Anxo Baranga e Blanca Cotado danlle vida a un espazo esquecido de Escairón

Estes dous narradores, que xa levaran a escena “Movendo os marcos” o pasado 6 de agosto, recuncaron na capital do Saviñao cun conta contos para a cativada o día 16. Os dous protagonistas da sesión pertencen á Agrupación Teatral Furafollas, un colectivo galego-catalán que promove as artes escénicas na lingua de Rosalía.

Momento da actuación de Anxo Baranga e Blanca Cotado no patio / XdL

O pasado 6 de agosto o Auditorio de Escairón acolleu a montaxe “Movendo os marcos”, un espectáculo de narración oral da Agrupación Teatral Furafollas que chegaba a estas terras da man da Asociación Veciñal do Saviñao.

A sesión, para público adulto, inicialmente queríase realizar nun patio que queda entre o Auditorio e a Biblioteca Municipal pero ao final non puido ser por mor do frío e da pouca iluminación do espazo á hora programada.

O espectáculo tivo moi boa acollida e a raíz de aquí presentouse a posibilidade de que os actores protagonistas, Anxo Baranga e Blanca Cotado, volvesen a Escairón –esta vez si–, para estrear o patio como escenario cultural. Dito e feito. Ata aquí volveron, pero neste caso para levar a escena un conta contos para o público miúdo o 16 de agosto ás 12:00 h.

A iniciativa de darlle vida, e recuperar este fermoso espazo, partiu da Asociación Veciñal do Saviñao que así lle pediu ao Concello do Saviñao. Segundo palabras da presidenta, Celia: “non puxeron ningunha pega e dende o primeiro momento colaboraron limpando moi ben o patio e poñendo butacas do Auditorio para a actuación”. A Biblioteca Municipal tamén colaborou na realización desta actividade, segundo nos traslada tamén Celia.

A iniciativa de darlle vida, e recuperar este fermoso espazo, partiu da Asociación Veciñal do Saviñao

O conta contos foi un éxito de público, participando do mesmo tamén a cativada dos campamentos de verán do Concello do Saviñao. Anxo Baranga e Blanca Cotado contaron varias historias e nunha delas cederon o protagonismo a tres voluntarios/as do público. Dous nenos e unha nena interpretaron con moito xeito os tres personaxes principais do conto ‘O caldo de pedriñas’ coa axuda, como ‘apuntadores’, de Anxo e Blanca.

Conto interpretado por tres pequenos do Saviñao / XdL

Ao rematar, falamos con Anxo Baranga un pouquiño de Furafollas e da montaxe “Movendo os marcos”.

Como e cando nace Furafollas Agrupación Teatral?

Nace en Barcelona pola inquedanza creativa e reivindicativa de galegas e galegos na emigración. Hai vinte e catro anos da súa creación o que resulta incrible para este tipo de grupos de teatro afeccionado. Non é o normal que duren tanto.

Dous valdeorreses, de contos por Galicia. Que vos levou a isto?

Si, eu son de Córgomo e Blanca do Barco, de familia de Fornelos. Hai dous anos fixemos unhas contadas en aldeas de Valdeorras. Eran contos sobre viaxes de ‘ida e volta’… non tanto na idea de emigración se non vendo a viaxe como unha experiencia que atrae. A partir de aí Blanca entrou en Furafollas e xa coincidimos no grupo traballando diferentes historias nas montaxes mensuais que facemos no local Ateneu Roig unha vez ao mes e que demos en chamar “taberna, canto conto”. De aquí saen contadas de diferentes temáticas e en cada unha convidamos a unha entidade ou persoa individual para que participe como convidada/o na mesma.

Anxo Baranga & Blanca Cotado. Foto: XMF

E nace de aquí a idea para “Movendo os marcos”?

Pódese dicir que si. Traballamos unhas historias e trouxemos a Galicia tres delas moi potentes, desas que dalgún xeito ‘moven os marcos’ das nosas vidas. Dúas son miñas e unha de Blanca Cotado.

A primeira, unha das miñas, vai sobre o transcurso de tempo entre os anos 50-60 e a chegada da TV, na que a idea é facer ver como a chegada deste elemento moveu os marcos da xente… levounos a falar castelán, a meter a xente nas casas, guiarse da tele e non do ceo para saber o tempo que vai facer…

A segunda é unha historia de Blanca sobre o seu avó represaliado. Nela recoñece que grazas á TV foi descubrindo a historia do seu devanceiro falecido, unha historia que estaba ocultada na falta de información e no silencio familiar. Unha historia baseada na investigación de Blanca que desvela a dura realidade dos feitos pero trae á vida as lembranzas del recuperando a súa memoria.

E xa como final, outra historia miña, na que fago unha homenaxe á TV. A partir de temas míticos de Eurovisión busco outras interpretacións a esas cancións que marcaron as nosas vidas. E desvelo como, por exemplo, a canción de Peret “Canta y sé feliz”, aínda que amosa ‘alegría’ non deixa de ser unha canción protesta, unha crítica ao que está acontecer naqueles tempos de represión.

Levades dúas actuacións xa, en Lalín e en Escairón. Algunha máis antes de volver a Barcelona?

Tiñamos máis en axenda pero algunhas caeron pola situación actual. Agora temos por diante o día 21 unha actuación na Praza do Castelo de Becerreá.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here