InicioEconomíaA comarca de Sarria lidera a baixada do paro en xuño

A comarca de Sarria lidera a baixada do paro en xuño

Descenso xeneralizado do desemprego na zona sur de Lugo con 51 parados menos no cómputo global das comarcas de Sarria, Lemos, Chantada e Quiroga. Sarria consegue o mellor dato con 27 desempregados/as menos.

Publicado o

- Advertisement -

Os datos de desemprego de Galicia foron moi bos neste pasado mes de xuño, contabilizando 5.556 parados menos, e na mesma dinámica positiva entrou a provincia de Lugo cunha baixada de 499.

No que respecta á zona sur, referida ás comarcas de Sarria, Lemos, Chantada e Quiroga, os datos tamén son en xeral positivos. O desemprego baixou en 51 persoas.

A comarca de Sarria liderou a baixada cun total de 27 desempregados menos. Por detrás quedou Lemos con 20 parados menos e Chantada con 11. A nota negativa protagonízaa a comarca de Quiroga onde aumentou o paro en 7 persoas.

Dende o sindicato CC.OO. valoran en positivo estes datos pero avisan de que non se pode baixar a garda, pois seguen apuntados no INEM nesta zona sur 3.368 demandantes de emprego. Así mesmo advirten de que a contratación segue caracterizándose pola precariedade e a temporalidade alcanzando tan só un 8’7% de contratos indefinidos.

Por concellos, os números do paro de xuño facilitados pola organización sindical anterior son os seguintes:

comarca de lemos

No Concello de Bóveda hai 46 anotados no paro e baixou en 3 o número de desempregados, Monforte de Lemos contabiliza 1.042 e consegue reducir os parados en 17, Pantón baixa en 5 e queda cun total de 81 e A Pobra do Brollón mantén 65 desempregados. Sober e O Saviñao son os únicos concellos da comarca que suman anotados ao paro. Sober suma 2 e queda cun total de 94 e O Saviñao suma 3 parados máis, quedando cun total de 168.

comarca de quiroga

En Folgoso do Courel aumentou o paro en 4 persoas, quedando cun total de 44 desempregados, Quiroga suma 3 e queda con 182, mentres que Ribas de Sil queda igual, mantén os 49 parados.

comarca de chantada

O Concello de Chantada perde 5 parados, queda con 429, Carballedo resta 3 desempregados e ten agora 64, e Taboada baixa en 3 a conta quedando con 87.

comarca de sarria

O Concello de Sarria perde 24 parados e queda cun total de 728, Triacastela resta 1 e queda con 14, O Incio aumenta en 7 o número de desempregados, sumando un total de 61, Paradela resta 2 e queda con 39, Láncara disminúe en 9 e queda con 106, O Páramo queda con 34 despois de perder un parado e Samos aumenta en 2 quedando con 35.

A Secretaría de Acción Sindical de CC.OO ve tamén con preocupación que haxa 1.100 persoas en situación de extrema pobreza nas comarcas de Lemos, Quiroga e Chantada; e máis de 400 na comarca de Sarria.

Como engadido á valoración da creación de emprego de xuño, o sindicato indicado alédase da chegada da empresa Gallaecia Delicatessen a Monforte.

ÚLTIMAS

RaizameS, un ‘Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra’ en Taboada

RaizameS é un evento innovador e cun formato diferenciador en relación cos eventos do mundo do...

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...