InicioEn profundidadeDe mal estudante a enxeñeiro de software no CERN, Organización Europea para...

De mal estudante a enxeñeiro de software no CERN, Organización Europea para a Investigación Nuclear

Falando un bo día con José Pino, profesor do IES A Pinguela, chegamos a Diego Rodríguez Rodríguez, un rapaz que tras o seu paso por este centro non parou de progresar na súa formación profesional pero tamén no seu crecemento persoal.

Publicado o

- Advertisement -

Diego Rodríguez é un deses moitos exemplos de talentos que incubamos en Galicia para que despois desenvolvan os seus coñecementos, neste caso a informática, no estranxeiro con extraordinaria solvencia.

Este enxeñeiro de software monfortino vive actualmente en Xenebra e traballa no prestixioso CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear). Segundo nos conta, alcanzar este posto de traballo non semellaba doado porque de pequeno non era bo estudante. O seu paso polo IES A Pinguela e a Universidade de Vigo axudáronlle moito para ir atopando o seu sitio e confiar máis no seu talento. Incluso lle pasou pola cabeza deixar os estudos ao rematar o ciclo de FP pero “foron os profesores do ciclo do IES A Pinguela os que me animaron para continuar” confesa Diego.

Para coñecer polo miúdo a súa evolución de mal estudante a explotar o seu talento coa informática e de pensar que as humanidades non tiñan futuro a atopar paixón por elas -encántalle a poesía, por exemplo- convidámosvos a non perdervos ningún detalle desta interesante entrevista.

Diego: “foron os profesores do ciclo do IES A Pinguela os que me animaron para continuar”

Cando cres que comezou a túa paixón pola informática?

Isto sen dúbida vén do meu tío Juan. El traballa nunha empresa de robótica en Barcelona. Sempre me mostraba vídeos de como os robots funcionaban á perfección, eu quedaba abraiado. Ademais diso, el tiña un ordenador na casa e tiña instalados moitos programas que podía utilizar por medio da súa empresa, deixábame utilizalo todo! Eu vía como facía de todo con aquel aparello do demo, xa podía ser levar as finanzas nunha folla excel ou editar vídeos das vacacións da familia (gracias a el temos vídeos estilo 90 de cando eramos pequenos). Ao estar exposto a todo isto creo que me abriu un pouco a mente e desenvolvín agarimo polo mundo do dixital.

Que lembras do teu paso polo IES A Pinguela?

A Pinguela foi un punto de inflexión na miña vida, de iso estou ben seguro. Eu nunca fun un bo estudante, mais ben un mal estudante. No colexio/instituto nunca  destaquei, sobre todo ía a rastro. O bacharelato atragantóuseme profundamente e non sabia moi ben que facer. Os profesores ate aquel momento sempre me dixeron que non era moi bo para as ciencias, por iso fixen o bacharelato mixto. Cando o rematei só quería facer algo que me permitise traballar e non ter que estudar nunca máis.

“Eu nunca fun un bo estudante, máis ben un mal estudante. No colexio/instituto nunca  destaquei, sobre todo ía a rastro”

A elección entón foi escoller un ciclo de formación profesional. A elección da informática foi entón moi natural. O que me atopei alí cambioume. Por primeira vez na miña vida era bo en algo. Non que fose mellor que ninguén, pero sentíame útil, eficiente e ultra motivado. Era como se fose outra persoa. Ademais, tiven a grandísima sorte de contar cuns profesores de primeira, que esixían pero eran boa xente e grandes motivadores. Aínda é hoxe que recordo a José Pino colléndonos a toda a clase e levándonos ao baño onde nos ensinou con auga e unha caixa de CDs o principio que fai funcionar a fibra óptica. Un fóra de serie, o que necesita o sistema educativo, hai tanto “non bo estudante” como me clasificaba a min mesmo que poderían ser salvados por profesores de semellante categoría. Carme Arean, Rosa María Gamallo eran tamén parte daquel ‘dream team’. Desculpas polos que non lembro.

Diego volvendo dun evento de Robótica co IES A Pinguela. Foto: Diego R.

Que representou para ti aquela beca Erasmus+?

Foi a confirmación de que o cambio que estaba a pasar era realidade e chegou para quedarse. Grazas á axuda do IES A Pinguela, ao empurrón dos profes e ás miñas ganas naturais de aventura fun ao estranxeiro e uninme a unha empresa moi pequena de Dublin. Alí puiden contribuír en tan só dous meses e medio, foi fantástico! Algo ben gracioso sobre isto é que eu nunca aprobei inglés “ben”, sempre na última recuperación da recuperación da recuperación e con moitas horas de clases particulares (risas). Pero un dia comecei a xogar a xogos online: aí foi onde aprendín a usar o idioma, porque tiña utilidade!

A túa formación continuou na Universidade de Vigo. Como valoras o nivel de coñecementos adquirido?

Ir á universidade era un paso que nunca tiven claro, porque sempre fun un mal estudante, e quizais o ciclo si, pero a carreira quedaríame grande. Sen embargo foron os profesores do ciclo do IES A Pinguela os que me animaron para continuar. Gracias ao seu empurrón e ao incondicional apoio da miña nai fun á universidade. Alí tamén fun un “bo estudante”! Aprendín moitísimo na Universidade de Vigo onde atopei grandes profesores expertos en moitas áreas. Isto preparoume en profundidade para o que sería o meu futuro traballando no mundo da informática.

“Aprendín moitísimo na Universidade de Vigo onde atopei grandes profesores expertos en moitas áreas”

Chegar a traballar no prestixioso CERN non debe ser doado. Como o conseguiches ti?

Pois é mais doado do que a xente pensa. Evidentemente un necesita un expediente moi bo e algo de traxectoria dentro da universidade, así como boas recomendacións que non se conseguen se non estás entre os mellores… Se cumpres eses requisitos, só tes que estar atento aos emails da universidade e cando ves a opción de traballar no CERN ou calquera outro sitio que te motive -seica tamén tivo emails da axencia espacial europea por exemplo-, tes que ir a por todas. Curiosamente eu non estaba interesado porque unha vez máis pensaba que era demasiado para min. Foi o meu compañeiro de universidade Hugo, quen xa fixera un período de practicas como estudante no CERN, quen me animou para que aquilo saíse adiante. Entre el e a miña moza daqueles tempos axudáronme a pulir a carta de motivación e cos documentos para entregar. Tempo despois xa recibín un email para unha entrevista co que a día de hoxe é o meu xefe. Xa hai catro anos que estou aquí en Xenebra, e a miúdo penso que se non fose por toda a xente marabillosa que dunha maneira ou outra influenciou o meu camiño non estaría aquí… pero bueno, un tamen escolle de quen se rodea!

Diego Rodríguez no CERN. Foto: D. R.

Que posto ocupas hoxe en día e en que proxectos que se podan contar estás a traballar?

Todos os proxectos pódense contar. O CERN é unha organización moi moi transparente. Eu dedícome ao desenvolvemento de software e colaboro en varios proxectos. O 20% do meu tempo traballo no framework Invenio, que por exemplo esta detrás da plataforma https://zenodo.org, un portal para explorar/publicar investigación científica de todo tipo. Tamén teño a miña parte de responsabilidade en http://opendata.cern.ch/ onde calquera pode descargar datos producidos no acelerador do CERN e utilizalos na casa para facer experimentos, a miúdo ao servizo e utilizado por institutos e universidades para ensinar física. O resto do meu tempo dedícoo ao desenvolvemento dunha plataforma para axudar aos científicos a reproducir o seu traballo para que poda ser revisado e corroborado por outros científicos ou para que sexa máis doado de comprender para novos estudantes. Tamén organizo a benvida/inducción de novos membros aos equipos da miña sección.

“… se non fose por toda a xente marabillosa que dunha maneira ou outra influenciou o meu camiño non estaría aquí”

Fóra do traballo cónstanos que es unha persoa moi activa, con moitas e variadas afeccións. Cóntanos.

Un pouco de todo en tema deportes, sendeirismo, ski, snowboard, bicicleta (xa sexa estrada ou montaña), non son moi bo en nada, pero se teño boa compañía desfruto coma un pequeno. Encántanme as artes gráficas/visuais como a fotografía e a produción de vídeo, non son moi bo tampouco, pero pásoo moi ben aprendendo. As artes escénicas como a maxia e o humor son xeniais, recentemente comecei a aprender maxia gracias a un amigo que espertou en mi o interese. Ata me atrevín cun concepto mesturando maxia e poesía (risas). Tamén me gusta moito ler, ás veces temas relacionados coa mellora persoal, outras veces novelas, e mención especial á poesía. Encántame -se o Diego do Colexio escoitase isto estaría profundamente sorprendido, confésanos-. Por ultimo, destacar que o que máis me gusta é viaxar. Intento escapar por longos períodos, polo menos tres semanas, e se teño tempo escribir sobre as miñas experiencias nas viaxes no meu blog. E agora que non se pode viaxar comecei prácticas para ser guía gratuíto en Xenebra, xa que non viaxo, facer algo relacionado con elo.

Curioso ou non que podan casar tan ben, coma no teu caso, as ciencias coas humanidades, verdade?

Desafortunadamente non sempre foi así, fai relativamente moi pouco que lle din renda solta á miña creatividade e explotei máis ese lado de min. Digamos que historicamente todo o mundo, familia e xente do redor, atopaba o lado da ciencia como o lado produtivo e o lado das humanidades como “sen futuro” e así o vía eu. En realidade eu son un rapaz moi emocional, ás veces os meus amigos chámanme ‘showman’, ese é o Diego máis verdadeiro. Cando estou serio polo traballo, onde as emocións hai que telas mais controladas, aí son un pouco menos eu.

“Fai relativamente moi pouco que lle din renda solta á miña creatividade e explotei máis ese lado de min”

Se galegos coma ti, ben formados en Galicia, teñen que alcanzar o máximo do seu potencial fóra, algo falla aquí. Que opinas ti ao respecto e dende a túa propia experiencia?

Penso que este é un tema extremadamente delicado. Persoalmente, cando eu acabei os meus estudos na Universidade de Vigo, a miña visión era atopar un traballo canto antes, eu xa era un rapaz que “perdera” uns cantos anos de bacharelato malamente, que se logo ciclo, que se logo a universidade… tiña amigos que xa facía tres anos que remataran a universidade. Polo tanto era unha cuestión case de présa. Desafortunadamente teño a impresión de que ese é moitas veces o estándar, atopar un traballo e dar grazas. E iso ocorre, creo, porque a oferta que hai non é a que Galicia se merece.

“Eu estaría moito máis motivado a volver se fose traballar nunha empresa que traballa por e para o futuro de Galicia”

Eu creo que a clave está en que esas empresas invistan en Galicia e que se concentren nos problemas que Galicia ten. Falando dende un punto de vista persoal eu estaría moito máis motivado a volver se fose traballar nunha empresa que traballa por e para o futuro de Galicia.

Por certo, tes morriña de Monforte? Pensas volver ou non o contemplas?

Claro que teño morriña da terra, Monforte está no meu corazón e é a miña terra. Sobre todo boto de menos a feira medieval, o tomarme unhas tapas cos amigos, charlar e ver a vida dun xeito máis sinxelo. Non descarto volver a Galicia, mais polo momento seguirei sendo un embaixador exemplar recomendando Galicia alí a onde vou.

ÚLTIMAS

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...

6 empresas locais constrúen novas naves no Polígono dos Acivros, en Chantada

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, vén de visitar o Polígono dos Acivros...