InicioEn profundidadeCristina Ouro: “dende o instituto tiña claro que quería ser profe de...

Cristina Ouro: “dende o instituto tiña claro que quería ser profe de plástica”

Falamos con esta chantadina, profesora de plástica en secundaria e ilustradora, que recoñece ser feliz ensinando e debuxando. En ‘Espazo C’, un obradoiro de artes plásticas que tivo coa súa parella en Chantada, conxugou as dúas paixóns pero a pandemia obrigoulles a pechar.

Publicado o

- Advertisement -

Cristina Ouro chegou a Chantada cando contaba cun ano de vida, e fíxoo a raíz dun traslado laboral do seu pai. Os seus proxenitores vivían en Barcelona e tiveron que facer as maletas para instalarse nesta localidade coa que nada tiñan que ver. En calquera caso, Cristina dinos que ela é chantadina e está moi orgullosa da súa vila.

Falando da orixe das afeccións que referimos, a nosa entrevistada lembra que con dez anos apuntouse a clases de pintura na Casa da Xuventude de Chantada. E un mestre que tivo, José Pérez Aláez, animouna a facer a carreira de Belas Artes. Lembra tamén que no instituto gañou algún concurso para facer a portada da revista ‘O Tinteiro’.

Cristina recoñece a súa querenza polo debuxo pero déixanos claro que a súa ilusión era ser mestre. “Dende o instituto tiña claro que quería ser profe de plástica, con catorce anos”, afirma.

Anos despois, e quizais tendo presente o consello de José Pérez Aláez, pasou as probas de acceso e matriculouse na carreira de Belas Artes en Pontevedra. Rematada esta, fixo xa o CAP en Lugo e a partir deste momento está a facer substitucións como profesora de plástica  e opositando para algún día ter praza fixa.

Ante esta incerteza decidiu anos atrás, e xunto co seu compañeiro, montar unha academia de debuxo e pintura en Chantada: o coñecido “Espazo C”. Impartían formación en artes plásticas a pequenos e adultos, aínda que sempre houbo máis alumnado miúdo. O caso é que en marzo deste 2021 decidiron pechar. A Covid fixo imposible a súa continuidade.

Unha mágoa darse estas circunstancias que levaron ao peche porque segundo nos di Cristina con certa tristura “coa academia estaba moi a gusto, para min era perfecto… poder dar clases e debuxar cando me apetecía”.

Ilustracións varias de Cristina Ouro

CRISTINA OURO ILUSTRADORA

Aínda que non se promociona nin dá importancia, sabemos da calidade das ilustracións de Cristina por diferentes traballos que lle ten realizado a dinamizadores culturais como por exemplo Anxo Moure e César de Cé Orquestra Pantasma.

Foi precisamente grazas ao chantadino Anxo Moure que coñecemos as ilustracións de Cristina. Debuxos seus danlle vida aos seguintes contos do narrador de Garabelos: “As árbores da paz”, “Contos do Vicentiño”, “O carballo con botas”, “As xacias luviñas” e “O paraugas dameaugas”. “Anxo conta moito comigo, e eu encantada”, di Cristina.

Tamén participou en dous traballos de César, animador musical coñecido como Cé Orquestra Pantasma. Neste caso ilustrou os libriños “Os fíos do querer” e “A voar”.

A portada do libro-cd ‘Os fíos do querer’

Respecto doutros encargos, Ouro fálanos dunha colaboración con Clara Terricabras.

O bo facer desta creadora non deixa lugar a dúbidas, mais recoñece que nunca foi máis alá niso de “venderse”; por un lado por non verse nese papel e por outro porque di que non ten tempo para dedicarlle de xeito que compense economicamente. “Debuxo máis por pracer que polo tema económico… non lle vexo futuro”, chega a dicirnos.

Anxo Moure no dándolle vida ao pescador de contos ‘Pipo Papeiro’. Ilustración de Cristina Ouro

REFERENTES E PROXECTOS

Preguntámoslle por ilustradores e ilustradoras que siga especialmente e que lle inspiren e dinos algúns nomes: Miguelanxo Prado, Leandro Lamas, Esther Gili, Anna Llenas e especialmente Hervé Tullet. Pero vai máis alá, tamén nos di que outros referentes seus son todas as nenas e nenos aos que lle deu clase “incluídos Sarela e Roi, que son o mellor referente que calquera debuxante ou pintor pode ter”.

En canto a proxectos de presente e futuro dinos que fixo unha colaboración coa MESA Lemos para ilustrar unha frase feita que será un adhesivo para pediatría e que ten case rematado un traballo coa súa parella. Neste caso trátase dun conto infantil escrito por Xavier Viana e ilustrado por ela. Está practicamente rematado e teñen en mente autoeditalo. Non nos adianta o título nin de que vai esperando darnos a primicia cando se presente oficialmente.

ÚLTIMAS

Sober pon en marcha o proxecto ‘O SAF actívate’

O Concello de Sober pon en marcha o proxecto ‘O SAF actívate’ co que...

Bóveda sementa a igualdade nos equipos locais de fútbol

O Goberno local de Bóveda prosegue coa campaña ‘Sementando igualdade’, que esta vez chegará...

Reestablécese o subministro de auga nas parroquias de Monforte

A avaría, que tivo lugar o pasado día 26 de febreiro, provocou unha falta...

O PP de Monforte acusa a Tomé “de tapar os problemas de abastecemento con bombas de fume como a supresión dos pasos a nivel”

A voceira do PP de Monforte, Katy Varela, tras ver como que as parroquias...