Xavier Frías Conde é filólogo, docente e autor cunha ampla traxectoria literaria. Nado en Béjar (Salamanca) en 1965, desenvolveu unha intensa actividade como escritor en galego, castelán, portugués e asturiano, publicando máis de sesenta obras, moitas delas dirixidas ao público infantil e xuvenil. Ademais da súa faceta literaria, é profesor da UNED e un destacado investigador no ámbito da filoloxía románica e da lingua galega.
Por iniciativa de Luis Fernández, Concelleiro de Cultura de Ribas de Sil, Xavier estará os días 17 e 18 de xullo neste concello impartindo un obradoiro de escritura creativa en horario de 10:30 a 13:00 h. na Aula de Pesca da Praia Fluvial de San Clodio. Coñecéronse hai anos e xa tiñan falado da posibilidade de organizar un curso deste xénero ata que xurdiu esta oportunidade e cadraron datas para encaixalo.
SOBRE A FORMACIÓN
Durante as sesións, as persoas participantes poderán achegarse ás principais técnicas de creación literaria, aprendendo a construír relatos, crear personaxes e desenvolver a súa propia creatividade nun entorno privilexiado á beira do río Sil. O obradoiro está pensado para todas as idades e niveis, especialmente para aquelas persoas que queiran dar os seus primeiros pasos na escritura e explorar as posibilidades da expresión literaria.
Anotarse ten un prezo xeral de 20 euros, establecéndose unha tarifa reducida de 10 euros para estudantes de Bacharelato, ciclos formativos e graos universitarios, así como para persoas desempregadas. Ademais, entregarase un certificado de asistencia a todas as persoas que o soliciten ao remate da actividade.
As inscricións, que estaban abertas ata o 15 de xullo, poderán realizarse ata o comezo do propio curso e sempre ata completar as 20 prazas que se ofrecen. As persoas interesadas poderán inscribirse a través do correo electrónico educacionecultura.ribasdesil@gmail.com indicando o nome e apelidos, o ano de nacemento e un teléfono de contacto.
CONVERSAMOS CO FORMADOR
De mestre de Ensino Básico á docencia na Universidade. Dous mundos moi diferentes para exercer, con cal te quedas?
Cada unha desas parcelas responde a momentos vitais. Fun moi feliz cando traballei no ensino primario, na antiga EXB. O paso para a universidade chegou porque facía parte da miña evolución persoal. Non mudaría nada do que fixen. Con todo, agora só ollo para a pensión. É o que máis quero (sorrí).
Que e/ou quen fixo xermolar en ti o interese polo galego e polo portugués?
O galego fai parte de min por ser a lingua materna de miña nai. Daquela, é unha lingua que na miña infancia estaba presente, mais que eu asumín coma propia con 17 anos, cando me tornei falante activo de galego. Canto ao portugués, veu por un camiño paralelo, mais dado que eu nacín en Salamanca e son, por tanto, da raia, o meu achegamento á lingua foi unha cuestión de amor pola lingua (tamén polo galego). A días de hoxe, visito Portugal moitas veces por ano e paso alí uns días. Ademais, desde 2023, tamén o Brasil pasou a facer parte desa miña paixón polo portugués. De feito, pasarei alí os catro derradeiros meses deste ano.
Onde te licenciaches e doutoraches en Filoloxía Galaico-Portuguesa?
Non son graduado en Galego-Portugués, son licenciado en Inglés e doutorado en Románicas, pola UCM. Porén, a miña tese foi sobre o galego exterior.
Onde exerciches e exerces actualmente como profesor universitario?
Primeiro traballei nun centro asociado da UCM, o CES Don Bosco, durante dez anos, e desde 2009 son profesor da área de Filoloxía Galego-Portuguesa da UNED.
O amor pola literatura e a afección a escribir, desde cando? Cal foi a túa primeira obra publicada e que significou para ti?
Des que teño memoria, escribo, mais digamos que dun xeito máis formal desde os meus tempos de estudante de Maxisterio, no inicio da década de 1980. Tiven daquela un profesor que me empurrou á escrita e grazas a el dediqueime a escribir dun xeito máis sistemático. Froito daqueles primeiros momentos foron os meus dous primeiros libros, algúns anos despois. O primeiro foi un poemario de 1990 (Onte foi cabalo de cinza) e o segundo, de 1991, un libro de contos tamén en galego, nese caso galego eonaviego (O xabaril que quería engalar). Escribín poesía moitos anos, mais xa parei; en troques, coa literatura infantil manteño unha carreira que creo que me acompañará até o día que xa non poida escribir máis unha liña.
“Tiven daquela un profesor que me empurrou á escrita e grazas a el dediqueiME a escribir dun xeito máis sistemático”
E desde aquela, 60 libros ás costas… Que xéneros traballas? Con cal te sentes máis cómodo e tes máis produción literaria?
A inmensa maioría do que escribo é LIX. Síntome á vontade coa escrita para os miúdos. Escribo algo para adultos, mais non creo que actualmente sexa máis de 10%. Gústame moito escribir contos, xa van anos que non escribo novelas (e só escribín un romance). Desde hai por volta de 10 anos tamén escribo teatro infantoxuvenil.
Cónstanme que te manexas ou traballas máis os formatos curtos, por que?
Síntome moi cómodo con eles, coido que se adaptan á miña forma de ser e aos meus gustos. Ademais, como unha boa parte da miña obra está en blogues, de acceso libre, os textos longos non funcionan ben. Por iso, ocúpome do conto, o microconto e a micropeza.
Cantas obras tes en galego?
Non sei exactamente. Con todo, visto que gusto dos textos breves, moitos deles aparecen primeiro no blogue e, a seguir, pasan para libro. Con todo, hei confesar que ultimamente produzo moito menos en galego, porque estou a desenvolver a miña carreira literaria principalmente na América Latina. Porén, o meu último publicado é unha colección de contos publicada no Brasil en portugués.

Como xurdiu o obradoiro de escrita creativa que impartirás en San Clodio os días 17 e 18 de xullo?
Foi todo cousa do Luis Fernández. Coñecémonos de hai anos e tíñamos precisamente falado de organizar un curso deste xénero. Ao cabo, xurdiu a oportunidade de organizar este nestes días de xullo e cadramos datas. E aí estamos.
Para quen vai destinado e que levarán para a súa casa, en forma de coñecementos, aqueles que se embarquen nesta formación literaria?
Coido que cadaquén terá unha experiencia diferente. O Luís Fernández insistiu moito para os participantes practicaren a escrita. Non vou insistir nas ideas arredor dos roteiros, mais na práctica da escrita. Será, xa que logo, un curso eminentemente práctico, onde os participantes non terán que se preocupar de ter ou non ter ideas.
En que nivel de importancia, alén doutras destrezas, poñerías o hábito lector, a disciplina e a constancia para avanzar no oficio de escritor?
Cada autor é un mundo. Hai autores ben meticulosos e outros caóticos, con todo un abano entre ambos extremos. Eu son máis do lado caótico, non son disciplinado, mais teño as miñas zunas á hora de escribir, como creo que teñen todos os autores. Unha das máis fortes en min é que a miña lingua de creación é o galego xa dos primeiros textos. Despois autotradúzome e se o texto se publica pode ser en calquera lingua, mais é verdade que a creatividade en galego faime fluír dun xeito diferente.
“Sempre digo á xente que quere escribir que lea”
Algún consello imprescindible dende a túa experiencia para quen estea empezando?
Sempre digo á xente que quere escribir que lea. Non hai bo escritor que non se apoie ou basee nun lector voraz. E despois, que practique.

