InicioCulturaTouriñán chega a Sarria nas "Noites de Monólogos"

Touriñán chega a Sarria nas “Noites de Monólogos”

O próximo domingo día 4 o Bar O Meigallo acollerá un monólogo deste coñecido cómico.

Publicado o

- Advertisement -

Xosé Antonio Touriñán, máis coñecido como “Touri”, é un deses cómicos que conseguiron entrar nos nosos fogares grazas ás súas personaxes en Land Rober e ao dúo ‘Mucha e Nucha’. O próximo domingo día 4 chegará a Sarria para ofrecer un monólogo no local O Meigallo ás 21:00, dentro do ciclo Noites de Monólogos.

Ciclo de “Noites de Monólogos” no Meigallo / Etiqueta Negra Producións

Touriñán vén de estrear a serie Justo antes de Cristo para Movistar+ e, despois de deixar o Land Rober por falta de tempo, segue coa súa xira por teatros e vilas en solitario e con Carlos Blanco en Unha noite na praia. Falamos con el para coñecer un pouco mellor este cómico, que se define como unha persoa tímida fóra dos escenarios.

Os cómicos, coma os músicos, facedes moitos quilómetros en xiras coma a que te trae este domingo a Sarria. Que é o que máis desfrutas de percorrer tantos lugares?

Pois a verdade é que do que máis podemos desfrutar os cómicos é sempre da función, do momento do aplauso, porque moitas veces facemos unha chea de quilómetros e só vemos os teatros das vilas. Cando xiraba con ‘Mucha e Nucha’ adoitaban dicirme que podía coñecer toda Galicia, pero o certo é que chegabamos a unha praza do Concello ou a un auditorio e era o único que viamos. Ás veces si que hai algún bolo no que é máis fácil pasar algún día de máis nese lugar para coñecelo, pero é complicado.

Tes comentado que cando vas pola rúa te paran para sacar fotos constantemente. Non desexarías ás veces volver ser anónimo?

O anonimato bótase de menos moitas veces, poder estar nun lugar e que non te paren nin te estean mirando. Pero ao mesmo tempo é marabilloso que pase iso e no noso traballo está relacionado co éxito e con que as cousas vaian ben. Poder pasear cos amigos ou a familia e que non te recoñezan é algo que perdes, pero gáñanse outras cousas que tamén son moi importantes.

Cres que neste punto da túa carreira tes máis liberdade para facer os proxectos que máis che gustan e te divirten?

A verdade é que eu sempre tiven moita liberdade. Eu sempre intentei ser libre e creo que o conseguín, sempre fixen o humor que quería. Cando traballas para outros podes facer sketches que che gustan máis ou menos, pero agora mesmo, no teatro, estou facendo o que me dá a gana. As funcións que monto son as que me apetecen montar e o cariño que me dá a xente cando nos veñen ver dime que vou polo bo camiño. É un placer poder vivir disto, que non é fácil, e máis facendo sempre o que ti queres.

Despois do éxito da xira Somos Criminais con Carlos Blanco, un dos grandes do humor en Galicia, agora volvedes con Unha noite na praia. Que che achegou compartir esta experiencia con el?

Carlos Blanco é quen me ten dado todo. El é, sen dúbida, un dos máis grandes, e a min gústame traballar con perosas así. Con el aprendin unha chea de cousas no escenario e fóra del: sobre como valorar o trabllo que facemos, sobre a vida e sobre o que temos. É un honor traballar ao lado de alguén que sempre leva por diante a Galicia e o noso xeito de ser. Con todo, do que máis aprendín con el foi de viño, é un gran experto nesa materia.

Naciches na parroquia de Castelo, en Culleredo. Alí organizas dende hai seis anos o ciclo de humor Castelo Conta. En que consiste esta iniciativa?

O Castelo Conta naceu como unha forma de xuntar aos meus amigos de toda a vida a pasar uns días en Castelo para pasalo ben xuntos. Pouco a pouco converteuse nun evento máis grande do que pretendiamos e este ano a idea é frealo un pouco. O noso obxectivo é convidar á xente a que desfrute con nós e achegar á xente do rural todos estes espectáculos que só se poden ver nos teatros e nas cidades. En definitiva, o que quero é devolverlles todo o que me levan dado, porque moitas das miñas personaxes están sacadas desta contorna.

Non hai moito estreaches a serie de humor Justo Antes de Cristo en Movistar. Dende que estás a traballar fóra de Galicia, que diferencias observaches entre o humor galego e o español?

Eu sempre digo que a única diferencia é o idioma, porque o humor é o humor. Se algo me fai graza, pois iso é humor. Tamén contan as referencias que teñas, porque se fago un chiste sobre a Porta do Sol non creo que o entenda un inglés. Os galegos empeñámonos en dicir que o que facemos aquí non funciona fóra e non é certo. O meu humor en castelán se cadra non funciona tan ben porque son máis rápido pensando en galego, é máis fácil facer isto na túa lingua. Aínda así, teño actuado en lugares como El Club de la Comedia e a xente que tiña diante de min tamén se riu.

Tes dito que estás orgulloso do teu acento galego e que non hai por que ocultalo. Dende a túa profesión, que cres que se pode facer para que sintamos máis amor pola nosa lingua?

Eu creo que, de entrada, xa non hai que darlle máis importancia que a que ten. Temos unha lingua máis que moita xente e podemos escoller cal é a maioritaria na nosa vida. E iso é unha sorte. A lingua móstralle ao mundo de onde somos, e eu estou moi orgulloso de ser de onde son. En Galicia sempre tivemos esa imaxe negativa de nós mesmos, de que eramos menos, pero creo que ese tempo xa pasou e temos moitas razóns para lucir as nosas orixes.

A terraza de ‘O Meigallo’ na actuación de Carlos Blanco o pasado mes de xullo.

ÚLTIMAS

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....

Sesión informativa sobre cambios normativos que lle afectan ás persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de editar unha 'Guía legal' que recolle os principais...

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...