O sábado, 28 de novembro ás 18:00 horas no Auditorio Municipal do Saviñao representarase Divers@s de Bátega Teatro. Unha cita para público familiar destinada a nenas e nenos a partir dos 4 anos.
A peza conta a historia dun verme moi espilido pero sen nome, ao que un día lle medraron unhas fermosas ás de cores nas costas. Ese día descubríu que o seu nome era e sempre fora Bolboreta. Bolboreta botou a voar na procura do seu lugar no mundo. Así coñeceu á Cebra Carmela, a mellor das pallasas, mais ela non o sabía e soñaba con ser malabarista, á Leoa Leonarda que era vexetariana e tan tímida, que a súa veciñanza do zoo no que vivía non gostaba dela, a Paco o Macaco, o mellor intérprete de kazoo do mundo ou á gran saxofonista Amanda a Panda. Ninguén semellaba decatarse de que estes personaxes acabarían por convertirse en lendas.

