O arquipélago de Sálvora, a Ribeira Sacra, a Cova Eirós, o Pazo de San Isidro, o campamento Aquis Querquennis e a carpintaría de ribeira aspiran a conseguir a distinción antes do 2020. Pontevedra é a provincia con maior número de BIC, principalmente pola súa arqueoloxía, seguida da Coruña, Lugo e Ourense.
Por provincias, Pontevedra acumula o maior número de BIC, con máis de 330, principalmente polo seu “gran patrimonio arqueolóxico”, seguida da Coruña (145), Lugo (134) e Ourense (69). Ademais, hai catro bens en dúas provincias (a ponte de Pontevea, entre Pontevedra e A Coruña, e tres rutas BIC do Camiño de Santiago) e outros sen adscrición territorial.
Son recoñecidos como BIC os bens mobles, inmobles ou inmateriais do patrimonio histórico, artístico, paisaxístico, ambiental, arquitectónico e arqueolóxico de interese para a comunidade; sendo o BIC máis antigo de Galicia a Colexiata de Santa María a Real do Sar, en Santiago de Compostela, declarado como tal por Alfonso XIII o 14 de agosto de 1895.
Na actualidade, para que un ben sexa declarado de Interese Cultural, debe incoarse un procedemento polo que se acredite a súa relevancia e valor cultural destacado. O prazo máximo para resolver o devandito expediente é de 24 meses desde a súa incoación, e en caso de non haber resolución, declárase automaticamente como BIC.
Galicia pechou 2017 cun total de seis bens xa incoados para a súa declaración como BIC, e ademais está en marcha un sétimo expediente para ampliar a delimitación dos Muíños do Folón e do Picón, no Rosal (Pontevedra), que xa foron declarados BIC en 1998 e agora preténdese a súa ampliación para recoller a totalidade de muíños deste ámbito e corrixir a súa posición.
POSIBLES NOVOS BIC
Entre os bens que antes de finalizar 2019 poderían ser catalogados como novos BIC atópase o arquipélago de Sálvora, na ría de Arousa e pertencente ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, que aspira a ser incluído na categoría de paisaxe cultural por ser un “exemplo singular e case único en Galicia da evolución dunha poboación”.
Tamén optan a Cova Eirós, en Triacastela, e o Pazo de San Isidro, en Mondoñedo, ambos os dous localizados en Lugo e para a categoría de monumento; ademais das técnicas construtivas da carpintaría de ribeira, como patrimonio inmaterial pola técnica desenvolvida en talleres, estaleiros e carpintarías de ribeira para crear embarcacións tradicionais galegas.
Finalmente, os últimos expedientes incoados, o 21 e 29 de decembro de 2017, son o campamento romano de Aquis Querquennis, no municipio ourensán de Bande, dentro da categoría de zona arqueolóxica; e a Ribeira Sacra, entre Ourense e Lugo, que aspira á categoría de paisaxe cultural e outros bens e manifestacións do patrimonio cultural material e inmaterial relacionados.
Ademais, hai outros bens que malia a que aínda non foron incoados, xa foron propostos para iniciar este trámite de cara á súa declaración como BIC, tal é o caso do Museo Carlos Maside, en Sada (A Coruña), que foi concibido para reivindicar o papel de autores galegos exiliados ou represaliados na Guerra Civil e que na actualidade corre o risco de degradarse por humidades.
GRAN VALOR TURÍSTICO
Que un ben sexa BIC supón maior protección pero tamén é “importantísimo” desde o punto de vista turístico, como destacou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que en declaracións a Europa Press remarcou que o propio sector ve o turismo cultural como o de “maior potencial de crecemento, só superado pola paisaxe e a gastronomía”.
Segundo destacou, os BIC son un activo interesante porque permiten diversificar a oferta turística, desestacionalizar a demanda (fóra dos meses de verán), dar a coñecer “mellor” o territorio galego e preservar o patrimonio; ademais de que favorece economicamente e permite fixar poboación e crear emprego nos destinos onde se atopan, moitos deles no rural.
Neste contexto, destacou o Camiño de Santiago, do que xa son BIC o Camiño Francés, o Camiño do Norte da Costa e o Camiño do Norte do Interior (tamén coñecido como Camiño Primitivo ou de Oviedo). Fontes da Consellería de Cultura explicaron a Europa Press que as rutas declaradas BIC son as que optaban a Patrimonio da Humanidade, que pon este requisito.
A maiores, Castro puxo en valor os conxuntos históricos de Santiago, Ribadavia, Pontevedra, Tui, Vila de Muros, e Ourense; os lugares de interese etnológico da aldea de Seceda e a de Froxán; obras como a de Castelao e tamén os xardíns da Vila de Padrón, do parque de Quiñones de León e Pazo de Valadares, e o Pazo de Santo Tomei de Freixeiro ou da Pastora.
A declaración como BIC “axuda a pór en valor a riqueza de Galicia”, e neste marco, ademais de apuntar que “hai máis bens que poderían estar declarados pero aínda non se iniciaron os expedientes”, comentou que a Xunta traballa en 2018 para promocionalos, cun paquete de turismo de compras por centros históricos e iniciativas polo Ano Europeo do Patrimonio Cultural.
OS MÁIS VISITADOS
No referido a cantas persoas visitan os BIC, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural comunicou a Europa Press que “non é posible saber o número, xa que en moitos casos non hai un rexistro de entrada”. Ademais, lembrou que “gran parte dos BIC son de titularidade privada, e os seus propietarios non teñen a obrigación de facilitar eses datos”.
A pesar da carencia de datos oficiais, a Asociación Profesional de Guías Turísticos de Galicia trasladou a Europa Press que o monumento galego máis visitado é, “con moita distancia”, a Catedral de Santiago; e outros que acumulan moitas visitas son a Torre de Hércules (A Coruña), o Parador de Baiona, Combarro (Poio), a muralla de Lugo e o Castro de Santa Trega (A Guarda).
RESTRICIÓNS E POLÉMICAS
Por lei, os titulares de bens de interese cultural –sexan de propiedade pública ou privada– deben permitir a súa visita pública gratuíta un mínimo de catro días ao mes durante polo menos catro horas ao día, aínda que dentro destes permisos, poden establecer “algún tipo de restricións”, como lembra o presidente da Asociación Profesional de Guías Turísticos de Galicia, Diego Lamas.
Así, en declaracións a Europa Press, Lamas puxo como exemplo a Catedral de Santiago, na que hai zonas ás que se pode acceder pero con limitacións, e outras que directamente non se poden visitar. Ademais, nalgúns BIC pídese non interferir cos usuarios durante a visita, como é o caso de catedrais e igrexas, pazos e paradores.
No marco destas restricións cabe facer mención á polémica relacionada co Pazo de Meirás, en Sada, que foi declarado como BIC en 2011 pero que rexistrou “incumprimentos reiterados” na apertura para as visitas por parte dos propietarios, en concreto a familia Franco, que xestiona os accesos a través da Fundación Francisco Franco.
Pero non é o único caso destas características, tamén polo Castelo do Príncipe, en Cee (A Coruña), incluído como BIC no 1994, levantáronse voces, entre outros da Plataforma en Defensa do Castelo do Príncipe, para reclamar que esta fortaleza levantada no século XVIII abra as súas portas ao público, pois “na realidade non se cumpre” este requisito.