O Concello de Monforte ten aberto o prazo de inscrición para participar no Mercado de Nadal, que se celebrará na Praza de Abastos da cidade os días 21 e 22, e 28 e 29 de decembro de 2024.
“Esta Campaña de Nadal na Praza de Abastos, ten como obxectivo principal fomentar as compras desta época nas tendas da nosa localidade, no noso comercio local, para elo queremos fusionar animación e ocio co comercio, nas instalacións dos mercados, como xa vimos de facer nas últimas edicións, unha oferta atractiva de lecer e animación para todos os públicos”, destaca o alcalde, José Tomé.
Os/as interesados/as en formar parte deste Mercado de Nadal terán que presentar a solicitude, xunto coa documentación requirida nas bases, no Rexistro xeral do Concello de Monforte, na sede electrónica, así como a través do seguinte correo electrónico: emprego_pe@concellodemonforte.com ata o día 16 de decembro de 2024.
O Mercado de Nadal contará con un máximo de 16 postos de venda e a convocatoria está dirixida a artesáns, produtores e comerciantes que vendan produtos, creación ou elaboracións de Nadal, como agasallos, xoguetería e complementos.
O Mercado de Nadal ofrece a posibilidade de coñecer as creacións de expositores de decoración propia da época, alimentación gourmet e artesanía. Durante catro días en dúas fins de semana, en xornada de mañá e tarde (de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas) poderanse atopar pezas artesanais de diferentes disciplinas, artigos de decoración navideños e para o fogar, alimentación gourmet e xoguetes e agasallos para as diferentes idades.