A praga dos ratos-toupa na montaña, perdas económicas e acusacións de electoralismo

Agricultores e gandeiros da montaña luguesa están alarmados diante do que ven como unha praga de ratos-toupa que está a estragar os seus campos e pastos. De momento a Xunta tivo unha reunión con representantes agrarios e movementos ecoloxistas declaran que se está creando un ambiente de alarmismo sobre este asunto.

Rato-toupa

Os agricultores da montaña de Lugo están sinalando o que ven como unha praga de toupas-rato que lles está danando seriamente á produción de forraxe e a alimentación do gando. De momento non hai estimacións firmes das perdas económicas causadas por estes roedores. Tampouco se mediu a extensión de terreo afectada, mais hai quen fala de 4.000 hectáreas e unha redución do 50% na produción de alimento para o gando, ademais a mala calidade do que xa se recolleu.

A ACCIÓN DOS RATOS-TOUPA

O problema de gandeiros e agricultores con estes animais está en que comen as raíces das plantas, que poden ser de herbas ou planta de horta. Sumado a isto, está o feito de cavaren galerías a pouca profundidade expulsando a terra excedente para a superficie. Aterran o pasto e isto trae a perda de forraxe, de pasto útil e perdas para alimentar o gando.

“Séntense cómodas en terreos duros de zonas altas e tamén entran en zonas de labradío” di Carlos, gandeiro ecolóxico de Triacastela. Cando se lle pregunta sobre a aparición deste roedor, responde que o problema comezou hai doce anos. “Chegaron con forza mais logo deron un descanso, tamén se tomaran medidas é certo, e así estivemos tranquilos dous ou tres anos”. Mais agora “levamos con tres ou catro anos que volven con forza outra vez”.

Carlos di que esta “non é unha especie autóctona como din outras persoas”, e tampuco ve que a culpa da súa proliferación estea en que non haxa raposos ou aguias, depredadores naturais. “Isto apareceu primeiramente xunto ás estradas e de aí avanzaron”.

Iván Raposo, responsable de Unións Agrarias (UU.AA) do Courel apunta pola súa parte que “sempre houbo rato-teupa, a xente maior di que sempre se viron, mais non en áreas onde se están vendo agora”. Para Iván Raposo, os invernos máis cálidos das últimas décadas están detrás do aumento da poboación destes animais.

Unha nota da SECEM (Sociedad Española para la Conservación y Estudio de los Mamíferos) emitida poucos días despois das primeiras noticias sobre a acción dos ratos-toupa en Galicia, informaba que descoñecen se os datos recollidos sobre este asunto eran rigurosos ou “simples percepcións dun sector con intereses económicos”.

Sobre a presenza deste roedor, SECEM apuntaba na mesma nota que “sabemos que en Lugo a especie ten unha área moi restrinxida na parte máis oriental” da provincia, nos límites con Asturias e a provincia de León. Unha zona onde “se ten feito unha transformación dos pastos tradicionais en pastos intensivos”. Este cambio no tipo de explotación para alimentación do gando, podería ser un dos motivos que explicaría o aumento da presenza do rato-toupa.

O que si ten claro esta organización conservacionista, é que estes animais sempre tiveron picos de poboación moi elevados durante períodos de tempo distantes entre si. Logo esas poboacións remiten de maneira natural, como cren que sucederá na montaña de Lugo.

UNHA PRAGA ELECTORALISTA?

“En marzo fun en representación dos gandeiros a unha reunión na delegación de Medio Ambiente da Xunta” di Carlos. “Fomos a Medio Ambiente por tratarse dunha praga, nos dixeron”. Ademais diso segundo declara Carlos, tamén lles comentaron que tomarían medidas e igual terían que ir a algunha reunión en Santiago.

Preguntado se os informaron sobre posibles transmisións de enfermidades ao gando, Carlos di que non os informaran de nada, “A forraxe que recollemos vai envolta, leva terra e ratos-toupa dentro e iso vai para as vacas”. Os controis sobre as cabezas gandeiras fanse anualmente. “No meu caso estou nunha ADSG, que fan analíticas onde miran todas as posibles doenzas”. De momento non hai noticias sobre este punto.

As consencuencias económicas para a gandería da zona poderían ser “perdas estimadas polo menos do 50% da forraxe e a que temos é de moi mala calidade” sinala Iván Raposo. O pasado día 18 de novembro o director xeral de Gandeiría, José Balseiros, reuniuse con agricultores e gandeiros da comarca. En dito encontro estimou a superficie afectada en 1.500 hectáreas. “Esa extensión xa a tiñamos estimada nós desde os primeiros días, mais polo que comentan os gandeiros, agora poderíase andar sobre as 4.000 hectáreas afectadas” sinala Raposo. “O que podo ter perdido este ano podería ser arredor de 10.000 euros” di Carlos o gandeiro de Triacastela.

A reunión co director xeral de Gandeiría non quedou libre de polémica polo que apunta Carlos. “Cualificounos de electoralistas por sacar o tema en época de eleccións”. Por outra parte, nesa mesma reunión, os gandeiros apuntaron o encontro con Medio Ambiente en Lugo, “e os de Gandeiría din que o sabían, mais que non nos reuniramos con Medio Rural, por iso non viñeran ata ese día, non se entenden entre eles?”.

Sobre as medidas a tomar, de momento “enviaron técnicos de campo para avaliar os danos, mais non tomaron decisión ningunha” di Carlos. Este gandeiro estima que a colocación de trampas debera terse feito en marzo e así os danos nos pastos serían menores.

O rato-toupa da Cornixa Cantábrica (arvicola scherman cantabriae) ten uns comportamentos similares aos seus parentes doutras zonas de Europa. Picos de poboación moi elevados durante unhas épocas para recuaren despois durante un espazo de tempo variable. De momento, os gandeiros seguen a queixarse do aterramento dos seus pastos. Os ecoloxistas falan da transformación do sistema de explotación do pasto como un desencadeante do fenómeno en Lugo e polo de agora, as valoracións de perdas son estimativas.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here