre a compatibilidade coa prestación dos servizos da Garda Civil”.

