HomeMedio ambiente e PatrimonioCousa Xacobeas: O Camiño en Santa María de Ortoá (I)

Cousa Xacobeas: O Camiño en Santa María de Ortoá (I)

A parroquia de Ortoá, que ata 1890 pertencía ao Arciprestado de Paradela, sendo curato con Barán e Meixente, formaba parte da Xurisdición de Sárria, aínda que o lugar de Santa Marta non debía castelaxe nin obrigas suxeitas aos meiriños da Fortaleza

Publicado o

POR
Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

Pasado o Pontón do Río Vao, que os veciños din “Rioavao”, agora coñecido como Rego de Cervos, deixando atrás a parroquia de San Pedro de Maside, esta variante do Camiño Francés entra na parroquia de Ortoá pola aldea de Santa Marta, e no treito coincidente coa estrada fixeron hai pouco un necesario pasal de madeira que dá seguridade aos peregrinos. E segue a calzada deixando á esquerda A Devesa, A Cruz e O Pico, estas da parroquia de Barbadelo, polo casal da Seara, Barreiros e Nabás, para alcanzar a parroquia de Meixente, entrando nela polo lugar de Mouzós. Atravesa esta calzada as paraxes do Prado de Río Vao, Amilleiro, Cortiña, Souto, Toxeiro, Rego da Seara, Travesas e Agro de Arriba.

Pasal de Río Vao / Alba López

A parroquia de Ortoá era de señorío dos Condes e Marqueses de Sárria agás unha casa do lugar de Rosende e as dúas casas de Santa Marta que en 1763 pertencían a don Diego de Oca, señor de Bergondo e da Torre de Domiz, como foreiro do Bispo de Lugo.

Este treito de 1.650 metros, polo sur da parroquia de Ortoá, estremeiro con Barbadelo, formou parte do chamado “Camiño de Portomarín“, que na década  de 1860 viu nacer unha estrada con orixe no Barrio da Duquesa, en Sárria, que  axiña se viu parada en Mouzós e tardou perto de 70 anos en chegar á vila miñota.

Na actualidade Santa Marta é un lugar con dúas casas, chamadas Casa da Agraceira, que conserva un vello pombal, e Outra Casa, e nese espazo aparecen nomeados en tempos pasados un hospital, unha capela e o Campo do Hospital. Ao longo dos séculos a aldeíña estivo sometida a diversos señoríos e aforamentos tanto eclesiásticos como  de leigos: O Mosteiro de Samos, o Mosteiro da Madalena de Sárria, o Bispado de Lugo, a Encomenda sanxoanista de Portomarín, o Priorado de San Marco de León, o Curato de San Salvador de Sárria, a poderosa familia dos Ribadeneira, os señores da Casa Grande de Sárria e o Señor do Couto de Bergondo, Torre de  Domiz e Couto de Fafián, como señores, foreiros ou suforeiros mantiveron a súa presenza no lugar ata a supresión dos señoríos e a integración definitiva no concello de Sárria en 1840.

Casa da Seara / Alba López

No inventario de bens do Mosteiro de Santiago de Barbalelo adquiridos polo abade Cresconio, datado en 9 de xaneiro de 1079, inclúe “e outra vila que aquí testou García Eriz  en Santa Marta, íntegra “.

Tamén Santa Marta do Camiño Francés, aparece documentada nun pergameo de 23 de maio de 1089 polo que García Eriz e a sua muller Xiloira Osoriz, no que fan doazón ao Mosteiro de Santiago de Barbadelo dunha vila “nosa propia que está aquí na Costa do Páramo, entre Sabenche e o camiño que  conduce a Santiago Apóstolo, Lugar Santo da Aca Marmórea, e foi esta vila de Xoaquín Peláez; de toda a vila concedémosvos a metade para luminarias dos vosos altares e para alimentación dos hóspedes e pobres, e para a sustentación de monxes e frades que no servizo de Deus perseveren; lícita cousa sexa para eles a posesión desta vila coas súas obras por todos os séculos. Amén “.

Esta vila medieval tiña as estremas definidas así: “Damos naquela vila as casas fundadas coa súa poboación e polas estremas antigas isto é: Por onde divide cos homes de Sabenche, e despóis por Barreiros, e despois por termos de Santa Icía e polas estremas de Domiz e polas estremas de Marzán e por termos de Guimarás, ata que remata en termos de Sabenche“. Dentro destas estremas achábanse terras das actuais parroquias de Ortoá e Barbadelo. O documento antedito remata dicindo: “Foi feita carta de testamento da vila que chaman Santa Marta no día oitavo dos idus de marzo na Era Milésima Centésima Trixésima”.

Calzada de Santa Marta /Alba López

O vencello de Santa Marta coa calzada dos peregrinos mantívose por moito tempo, e só a  apertura da estrada de Sárria a Mouzós, fixo que deixase de ser lugar de paso daquelas persoas que ían na percura da Ponte do Miño ou daqueles que dende esta se encamiñaban á vila de Sárria.

Como lugar destacado na vía das peregrinacións adicarémoslle maior atención, porque  aínda que estivo un tanto á marxe da atención dos estudosos, merece que fagamos memoria da súa pasada importancia, agora compartida co “camiño canónico” vencellado ao paso polos lugares mosteirais de Santiago e San Martiño de Barbadelo.

Non se nos oculta, por outra parte, que ademáis do seu vencello aos Mosteiros de Barbadelo, Santa Marta estivo dentro da área de influencia do Mosteiro de San Salvador de Rosende, ou San Salvador de Nespereira e do Mosteiro de Santa María de “Ortolona” (Ortoá), que tampouco foron alleos ao labor de acollida de peregrinos, pobres e pasaxeiros, pasantes por unha vía que saíndo de Sárria por O Currial, Rosende e A Nogueira de Ortoá  chegaba a Meixente, coincidindo no seu primeiro treito co camiño de Sárria ao Páramo.

Dos distintos lugares xacobeos da parroquia de Ortoá e dos ditos mosteiros faremos máis detallada relación en sucesivas entregas.

A corga francesa / Alba López

ÚLTIMAS

A Virxe dos Remedios da Ermida con novo enxoval custodiará o solideo que o Papa Francisco lle dedicou

Coincidindo coa inauguración do Museo de Arte Sacra de Castro Caldelas, tivo lugar en...

13 iniciativas do sur da provincia lideradas por mulleres contan con axudas do programa EMEGA

A Consellería de Política Social e Igualdade concede estas axudas para fomentar a posta...

Antía Yáñez presenta “O clan das barbies” este 13 de decembro na libraría Agrasar de Monforte

Dende os seus inicios, a libraría Agrasar aposta por convertirse nun espacio destacado para...

Exitoso concurso de Tapas da Pobra do Brollón: preto de 2000 pinchos vendidos

O XV Concurso de Tapas da Guimaralia, encontro co 'tapeo' que organizaba o Concello...