Adif vén de comunicar na súa páxina web e nas redes sociais unha interrupción na circulación ferroviaria da liña León-Monforte de Lemos. A incidencia está localizada na contorna da estación de Freixeiro (Quiroga) no tramo comprendido entre esta localidade e a estación de Sanclodio-Quiroga.
Segundo fontes tamén de Adif, un esvaramento de terras provocado polas persistentes choivas destes días pode ser a causa da incidencia; unha máis a sumar ás acontecidas por motivos semellantes esta pasada semana na contorna de Montefurado e de Pantón.
Para trasladar e garantir a mobilidade dos viaxeiros afectados Renfe habilitou un plan de transporte alternativo de autobuses por estrada.

