InicioDeportesO Ferreira C.F. resiste malia as dificultades para atopar xente nova á...

O Ferreira C.F. resiste malia as dificultades para atopar xente nova á que lle guste o fútbol

Un achegamento á historia do club e a visión da directiva respecto ás dificultades de formar equipo cada tempada.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

O colectivo Segredos de Pantón achéganos unha entrevista a César Rodríguez Pedrido, Secretario do Ferreira C.F. Aínda con dificultades para formar equipo, circunstancia que se repite en motísimos clubs de Galicia pola baixa natalidade e incluso tamén, como é o caso, pola falta de interese polo fútbol nalgunhas xeracións de mozos, César amósase optimista coa resistencia do club.

Cando naceu o equipo de fútbol do Ferreira?          

O Ferreira CF fúndase no ano 1977.

Antes do nacemento do Ferreira C.F. existía outra entidade deportiva no concello?

Pois club federado como tal non temos datos de que existira, pero o que si que había eran equipos de parroquias e algunha contaba con varios equipos.

Na historia do club, en que ligas militou o Ferreira?

Nos seus comezos militou na liga da montaña, despois xa no formato actual da federación, estivo en Segunda Autonómica. Chegamos a ter equipo de xuvenís a finais dos 90, e a partir desa época, foron os anos máis gloriosos conseguindo un ascenso a primeira autonómica e gañando a copa. Despois duns anos de éxito en Primeira conséguese o ascenso a Preferente Autonómica, que foi a categoría máis alta onde militamos; despois duns anos en Segunda Autonómica, retornamos en 2017 á Primeira Autonómica, aínda que logo volvemos descender a Segunda, na cal aínda estamos.

Cales son os maiores éxitos deportivos do equipo?

O campionato de liga e a Copa Provincial de Segunda Autonómica no 2003, o ascenso a Preferente Autonómica no 2008 e o ascenso a Primeira Autonómica.

Xuvenís que acadaron o 2º posto na tempada 1998-1999. Foto do club.
Ferreira C.F. campión de Liga e de Copa Provincial da 2ª Autonómica no 2003. Foto do club.
Ascenso a Preferente Autonómica no 2008. Foto do club.

Que categoría pensades que é o lugar natural para o Ferreira?

Pensamos que a Primeira Autonómica. 

Dende o club, como valoredes a vosa afección? Tendes moitos seareiros que recorren os concellos para ver os vosos partidos?

Estamos moi contentos coa resposta da afección xa que é das máis numerosas e das que máis vén animar aos campos de toda a categoría.

Como está sendo esta tempada tan anómala?

Pois estivemos case toda a primeira volta nos primeiros postos, e despois caemos o 2º lugar na clasificación. Logo na última xornada, antes do parón pola Covid-19, perdemos e caemos ata o 3º posto. E, claro, agora a tempada deuse por rematada.

Para rematar coa  entrevista.  Como  vedes  o  estado  de  saúde  do  club?  O club hoxe en día conta cunha boa saúde tanto deportiva como económica, despois duns anos moi duros.

Hai Ferreira para rato, ou non?

Dende a directiva faremos todo o posible para que haxa ferreira para rato, o problema é que estamos nun concello no que escasea a xente nova á que lle guste xogar ao fútbol. Aínda así, veñen unhas xeracións máis novas que poden ser o futuro do club, pero para iso teremos que esperar. Forza Ferreira!

O campo de fútbol Monte Baliño nevado. Foto do club.

ÚLTIMAS

RaizameS, un ‘Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra’ en Taboada

RaizameS é un evento innovador e cun formato diferenciador en relación cos eventos do mundo do...

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...