InicioCulturaMonforte Fusión: achegando outras músicas a barrios da cidade

Monforte Fusión: achegando outras músicas a barrios da cidade

Este xoves 18 de agosto comezou en Monforte un novidoso ciclo musical baixo o título de 'Monforte Fusión', actividade que forma parte do programa do Verán Cultural do Concello.

Publicado o

- Advertisement -

A idea deste ciclo partiu do músico monfortino Gonzalo Herrero, xerente da Escola de Música Moderna da cidade do Cabe. “É un programa que eu fixen para intentar complementar as festas de agosto para o Concello de Monforte e que levo presentando xa dende varios anos atrás… Este ano animáronse a facelo”, conta Gonzalo.

A idea que tiña na cabeza era “complementar actuacións moi grandes e boas como as deste ano, con outras máis pequenas e repartidas por diferentes puntos da cidade, pensando que é moi importante levar a música e o ánimo das festas de agosto non só á zona da Compañía se non repartilo por barrios da cidade”. Deste xeito, Gonzalo pensou en facer un programa que fora dinámico, con músicos profesionais e en formatos pequenos: Tríos, cuartetos, duetos… formacións musicais que coa preparación que teñen poden ofrecer grandes concertos pero cunha produción e un presuposto máis reducido. O Concello de Monforte acolleu esta boa iniciativa e decidiu impulsala este ano, cun programa que inclúe propostas e artistas de primeiro nivel.

“Gonzalo pensou en facer un programa que fora dinámico, con músicos profesionais e en formatos pequenos”

No Monforte Fusión atoparemos, pois, unha oferta dinámica, variada e enfocada a levar a música a diferentes puntos da cidade. Entre outros formatos poderase gozar neste ciclo de interesantes propostas de música lixeira nas que predominarán estilos como o jazz, o tango, o bolero, a bossa nova, o funky, o soft rock ou o swing.

O Monforte Fusión terá lugar do 18 ao 20 de agosto, e os espazos que acollerán concertos serán a Praza de Abastos, a praza de Doutor Goyanes, a rúa do Cardenal, a praza dos Chaos, o Barrio da Estación, a Compañía e a Praza de España.

O evento está organizado polo Concello de Monforte, conta tamén coa colaboración da Escola de Música Moderna de Monforte e co apoio da Deputación de Lugo.

Todas as actuacións serán de balde e dirixidas a todos os públicos.

Diana Tarín Trío. Foto cedida por Gonzalo Herrero.

PROGRAMA DE ACTUACIÓNS

Xoves 18 de agosto

12:30 h.- Praza De Abastos:  Lena Álvarez: Pianista solista que interpretará pezas de música lixeira, clásicos e modernos, así coma improvisación.

19:30 h.- Praza Doutor Goyanes:  Acuarel -Rubén Reinaldo E Kely García: Dúo de Guitarras, interpretando temas de Jazz-Fusión.

Venres 19 de agosto

12:30 h.- Rúa do Cardeal: Manuel S. Arroyo: Pianista solista que interpretará pezas de música lixeira, clásicos e modernos, así coma improvisación.

19:30 h.- Praza dos Chaos: Lorena Do Val & Gonzalo Herrero: Dúo de contrabaixo e voz, que traerán músicas do mundo, en concreto, pezas de tango, bolero, bossa nova, jazz e música galega.

Lorena do Val e Gonzalo Herrero. Foto: G. H.

22:00 h.- Barrio da Estación: Diana Tarín Trío: interpretará música latina en xeral, e en concreto, música cubana.

Sábado 20 de agosto

12:30 h.- Zona da Compañía: Abya Yala Ensemble: Cuarteto que ofrecerá música latinoamericana de todo o continente, fusionada con funk e soft rock.

19:00 h.- Praza de España: Javier Constenla: ofrecerá unha masterclass.

19:30 h.- Praza de España: Javier Constenla & Pilar Martínez: Dúo de piano e voz. Interpretarán pezas de swing e jazz.

22:30 h.- Praza de España: Kin García Trío: traerán a Monforte swing, jazz e fusión.

ÚLTIMAS

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...

6 empresas locais constrúen novas naves no Polígono dos Acivros, en Chantada

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, vén de visitar o Polígono dos Acivros...

A Deputación urxe á Xunta a acometer o desdobramento da totalidade do corredor Nadela-Monforte

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, evidenciou a necesidade de completar...

A Xunta reactiva as notificacións para queimas agrícolas

A Xunta de Galicia decidiu volver activar os permisos para queimas agrícolas de particulares....