InicioCultura"Feminíssimas é unha comedia negra moi violeta", Sthephy Llaryora, actriz e produtora

“Feminíssimas é unha comedia negra moi violeta”, Sthephy Llaryora, actriz e produtora

Así resume, unha das protagonistas, a representación teatral deste xoves, 25 de marzo, no Multiusos de Monforte de Lemos. Falamos con Stephy Llaryora da obra e tamén da súa fermosa historia de atracción por Galicia.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Feminíssimasda compañía De Ste Xeito Producións, é unha obra composta por Esther F. Carrodeguas, dirixida por Xavier Castiñeira e interpretada por Stephy Llaryora, Esther F. Carrodeguas e Noelia Blanco.

Forma parte do programa do “Día da Muller” e representarase ás 20:15 h. O prezo da entrada xeral para esta obra é de cinco euros, tres para desempregados, xubilados e estudantes. O aforo máximo do salón é de 110 persoas.

Aproveitamos a ocasión para falar con Stephy Llayora, actriz e produtora, sobre esta peza teatral pero tamén sobre a súa intensa traxectoria artística e persoal… unha fermosa historia de atracción por Galicia que a trouxo a Vigo, cidade onde vive dende hai 7 anos.

Stephy Llaryora. Foto: De Ste Xeito Produccións

Cando e como foi o teu primeiro contacto con Galicia? 

O meu primeiro contacto con Galicia foi hai uns dez anos, eu nese momento vivía en Madrid estaba a comezar a miña tempada como monologuista, despois de licenciarme como actriz. En realidade de pequena viña a campamentos en Portonovo e encantábame pero xamais imaxinei que viviría aquí tantos anos despois. O caso é que naquel momento estaba inqueda por saír a outras comunidades, coñecer a “aventurear”, un compañeiro de monólogos chamoume para vir a Ferrol facer unha xira de tres días . Encantoume o público galego, a xente, a súa naturalidade para o humor e para a vida.

“De pequena viña a campamentos en Portonovo e encantábame pero xamais imaxinei que viviría aquí tantos anos despois”

Dende ese momento comezou para min unha etapa de moitas viaxes fora case sempre a Galicia (tamén a Eskadi). Durante uns cinco anos non parei quieta, cada finde tiña unha xira; e sempre atopei aquí dende a primeira vez, xente acolledora, tanto lo laboral como no persoal, paisaxes incribles, anécdotas cheas de vida, unha comida exquisita (risas)… sempre parecían saír mans amigas de calquera lugar nesta terra para facilitar a viaxe, en todos os aspectos. Digamos que foi un amor a primeira vista que perdurou no tempo, ata o momento no que case pasaba media vida aquí.

E decides fixar o teu ‘campo base’ aquí. Cóntanos.

Seguindo o fío do anterior, chegou o momento no que tiña máis traballo aquí que en ningún outro lado, e tamén bos amigos. Os programadores e locais de actuacións cos que traballaba confiaban en min. E comecei a sentir que aquí era sinxelamente moi feliz cada vez que viña, unha fermosa conexión con esta terra… xa sei que soa máxico ou espiritual, e así foi: custábame marchar… Aquí tamén estaba máis calma fronte ao estres madrileño e sensación de subsistencia que sentía naquela cidade, que sempre fora tan querida para min, pero agora esgotábame sobre todo esgotaba a miña creatividade.

Os meus monólogos tiñan moi boa acollida aquí, e ademais sempre tiña xente coa que pasar un bo momento e compartir… A miña mellor amiga vive na Coruña dende hai moitos anos tamén, xa tiña moi boa relación co meu socio actual na produtora, que hoxe en día é como un irmán para mín…. Todo parecía dicir que non tiña ningún sentido continuar con esta ‘existencia dividida’.

“E o meu namoramento galego seguía, así que decidín probar unha tempada e daquela xa fiquei”

A miña vida era complexa pois desenvolvía case todo o meu labor profesional aquí pero vivía alá. E non tiña moito sentido xa que pasaba moito tempo viaxando: catro días da semana aquí e tres alá, un pouco estresante. E o meu namoramento galego seguía, así que decidín probar unha tempada e daquela xa fiquei. Levo xa sete anos, vivindo en Vigo, aprendín a falar galego e montei a miña produtora coa que traballo por toda a xeografía galega.

Tras moitos anos con monólogos, e sen renunciar a manter esta oferta artística, centrácheste máis no teatro. Cóntanos.

Esta pregunta responde a todo un tránsito para min. Eu estudei Arte Dramática en Madrid, na Resad, e fixen moita formación complementaria na miña profesión como actriz. O humor é para min unha parte da miña verdadeira vocación: a interpretación.O camiño do humor foi unha sección da miña andaina ou carreira que durou uns oito anos.

É moi complicado traballar como actriz e os monólogos foron a miña maneira de xerar unha creación, un produto unipersoal que dependera exclusivamente de min para ser representado e tamén para ser comercializado. Atopei nese camiño, naquel momento, unha forma de ter autonomía laboral e non depender da “chamada” dos que che poden proporcionar traballo: produtores, directores de casting… Doutra banda, a parte cómica a nivel creativo, encántame dende sempre así que embarqueime na aventura de formarme como escritora de stand up comedy: ser creadora, produtora e distribuidora dos meus espectáculos individuais. Terreo do que puiden vivir moitos anos, que me proporcionou incribles experiencias e que me trouxo a Galicia.

De feito teño un monólogo chamado Eu quero ser Galega, co que colaborou o monfortino Xosé Manuel Fernández (Hermanager Producións) que fala desta chegada a Galicia dende a perspectiva do humor, e fai unha análise cómica da miña adaptación a estas terras.

Pero o que dicía, unha vez aquí, cun pouco máis de tranquilidade vital e conexión comigo mesma, o meu sentir levoume a reencontrarme coa miña verdadeira vocación de actriz e algo en min parecía reclamar o seu lugar. Volver traballar cunha equipa de xente, volver contar historias de todo tipo e xénero, volver transformarme noutras persoas… Tiña a formación para facelo, tiña a experiencia, incluso a dos monólogos sumaba… xa que actuando en locais todas as noites e viaxando e coñecendo aprendes moitísimo, no creativo, e no humano. A bagaxe vivida é fundamental para calquera artista.

Como comentei antes, tiña unha gran amizade tamén aquí en Vigo co que é hoxe en día o meu socio a quen lle pedín que me acompañara nesta andaina empresarial de producir a nosa primeira peza teatral, Loló e Mamá, un drama con algún tinte cómico co que comezou este debezado reencontro coa miña vocación.

Teatro e produtora propia. Como naceu ‘De Ste Xeito Producións’?

De Ste Xeito nace principalmente da miña inquedanza de reencontrarme coa interpretación e de contar unha historia: a de Loló e Mamá (a nosa primeira produción) baseada en algo que me pasou e que entendín que era inspirador e valioso de levar a escena, a través dunha dramaturxia, claro, que o fixera universal e o transformara nunha creación, non nunha narración da realidade.

Por outro lado xa tiña outras ferramentas: a dinámica de producir, o hábito da tarefa comercial -necesaria para facer visible calquera creación-… Aínda que me quedaba moitísimo que aprender, visto dende a miña perspectiva empresaria hoxe en día, catro anos despois.

Pero estaba preparada para iniciar De Ste Xeito. Pendinlle ao meu actual socio Steve Dominguez, un gran amigo no que tiña plena confianza, e un estupendo profesional nos temas de Redes e publicidade, co que xa tiña colaborado no mundo dos monólogos, que me acompañase neste camiño e así foi.

De feito as siglas De Ste Xeito corresponden, por un lado a facer as cousas dun modo ben artesanal e persoal, como as facemos: destexeito. E tamén a Stephy e Steve, os artífices.

Despois uníronse outros estupendos profesionais como Esther F. Carrodeguas como dramaturga das nosas tres pezas, e directora de dúas delas, e todos os fantásticos intérpretes que traballan e traballaron connosco… a xente fantástica do campo técnico… Xavier Castiñeira, o director desta peza, etc.. A verdade é que tivemos moitísima sorte con todo o equipo humano. 

Despois de Loló e Mamá veu Running e agora andamos de xira con Feminíssimas…

“FEMINÍSSIMAS”

Este xoves chega a Monforte “Feminíssimas”. Sen facer spoiler, que nos vai sorprender da obra?

A peza está a ter unha estupenda acollida, e penso que é porque afonda nun tema moi necesario. O Feminismo, os feminismos. Feminíssimas é un pulso entre a ideoloxía e a amizade.

Tres amigas da infancia que hai anos que non se ven reencóntranse en Vigo porque van asistir a un congreso feminista, e deciden pasar a noite anterior nun moderno Airbnb. Cada quen das tres, vén representar un feminismo diferente: feminismo radical, feminismo liberal e postfeminismo.

Dando lugar a unha reprodución escénica dos debates internos do feminismo a día de hoxe, coa particularidade de que entre elas hai una relación afectiva co cal os debates non serán so ideolóxicos, se non tamén persoais, removendo diferentes planos.

“Cada quen das tres, vén representar un feminismo diferente: feminismo radical, feminismo liberal e postfeminismo”

Entre o recordo de tempos pasados o significativo do reencontro, e os conflitos sobre case calquera tema do que traten descorrerá esta noite. Que quizais apunta a mostrarnos as persoas e a humanidade debaixo das posicións ou das eleccións de vida que facemos. O difícil de conectar dende a diferenza. 

E tamén que temos moito máis en común do que pensamos, a vida move cousas, iso pásanos a tod@s. Creo que pode sorprender a vertente didáctica da peza, a cantidade de temas que trata en pouco tempo. Segundo nos comenta o público: como repasa moitas das preguntas que nos estamos a realizar as mulleres (e os homes): as persoas, hoxe en día respecto do feminismo, e as propias preguntas e debates que temos en canto ao noso posicionamento dentro del, nas súas diferentes sensibilidades e axendas  políticas.

Tamén creo que é moi sorpresivo a capacidade que ten a dramaturxia da peza de incorporar o humor a temas moi sesudos, observando as incoherencias que as veces temos fronte a nós mesmas, dentro do noso pensamento.

E como a peza transita por momentos dun paroxismo moi cómico nestas loitas ideolóxicas e un pouco despois por momentos moi honestos e sensibles das personaxes… como a vida. En resumo: unha comedia negra… moi violeta.

Que papel encarnas ti?

Eu encarno a Ruka, unha feminista radical, anarcofeminista, en subversiva loita contra o patriarcado o capital e o estado. Non adianto máis, xa que creo que todo o que engada… xa si que é spoiler (risas).

Stephy en acción. Foto: De Ste Xeito Produccións

Que tal aguantades tras a chegada da pandemia?

Sen dúbida constituíu unha parada ou descenso da nosa actividade nun primeiro momento pero é certo que decidimos facernos fortes fronte a adversidade e levantar de todos os xeitos Feminíssimas, que foi estreada en novembro do 2020, o feito de non ter parado a actividade estanos a permitir seguir en xira cun alto volume de traballo, sinto que se valorou dalgún xeito ás compañías que apostaron por seguir producindo e non parar.

Teño que dicir que, malia a todo, o 2021 está a ser o noso mellor ano, paradoxicamente, coas nosas tres producións en xira. En marzo, por exemplo, temos 12 funcións. Este ano medramos. Agradecendo moitísimo o esforzo que se está a facer dende a xestión cultural por manter a programación a pesar dos aforos, da pandemia e das dificultades. E contando hoxe en día, incluso cunha distribuidora da nosa produción galega, para o resto da península.

Para rematar. Facendo balance do tempo que levas na nosa terra, dinos que destacarías do xeito de ser galego?

No primeiro lugar todo o que diga vai totalmente cargado dun sentimento de agradecemento xa que sempre fun marabillosamente acollida alá onde fora..  e Galicia deume a posibilidade como comentaba de reencontrar a calma necesaria para crear, e materializar aquí moitos soños. 

“Encántame que tedes palabra e compromiso, sodes amigos de verdade, confiables, xenerosos”

Moito que dicir… destacaría o feito de ser unha terra con raíz, con identidade, unha terra con terra e cultura propia. Os galegos tedes raíz e ramas coas que dades, sodes acolledores, sabedes pola vosa historia o que significa estar fóra e o importante de chegar ao destino ou ás paradas necesarias. Iso nótase, é un código que se coñece ou non, e sodes como aterrar para os que somos nómadas. 

Encántame que tedes palabra e compromiso, sodes amigos de verdade, confiables, xenerosos.  A solidariedade é outro punto entrañable, son tantas as anécdotas que recordo nestes viaxes de andar totalmente perdida polo rural ou por onde fose… E aparecer calquera persoa para axudar, orientar o incluso levarte.

Son tantas as cousas que pasaron aquí e que contaron cunha resposta solidaria do pobo. Tantos os sitios aos que fun actuar e rematei comendo ou ceando en familia…

Ao galego se lle move algo ou alguén pon o corpo, pon a súa man e fai cousas, vai e axuda. Non queda mirando e que fagan outros”

Encántame a vosa parte máxica e mística, todo o universo paisaxístico e case mitolóxico que convive en medio do noso mundo moderno. Vivir aquí é suxerente para os sentidos e o espírito. O aire de lenda, aderezado de  paisaxes e contos é dunha enorme beleza e riqueza. 

O humor como non, a vosa particular retranca e ironía tan persoal e única. O si pero non tan característico voso resúltame moi divertido e agora que vivo aquí entendo que hai unha razón case meteorolóxica para el, aquí todo é bastante impredicible… e iso para min non é algo malo, fai o percorrido máis interesante.

Algunha vez custoume descifrar a alguén, no sentido das respostas máis directas como poden ser si ou non… porque eu son moi directa, pero co tempo descubrín que tedes moito para dar e iso require ese tempo de valorar e pensar. Porque unha vez que dades vai a mans cheas.

ÚLTIMAS

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...

Bóveda construirá un miradoiro astronómico na Serra de Penas

O obxecto desta intervención consiste na creación dun miradoiro específico e especializado para observar...

Detido por tenencia e distribución de pornografía infantil despois dunha denuncia na Comisaría de Monforte

As xestións practicadas por parte da Comisaría de Monforte de Lemos arroxaron que o...

CSIF Lugo pide ao concello de Monforte que cumpra a lei e recoñeza aos seus traballadores os dous días de asuntos propios pendentes do...

CSIF lembra que o concello está obrigado a recoñecer este dereito dos seus empregados...