HomeCulturaÉxito total do obradoiro de escrita creativa organizado en Ribas de Sil

Éxito total do obradoiro de escrita creativa organizado en Ribas de Sil

As sesións desenvolvéronse na Praia Fluvial de San Clodio os días 17 e 18 de xullo e tiveron un carácter fundamentalmente práctico. A formación ofreceu ás persoas participantes a posibilidade de escribir nun ambiente relaxado, colaborativo e libre de calquera presión avaliativa cun balance de asistencia e organizativo que fai pensar xa ao Concello de Ribas de Sil en repetir a experiencia.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

A Concellería de Cultura de Ribas de Sil vén de organizar, dentro da súa programación de verán, unha actividade dirixida ás persoas con inquedanzas creativas no ámbito literario. Os días 17 e 18 de xullo o profesor e escritor Xavier Frías foi o encargado de impartir unha formación na que, dende o lado máis práctico, ofreceu consellos moi interesantes para a creación de historias.

Para vencer o medo á páxina en branco, Xavier Frías utilizou viñetas sen texto de Quino como punto de partida para que cada participante desenvolvese breves historias inspiradas na súa propia interpretación. Tamén empregou microrrelatos da súa obra Sopa de Trol, propoñendo exercicios consistentes en ampliar os textos, modificar o inicio ou o final, engadir detalles ou describir con maior profundidade os personaxes. Noutra das actividades, a partir de frases moi breves, os asistentes tiveron que construír un relato completo.

EXPERIENCIA ENRIQUECEDORA E COLECTIVA

“A lectura compartida das producións puxo de manifesto as diferentes interpretacións, as preferencias individuais polo realismo ou pola imaxinación e, sobre todo, permitiu, guiados por Xavier Frías, aprender uns dos outros”, comentan dende a Concellería de Cultura. A experiencia deixou unha conclusión compartida: todas as persoas poden construír unha literatura persoal de interese.

As producións serán revisadas polo escritor e, grazas ao financiamento do Concello de Ribas de Sil, reuniranse nunha sinxela publicación colectiva que, para moitos dos participantes, constituirá a súa primeira obra editada.

Outra das actividades que espertou un especial interese foi a creación cooperativa dunha historia inspirada no son das ras que, durante todo o curso, acompañaron as sesións desde a charca situada xunto á Aula de Pesca da Praia Fluvial de San Clodio. Xavier Frías iniciou o relato cunha ra que abandonaba a charca para bicar un humano. A partir dese punto, mediante a técnica cooperativa do folio rotatorio, cada asistente foi engadindo un fragmento ata completar unha historia cun final colectivo.

A experiencia deixou unha conclusión compartida: todas as persoas poden construír unha literatura persoal de interese

A proba final do curso consistiu en enfrontarse ao folio en branco. Sen máis indicacións, cada participante escribiu o seu propio relato, demostrando a autonomía creativa adquirida ao longo das distintas sesións.

Participantes do obradoiro realizando un dos exercicios propostos. Foto: Concello de Ribas de Sil.
REFLEXIÓNS E CONCLUSIÓNS SOBRE O OBRADOIRO

No desenvolvemento do obradoiro reflexionouse tamén arredor de temas moi presentes sempre na creación literaria: a inspiración, os hábitos de escritura, os lugares onde escribir e as posibilidades actuais de publicación. Neste último punto, Xavier Frías animou os participantes a valorar os blogs e outros espazos dixitais como unha boa forma de iniciar o camiño literario antes de pensar na publicación dun libro.

Nas dúas sesións formativas empregáronse textos publicados por Xavier Frías en castelán, galego e portugués, e ao longo das mesmas o autor foi deixando unha reflexión para que chegara tamén aos participantes en forma de consello: “Para ser un bo escritor, primeiro hai que ser un bo lector”.

No que respecta á participación, dende o concello amosan a súa satisfacción polo éxito da convocatoria e tamén polo desenvolvemento da actividade. “O grupo participante foi moi heteroxéneo, con persoas de entre 16 e máis de 70 anos, procedentes maioritariamente de Ribas de Sil e Quiroga, aínda que tamén participou un asistente chegado desde Láncara”, refiren.

O obradoiro foi inaugurado polo concelleiro de Educación e Cultura, Luis Fernández, e clausurado polo alcalde, Roberto Castro, quen fixo entrega dos diplomas acreditativos aos asistentes.

Xavier Frías. Foto: Concello de Ribas de Sil.
COMPROMISO DO AUTOR CO GALEGO

Xavier Frías Conde naceu en Béjar (Salamanca), terra do seu pai. A súa nai era natural do concejo de Allande no occidente asturiano, pertencente á área de influencia do galego, onde o escritor tivo o seu primeiro contacto coa nosa lingua. Sen ser galego de nacemento pero un dos mellores coñecedores do idioma galego, é na actualidade profesor de Galego e Portugués na UNED de Madrid e autor de decenas de obras publicadas en galego, castelán e portugués. Doutor en Filoloxía, ao longo da súa carreira docente impartiu clase en todos os niveis educativos, desde Primaria á Universidade.

O escritor adoita resumir o seu compromiso coa lingua galega cunha frase que compartiu durante o obradoiro: “Négome a estar en Galicia e non usar outra lingua que non sexa o galego”.

Aquí podedes ler unha entrevista recente que Xornal de Lemos lle fixo ao autor.

ÚLTIMAS

O queixo ‘Savel’ de Airas Moniz, premiado a nivel estatal

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación vén de publicar no Boletín oficial del...

Ferreira de Pantón celebra as Festas Patronais do 22 ao 24 de agosto

O Concello de Pantón presenta o programa das Festas Patronais de Ferreira de Pantón...

Artesanía de Galicia no Courel ata o 9 de agosto

Durante a súa visita, destacaron que esta iniciativa contribúe a achegarlle á sociedade o...

A directora xeral de Xuventude visita o campamento Adventure Camp no Centro Peares de Inmersión Lingüística, en Carballedo

Lara Meneses coñeceu a primeira quenda das tres coas que conta esta iniciativa que...