HomeComarca de QuirogaFolgoso do CourelA 'Festa da Pisa' chega á súa XXII edición

A ‘Festa da Pisa’ chega á súa XXII edición

Tras o parón obrigado pola Covid, Froxán volverá acoller esta senlleira festa gastronómica pre-invernal no corazón do Courel. Será o vindeiro 5 de decembro.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Hai festas que manteñen a esencia das tradicións e que se celebran en marcos incomparables. Este é o caso da ‘Festa da Pisa da Castaña’ que se vén celebrando na aldea de Froxán, no Concello de Folgoso do Courel, dende o ano 1999.

Froxán énchese de visitantes e de vida neste acontecemento que recrea a “pisa da castaña seca” converténdoa nunha celebración de marcado carácter etnográfico que serve tamén de encontro festivo para exaltar este produto e irlle dando a benvida ao inverno.

O pasado ano, por mor da Covid, suspendeuse co cal este ano chegarán á súa edición XXII. “Houbo discrepancias para facela este ano pero ao final decidimos tirar para adiante”, comenta Evaristo Méndez, un dos impulsores da mesma e Presidente da Asociación Fonte do Milagro, entidade que a organiza. “Había que reanimar á xente… se empezamos a deixar de facer as cousas, pérdense”, dinos tamén dando a entender que este tipo de celebracións corren o perigo de desaparecer cando non se mantén unha continuidade.

A Asociación Fonte do Milagro corre coa organización, tendo ademais dos veteráns que empurran, a axuda de xente moza do lugar que lle dá o complemento perfecto á comisión de traballo e colle experiencia para cando lles toque a eles, no futuro relevo xeracional.

Xente da asociación con Touriñán, o ano no que foi pregoeiro. Foto: Guillermo Díaz.

Días atrás, sabendo xa que a ‘Festa da Pisa’ deste ano sería o 5 de decembro, o programa da TVG ‘Quen anda aí?’ dedicoulle uns minutos dando a coñecer este evento e facendo incluso unha demostración de ‘pisado’ e de ‘abandoxado’ participando con membros da asociación, os presentadores Roberto Vilar e Rodrigo Vázquez.

FESTA DA PISA 2021

O evento ten lugar nunha gran eira da aldea de Froxán, na que se instalará unha gran carpa que acollerá o espazo para o xantar, e na contorna da mesma situaranse diferentes postos de artesanía e de alimentación con produtos autóctonos.

No que respecta ao programa, ás 11.30 horas da mañá terá lugar o acendido do sequeiro para amosar aos visitantes como se facía lume para secar as castañas. A continuación, sobre as 12:00 h., terá lugar a demostración de “pisado” e de “abandoxado”.

O pisado consiste en sacarlle as cáscaras ás castañas de forma manual. Entre dúas persoas collen certa cantidade delas nun saco para a continuación golpealo de xeito coordinado contra un tallo ou pisón. O abandoxado, traballo que vén despois, consiste en separar a castaña seca das cáscaras xa desprendidas tras os golpes. Esta tarefa, que require de gran maña e ritmo, faise cun artello de madeira con dúas asas, chamado “bandoxo”.

Xan de Vilar. O ‘abandoxador’ máis senlleiro do lugar. Foto: XMF

Ás 13:00 h. será a hora do pregón. Nesta edición, a dúo, pois as encargadas de tan importante cometido serán as mozas de Aldaolado.

Para as 14:00 h. está programado o xantar tendo como é tradición o “Menú do Pisador” a disposición daqueles que o reserven previamente a través da web da asociación. Están a disposición 225 menús para cumprir cos aforos, e segundo nos indican aínda quedan bastantes reservas. O menú consta dun prato de castañas cocidas con chourizo e panceta, e de sobremesa torta de castaña do Courel. O viño e o café non están incluídos.

‘Menú do Pisador’. Foto: Asoc. Fonte do Milagro.

Xa pola tarde, está prevista unha demostración de Aserrado de madeira e o peche da carpa gastronómia será sobre as 18:30 h.

Evaristo Méndez lembra que se ofrecerán rifas para axudar a financiar o custe da organización cunha extraordinaria cesta de produtos gastronómicos –cedidos desinteresadamente por diferentes empresas– como premio. Así mesmo, agradece a importante colaboración do Concello de Folgoso do Courel.

ÚLTIMAS

Monforte licita por 280.000€ as melloras do pavimento da Avda de Galicia- Rúa Chantada e Rúa Vigo

Ambas actuacións están incluídas no plan de investimentos en infraestruturas viarias que anunciou o...

Olga Novo da man con Begoña Caamaño no Día das Letras en Quiroga, este 15 de maio

Baixo o título, “Begoña Caamaño, a muller que inventaba o mundo”, a escritora e...

A Ribeira Sacra potencia a súa candidatura co 27º encontro internacional do Convenio da Paisaxe

Os participantes poñerán en común as iniciativas que están a levar a cabo nos...