A Concellería de Turismo de Quiroga impulsa un proxecto no que por primeira vez unha boa parte dos espazos públicos da vila quiroguesa estarán decorados para ambientar as festas de Nadal.
O proxecto, baixo o título de “Soño de Nadal” contará ademais co concurso “Xuntos facemos un Nadal Máxico”, un concurso de decoración de Nadal dirixido a toda a veciñanza e coa intención, como matiza o concelleiro de Turismo, Vicente Parra, “de transformar Quiroga nun lugar máxico durante estas festas”.
CONVOCATORIA PARA DECORACIÓNS DOMÉSTICAS
O concurso terá dous apartados: por un lado decoracións de fachadas de vivendas (casas, edificios e pisos) e por outro decoracións de fiestras e corredores.
Os requisitos para participar son que a casa ou piso estea dentro do termo municipal de Quiroga e que a decoración permaneza a lo menos entre o 18 de decembro e o 7 de xaneiro. Dende o concello advirten que “a retirada da decoración antes desa data suporá a renuncia á participación no concurso”.
Por cada modalidade, na que deberán inscribirse máis de 4 participantes para que poida levarse a cabo o concurso, escolleranse un primeiro e un segundo premio, que recibirán como agasallo cestas de Nadal.
A xente interesada en participar neste concurso deberá inscribirse na oficina de Turismo, ben persoalmente ou ben a través do teléfono 982 43.51.25, entre o 1 e o 18 de decembro. Coa inscrición facilitaranse os seguintes datos: nome, teléfono e enderezo da casa coa que participa. O fallo do xurado e a entrega de premios farase o 28 de decembro na Casa do Concello.

