HomeEconomíaO IES Río Cabe de Monforte proclámase, no Palacio da Bolsa de...

O IES Río Cabe de Monforte proclámase, no Palacio da Bolsa de Madrid, campión de España de Educación Financeira

O equipo do centro monfortino, formado por cinco estudantes de Bacharelato —Javier de la Iglesia Fernández, Estefanía Fernández Muñoz, Anxo González Rodríguez, Cristian López Rodríguez e Miguel Rois García—, impúxose na final ao Colexio Santa Teresa de Xesús de Ourense, proclamándose así vencedor da categoría xuvenil do certame.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O IES Río Cabe de Monforte de Lemos proclamouse este luns campión de España de Educación Financeira ao gañar a categoría xuvenil do Concurso Escolar de Educación Financeira Finanzas Para Todos 2025-2026, na gran final celebrada no Palacio da Bolsa de Madrid coincidindo co acto central do Día da Educación Financeira.

A vitoria supón a culminación dunha competición na que o alumnado do IES Río Cabe tivo que superar diferentes fases e enfrontamentos antes de chegar á gran final nacional. O equipo conseguira o pase definitivo tras gañar a semifinal celebrada na sucursal do Banco de España en Alacante.

A final celebrada este luns en Madrid tivo ademais un carácter excepcional, os catro centros que chegaron á fase definitiva do concurso procedían de Galicia. Na categoría xuvenil, o título enfrontou ao IES Río Cabe co Colexio Santa Teresa de
Xesús de Ourense, mentres que na categoría cadete competiron o CPI Alcalde Xosé Pichel, de San Roque (A Coruña), e o Colexio Obradoiro, da Coruña. Finalmente, Galicia conseguiu os dous títulos nacionais en xogo, co IES Río Cabe como campión da categoría xuvenil e o Colexio Obradoiro como vencedor da categoría cadete.

A final deste concurso, acto central da duodécima edición do Día da Educación Financeira, celebrado este ano baixo o lema “Ahorra. Invierte. Avanza”, reuniu representantes das principais institucións responsables da educación financeira en España, entre eles o presidente da Comisión Nacional do Mercado de Valores, Carlos San Basilio; o gobernador do Banco de España, José Luis Escrivá; e a secretaria xeral do Tesouro e Financiamento Internacional, Paula Conthe. Tamén participou a atleta e medallista olímpica Ana Peleteiro, que compartiu a súa experiencia na xestión das finanzas no ámbito deportivo e empresarial.

Un concurso para achegar as finanzas á aula

O Concurso Escolar de Educación Financeira forma parte do Plan de Educación Financeira, promovido polo Banco de España, a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) e o Ministerio de Economía, Comercio e Empresa. O certame ten como finalidade achegar ao alumnado coñecementos financeiros que lle permitan comprender mellor a economía e tomar decisións máis informadas e responsables. A competición baséase en preguntas sobre cuestións relacionadas co aforro, a planificación, o consumo responsable e a toma de decisións financeiras, así como outros conceptos económicos


Como gañador da categoría xuvenil, o IES Río Cabe recibirá 3.000 euros en material escolar para o centro, mentres que cada un dos cinco integrantes do equipo recibirá 600 euros. O premio inclúe tamén unha visita guiada ao Banco de España e ao Palacio da Bolsa de Madrid, así como unha xornada divulgativa no propio centro educativo.

Desde o IES Río Cabe aseguran que, “a vitoria supón un recoñecemento ao traballo desenvolvido ao longo do curso e á preparación dos cinco estudantes, que conseguiron levar o nome de Monforte de Lemos e de Galicia á gran final nacional e regresar de Madrid co título de campións de España”.

ÚLTIMAS

O Concello de Monforte concede preto de 78.000 euros a entidades deportivas, culturais, sociais, lúdicas e formativas

O Concello de Monforte vén de informar da concesión de axudas dirixidas a diversas...

Respira, II Xornadas de Benestar do 8 ao 10 de outubro no Ateneo Casino de Monforte

O Ateneo Casino acollerá do 8 ao 10 de outubro un encontro que convida...

6 compañías do sur da provincia no Circuíto de Teatro Afeccionado que ten en marcha a Vicepresidencia da Deputación

A Vicepresidencia da Deputación ten en marcha unha nova edición do Circuíto de Teatro...

Cortes de tráfico este 6 de outubro na Avda de Galicia de Monforte por obras de asfaltado

Esta actuación forma parte da mellora da Avenida de Galicia e a rúa Chantada...