HomeEconomía5.000 euros para axudas á hostalería no concello do Incio

5.000 euros para axudas á hostalería no concello do Incio

O Concello do Incio aprobou este martes, a proposta da alcaldía e por unanimidade, as bases e a convocatoria dunha liña de axudas para o impulso da actividade económica e paliar os efectos da Covid-19 dirixidas ao sector hostaleiro.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Concello do Incio dirixe a estas axudas un importe de 5.000 euros do vixente orzamento municipal para o que se conta con financiamento procedente do Plan Único. As axudas comprenderán unha cantidade equivalente aos recibos de auga / lixo que soportou o establecemento dende o 2º trimestre de 2020 ata o 3º trimestre de 2021 (ambos incluídos), así como unha cantidade fixa por solicitante en concepto de axuda para outros gastos correntes.

O alcalde, Héctor Corujo, explica que “a situación excepcional derivada da crise da covid-19 afecta duramente ao sector hostaleiro”. Nese sentido, considera “imprescindible dirixir axudas para contribuír ao financiamento de certos gastos correntes que tiveron que afrontar as pequenas empresas e autónomos do sector no contexto de peche obrigado da súa actividade, limitacións de horarios, restricións de aforo, etc.”.

Estas axudas diríxense a persoas físicas ou xurídicas legalmente constituídas que dispoñan dun negocio no termo municipal do Incio e que permanecese pechado e non puidese desempeñar ningunha actividade durante o estado de alarma e/ou que se vise afectado polas posteriores restricións de horarios e aforos, sempre que a súa actividade pertenza ás agrupacións 67 ou 68 do I.A.E.

É necesario estar de alta na súa actividade cunha anterioridade mínima de 6 meses antes da publicación das presentes bases, así como no momento de solicitude da subvención. Non poderán acollerse aquelas que pechasen a súa actividade con anterioridade á declaración do estado de alarma, nin aqueloutras que declarasen o peche definitivo da actividade na actualidade. Así mesmo, non poderán solicitar o peche definitivo da actividade nos vindeiros 6 meses seguintes ao cobro da subvención.

Tamén son requisitos imprescindibles, entre outros, xustificar calquera subvención que lle foi concedida con anterioridade polo Concello do Incio, sempre que finalice o correspondente prazo de xustificación; teren aprobadas as liquidacións ou contas do último exercicio vencido legalmente esixibles e someterse aos procedementos de control que poidan realizar a intervención. A participación neste programa é compatible coa obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade.

As solicitudes presentaranse de xeito telemático na sede electrónica do Concello do Incio acompañadas da documentación requirida e recollida nas bases que estarán dispoñibles na sede electrónica do Concello, xunto ao formulario. Os autónomos que non exerzan funcións colexiadas poderán presentar a súa solicitude fisicamente ante a oficina de asistencia en materia de rexistro do Concello do Incio. O prazo é de 10 días hábiles a partir da publicación no BOP.

ÚLTIMAS

Xornada informativa sobre a regularización extraordinaria de persoas migrantes, este 22 de abril no Auditorio Municipal de Chantada

A actividade que se desenvolverá no Auditorio Municipal de Chantada está aberta ás persoas...

Este 20 de abril celébrase a imposición das Medallas do Concello de Monforte aos policías locais Eusebio Cuesta, a título póstumo, e Francisco Cao

A imposición de Medallas pon fin ao procedemento de Símbolos e Distincións recollido na...

Vicepresidencia recupera os restos da antiga torre do Pazo de Tor en Monforte

O proxecto pretende poñer en valor este elemento construtivo, contiguo ao muro de peche...

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...