HomeEn profundidadeO Pontón, o bar máis enxebre do Courel

O Pontón, o bar máis enxebre do Courel

O seu atractivo mobiliario, o enclave natural no que se sitúa e a harmonía total coa contorna fan que sexa unha visita obrigada para os visitantes desta reserva verde de Galicia. Falamos con Manolo, o artífice desta marabilla.

Publicado o

- Advertisement -

Na aldea de Ferreirós de Abaixo, entre Folgoso e Seoane, atópase este orixinal Bar-Terraza no que a madeira en estado puro é a protagonista grazas á man e ao instinto artístico de Manolo Álvarez.

O Pontón é un lugar con encanto no que tomar algo convértese nunha experiencia etnográfica e artística pola beleza plástica do mobiliario de madeira traballada de forma artesanal respectando as formas que lle outorga a propia natureza. O boca a boca fíxoo tan popular e coñecido que recibe visitas de xente de todo o mundo. Por aquí ten pasado xente de China, Xapón, Alemaña, Nova Zelanda, de EE. UU… Así mo confirma Manolo pero tamén dá fé o propio libro de visitas que hai nun recuncho do bar, con dedicatorias de visitantes nacionais e internacionais que quedan abraiados tras coñecelo.

Baranda da terraza que hai á entrada coas letras do local e motivos
decorativos feitos nas propias táboas. Foto: XMF

Manolo Álvarez naceu en Ferreirós de Abaixo, e cando dicimos naceu é literal, na casa familiar. Nesta aldea viviu a nenez e a adolescencia sendo feliz cos traballos da casa, xogando cos amigos e gozando do río cos baños no verán e indo pescar troitas cando daquela había a moreas. Con 17 anos fixo as maletas para ir a Barcelona, lugar escollido por ter alá familia, pero que non sería o seu único destino como emigrante. Cóntame que tamén estivo en Ibiza, nas Canarias, Mallorca, Inglaterra e Alemaña, pero remarca que o sitio onde máis a gusto se atopou foi sempre Barcelona.

Manolo recoñece que levaba moi ben o de vivir rodeado de xente, que lle encantaba a noite e socializar pero deu o cambio, empezou a decatarse de que estaba farto de cidade.

Pero chegou ese momento que ás veces se lle presenta a moitos/as galegos/as na emigración, a idea do retorno. Manolo recoñece que levaba moi ben o de vivir rodeado de xente, que lle encantaba a noite e socializar pero deu o cambio, empezou a decatarse de que estaba farto de cidade. Chegado ese punto, no ano 1996, volveu ao seu Ferreirós de Abaixo natal coa intención de montar unha casa de turismo rural e unha terraza-bar como complemento á vivenda residencial, xusto nunha época na que empezaba a ser un nicho de mercado esta opción emprendedora. Ao final, a casa non saíu adiante pero o bar si e apostou por el acondicionándoo pouco a pouco ata darlle unha personalidade que o foi convertendo nun lugar xa emblemático do Courel.

Ponte rústica e artesanal que atravesa o río. No fondo unha enxebre cancela feita a partir dunha peza de madeira que forma un ángulo recto. Foto: XMF

Vendo o mobiliario e a decoración, singulares, orixinais e irrepetibles, fan pensar que todo é obra dun artista, pero Manolo quítase mérito. Non se recoñece nin como ebanista, nin como decorador, nin como escultor… Pregúntolle se de pequeno xa tiña traza e boa man para estas cousas e xa me dá pistas recoñecendo algo: “meu pai levábame á fragua e cando se despistaba eu xa estaba a paus no ferro, tamén facía carros e bicicletas de madeira. Dábaseme ben facer ‘carretos’, o que antes eran as carrilanas. Tiña talento e ganas  para facer estas cousas pero o meu pai non me deixaba moito…”. Deducimos, pois, que de pequeno xa apuntaba un gran potencial creativo, potencial que reprimía en parte o seu pai ao non deixarlle facer nada coas táboas, pois daquela non eran tempos de abundancia e seguramente había que reservalas para cousas da casa e non para xoguetes. “Eu facía cousas a escondidas… pero meu pai sempre me pillaba”, dime tamén Manolo.

“Meu pai levábame á fragua e cando se despistaba eu xa estaba a paus no ferro, tamén facía carros e bicicletas de madeira. Dábaseme ben facer ‘carretos’, o que antes eran as carrilanas. Tiña talento e ganas  para facer estas cousas pero o meu pai non me deixaba moito…”

Pregúntolle tamén onde se inspira para crear ese mobiliario tan singular e orixinal, de onde saca as ideas para facer as mesas, escanos, lámpadas, cancelas e todo, en fin, canto decora O Pontón. “Supoño que me inspirou todo o que teño visto polo mundo adiante, en Alemaña por exemplo lembro ver moito arte, ou un escultor moi bo que hai en Balboa… pero ao final a propia natureza xa che di o que podes aproveitar e o que pode saír da madeira”, confésame Manolo.

“…ao final a propia natureza xa che di o que podes aproveitar e o que pode saír da madeira”

En relación a esta última reflexión cóntame unha anécdota. Nunha ocasión pasou tres anos vendo unha peza de madeira tirada nun camiño, mirábaa e non lle acababa de ver o xeito. Pasado ese tempo, e cando xa estaba na casa para picala para leña, foi cando viu que a peza non podía ir para queimar. Aquel anaco de madeira acabaría sendo un dos enxebres escanos que hai hoxe no bar.

Cómpre dicir que a materia prima de todo o mobiliario do Pontón procede de árbores sen vida, queimados nalgún incendio, caídos ou secos. Despois, a intuición e a man de Manolo dálles unha nova vida, unha utilidade práctica e moi estética, tendo casos de xente que se namora literalmente dalgunha peza ata o punto de querer mercala. “Eu non son dos que fai e vendo, aínda que teño vendido e tamén teño feito algún encargo”, dime Manolo. E engade, “ou regalo, ou cobro, pero cando vendo non cobro barato. E encargos, o último que fixen tardei 3 anos e foi por un compromiso cun amigo de Coruña”.

“Eu non son dos que fai e vendo, aínda que teño vendido e tamén teño feito algún encargo”

O Pontón semella unha pequena galería de arte pero é unha terraza-bar que empezou dedicándose a dar copas e pouco a pouco foi ofrecendo algo de picar para que a xente aguantase máis tempo. Dende hai un tempo ofrece para comer, ademais dalgún entrante de embutido e queixo, carne á pedra natural, sen conxelar, e dúas sobremesas con produtos da zona. “Hai xente que me critica porque só ofrezo un prato (risas) pero non somos un restaurante, somos unha terraza-bar e chéganos con esta oferta”, explica Manolo ao tempo que nos lembra que agora leva o negocio a súa filla e el está de acompañamento, para facer mandados, falar coa xente, etc.

Vista do Pontón ao entrar. Foto: M.M.
Forno onde se fai a carne á pedra. Foto: XMF

Todo en xeral abraia e enche o ollo, cada recuncho sorprende. Hai 5 anos gañou espazo cunha ampliación na que destaca unha zona zen cun chorro de auga que vén dun regato, un escano tipo diván e unha terraza de madeira en altura con mesas, cadeiras e escanos. Os dous WC, de homes e mulleres, son tamén espectaculares. O de mulleres está dentro dun bocoi de viño e no de homes destaca, por sinalar un detalle, un lavabo feito cunha pedra de cuarzo que foi buscar a Formigueiros este artista de Ferreirós de Abaixo.

Zona zen cun pequeno estanque. Foto: XMF
Terraza en altura con mesas, escanos e sillóns. Á dereita o WC das mulleres. Foto: XMF
Sinalización dos WC. Á dereita escano feito con dúas rodas de carro. Foto: XMF

Rematamos a conversa comentando como é a vida no rural e como ve ao Courel. Manolo está feliz de vivir no rural e no Courel pero láiase recoñecendo que “está todo por facer, se estivese coidado como calquera pobo de Asturias daría 80 postos de traballo, temos un patrimonio incrible que ninguén valora”.

ÚLTIMAS

Puido haber unha ALTRI en Quiroga en 1976?

Dende finais de 1975, pouco despois da morte do Perenne, víñanse sucedendo novas na...

Fin de semana de descenso urbano de Sarria

O club ciclista DH Galicia, que ven organizando o evento desde 2012, ultima os...

Concurso de Enganches Concello de Chantada, este 21 de xullo

Chantada acolle o 21 deste mes de xullo o Concurso de Enganches Concello de...

Comeza a mellora da estrada LU-P-4202 que une Pacios e Currelos

A Deputación de Lugo vén de iniciar en Paradela os traballos da estrada provincial...