A Fundación Artesanía de Galicia continúa co desenvolvemento do seu programa de perfeccionamento Fibranzas. Laboratorio das fibras vexetais, enfocado na transmisión das técnicas vinculadas á cestería e nas súas posibilidades no ámbito da artesanía contemporánea. O módulo que vén de rematar en Chantada é o último que se impartirá este ano e a formación continuará en 2027 con dous módulos centrados na técnica tradicional de elaboración de corozas e na cestería aplicada ao paisaxismo.
Durante a formación desta fin de semana combinouse oficio e creatividade. A partir dunha técnica tradicional, combinada con outras xa aprendidas, con remates e acabados diferentes, creáronse obxectos e deseños novos, buscouse a experimentación coa técnica de tecido hexagonal, coa técnica plaiting e coa de tecido intuitivo.
Fibranzas é un programa de formación integral nos oficios vinculados á cestería, desde a produción das fibras ao deseño do produto final, pasando polas técnicas tradicionais e pola arte contemporánea. O programa continuará no mes de xaneiro, co cesteiro, Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén), Premio Nacional de Artesanía 2023 e especializado na cestería en espiral, que impartirá o cuarto módulo dedicado ás técnicas tradicionais avanzadas cun curso sobre o tecido das corozas galegas. O derradeiro e quinto módulo dedicarase a proxectos e técnicas inspiradores e estará centrado no proxecto paisaxístico con fibras vexetais a través da figura do catalán Joan Farré, fundador da empresa Pont de Queirós.
Fibranzas forma parte da iniciativa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, enfocada na transmisión de coñecemento e na captación de novos talentos para asegurar a remuda xeracional no sector artesanal. O proxecto resultou finalista nos Premios Nacionais de Artesanía 2026, na categoría Premio Promociona para Entidades Públicas

Fibranzas en Chantada / Consellería de Emprego

