Continúa a programación teatral de outono no Concello de Monforte. Este xoves, 29 de outubro, ás 20:15 horas, o Edificio Multiusos acolle a representación da obra “#Influencers”. A función enmárcase na programación cultural impulsada polo Concello de Monforte a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios de AGADIC e dos Circuítos de Teatro Profesional e Afeccionado da Deputación de Lugo, cunha ampla variedade de propostas escénicas ao longo do último trimestre do ano.
O prezo da entrada é de 5 euros, cunha tarifa reducida de 3 euros para estudantes, persoas desempregadas e xubiladas.
‘ELO MAIS Influencer Race Spain’ é un concurso no que diferentes creadores de contido competirán para demostrar quen é o mellor! E xa se sabe, nesta época dominada por likes, sempre hai alguén disposto a por en dúbida o resultado dunha votación. #Influencers é un espectáculo teatral que ofrece unha mirada cómica e reflexiva sobre a cultura que arrodea a creación de contido nas redes sociais, tomándoa como un espello no que se reflicte a sociedade contemporánea.
A próxima cita teatral en Monforte será o xoves, 5 de novembro. Mofa e Befa presentan “Os dous de sempre” ás 20:25 no Edificio Multiusos de Monforte.

