InicioEn profundidadeJosé Tomé: Monforte vai ben, Monforte está en marcha, facía anos que...

José Tomé: Monforte vai ben, Monforte está en marcha, facía anos que non estaba tan ben

"Dos 7 días da semana, 4 adícollos a Monforte, a maioría adícollo a Monforte e Monforte está funcionando, estanse facendo obras, estanse facendo todos eses grandes proxectos que van a mellorar a vida dos nosos veciños. Son unha persoa normal que se organiza ben e traballa moitas horas," resposta o alcalde á pregunta de se Monforte non se sentirá desprazado ante os distintos cargos que ocupa o rexedor.

Publicado o

- Advertisement -

En marzo do pasado ano entrevistabamos ao alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inmersos en plena pandemia da Covid19 o concello asumía que as principais celebracións festivas non se ían celebrar, pero o 2022 fixo que as circunstancias sanitarias melloraran e Monforte “vai a por todas” nas distintas citas festivas deste ano co obxectivo de recuperar a normalidade o antes posible. Falamos con alcalde, José Tomé Roca, de como se presenta este ano no concello de Monforte.

Este 2022 Monforte quere recuperar a normalidade, xa o deixou claro na Cabalgata de Reis, co Entroido e a Medieval que está aí ás portas. Todas as demais citas festivas e de reunión tamén se recuperarán?

Eu quería volver a un ano normal, no me gusta dicir da nova normalidade, un ano normal despois do que nos condicionou a vida a pandemia. Agora afortunadamente os contaxios non teñen o mesmo perigo porque estamos vacinados a inmensa maioría, agora hai medios nos hospitais que antes non había, respiradores, tratamentos,… Estase normalizando como unha gripe forte, o Ministerio de Sanidade decidía hai uns días que xa non dan baixa pola Covid salvo que sexan síntomas graves e entón fai importante volver á vida normal. Eu decidín que este ano tiñamos que programar todos os eventos, como se estiveramos no 19.

Cabalgata de Reis, Desfile de Entroido, a Feira Medieval, o Festival do Viño, as Festas Patronais…, programar de novo todos os eventos que eran importantes en Monforte. Se se recomenda limitar algo xa o faremos, pero estaremos preparados se todo segue ben.

Eu decidín que este ano tiñamos que programar todos os eventos, como se estiveramos no 19

Para as Patronais temos todo organizado e apalabrado. E estamos traballando para celebrar o Festival do Viño, está todo en marcha. Seguirase con concertos de orquestras e artistas de renome que traerán a moita xente á Compañía para encher Monforte de xente. Igual que recuperar os fogos de río que é moi importante para a cultura monfortina, e enche a beira do río de xente que tamén é do que se trata, veñen a a ver as actuacións, os xogos, os fogos, os concertos e iso é bo para a hostalería e para o comercio, bo para todos.

Había unnha vontade positiva en todos para afrontar o 2022, pero chega o conflito de Ucraína e o problema cos transportes, parece que agora imos cara unha crise económica e xeopolítica importante, non nos dan tempo a descansar?

Eu creo que agora mesmo a crise de Ucraína afectou ao tema da subida dos combustibles e da enerxía e iso ten impacto na economía de todos, sobre todo dos que menos ingresos teñen e iso sen dúbida é unha preocupación, afecta a toda Europa. Acábanse de anuniar medidas que espero fagan que se calmen as augas e seguir coa recuperación económica que estabamos tendo porque agora temos aí unha inxección importantísima de miles de millóns de fondos europeos, pero se non os podemos xestionar por este tipo de cousas van ter menos utilidade da que deberían.

Pediría un pouco de compromiso de todos, aquelas persoas que agora quéixanse de que o gasoil é caro para os camións, está claro que van ter menos beneficios dos que tiñan, pero os que están no paro teñen menos, así que hai que ser solidarios con todos, espero impere a cordura e o sentido común.

Hai un ano o alcalde falábanos de que as obras de Adif ían traer a Monforte un movemento dunhas mil persoas. Un ano despois isto está sendo así?

Está sendo así, estase en obras cara Ourense, cara Lugo, estase renovando, electrificando,… O tramo Monforte-Lugo era a gasoil coa contaminación que iso supón, estamos co maior investimento que se fai por parte do Goberno de España no ferrocarril da provincia de Lugo, con 546 millóns de euros que comprometeu aquí Isabel Pardo de Vera cando era presidenta de Adif. Manipulan con que só hai 300 e pico millóns, pero é para este ano. As obras non van rematar neste ano.

En próximas datas, maio, se nada cambia, o proxecto que impulsei de suprimir os pasos a nivel de Río Seco e Xoán Montes cun paso inferior no medio dos dous, o que cambia toda a urbanización desta zona cun orzamento de case 6 millóns de euros, vaise licitar polo que di Adif, antes do verán. É un proyecto tremendamente importante.

Esgotouse todo grazas a este impulso do ferrocarril e ao espertar do polígono

No polígono hai unha nave só para os técnicos de Adif, que están levando as obras e traballan mañá, tarde e noite e turnos de 24 horas. Isto está en marcha, houbo un momento no que nos preguntaban por pisos no concello porque as inmobiliarias non ofertaban pisos de alugueiro. Iso non quere dicir que no haxa vivendas baleiras, non se ofertan para alugueiro.

Polígono do Reboredo / SEA

Esgotouse todo grazas a este impulso do ferrocarril e ao espertar do polígono, literalmente quedan dúas parcelas e iso obríganos a amplialo, unha parte faraa o propio concello a partir dun plan parcial e a outra parte téñolla solicitado ao sepes; o concello vaino facer, o sepes estudiarao. O polígono está tendo un impulso tremendo, fíxose unha rúa nova, a mellor rúa que ten hoxe o polígono e que vai dar servizo a uns terreos que agora mesmo son rústicos.

Pensan que me debilitan a min e a quen lle fan dano é á veciñanza de Monforte

Para completar as melloras no Polígono o concello ten solicitado da Xunta actualizar a planta de transferencia do polígono?

O que fixo a Xunta con Monforte é de xulgado de garda. Aquí temos un centro de transferencia e déixannos sen centro para orgánica, para o tratamento do quinto contedor e que hai que levalo a San Cibrao das Viñas, sen importarlles por un tema ambiental que os camións vaian de aquí a Ourense. Por que non nos adecúan a que hai para que a contorna veña aquí? Falaban de facela en Chantada pero para todo o sur de Lugo está mellor Monforte. Imos aplicar o sentido común e deixar de mirar quen goberna en cada sitio. Pensan que me debilitan a min e a quen lle fan dano son ás veciñas e veciños de Monforte.

Hai xente contenta co proxecto de urbanización da zona C, pero tamén hai quen non entende que se cree aquí máis solo urbanizable coa cantidade de edificios ruinosos que hai en Monforte.

Esas casas son de particulares, téñenas que arranxar os donos por lei. Poderíanse expropiar? Todo o que habería que facer en Monforte non chega o presuposto nin tolo, podemos dar axudas e tramitar axudas de rehabilitación.

Monforte é unha cidade que se expandiu moitísimo e no medio non resolveu os problemas deixando estas bolsas de solo

A zona C é rehabilitar unha parte da cidade. Está acordado desde o 2020 polo pleno urbanizala. Era unha silveira chea de maleza, edificios en ruinas caéndose ao carón dos Escolapios. Monforte é unha cidade que se expandiu moitísimo e no medio non resolveu os problemas deixando estas bolsas de solo. En Lalín, Betanzos, Viveiro ou Carballo non para iso. Aquí temos unha extensión de cidade semellante a Lugo, pero Lugo ten 98 mil e nós 18 mil habitantes, no custe dos servizos non hai comparación, necesitas unhas redes enormes de tuberías e alumeado.

Monforte de Lemos / XdL

Temos que poñer en valor esas bolsas de terreo. Sacamos un tapón da rúa Rof Codina, creamos novas vías, facemos unha zona verde arredor da gardaría, e unha zona urbanizada por se se quere promover algo e nós faremos o parque de 6000 metros cadrados ao longo do río e así teremos dunha banda o Parque dos Condes e doutra o da zona nova.

Pero hai máis, queremos traballar na zona D, que xa lle cambiamos a calificación para poder urbanizala, toda a parte por detrás do banco de Bilbao cara o río e Parque dos Condes. Queremos mellorar a cidade, xa están case todas as rúas melloradas, coidadas, limpas, pintadas,… toca mellorar outros aspectos.

En agosto poderase gozar do parque xa rematado

Tamén importante a obra ao carón do hospital. En que situación está agora e que lle pasa ao concello que gaña todas as sentenzas?

As sentenzas gañámolas porque facemos ben as cousas, moitas veces hai persoas que queren que prime o interese particular sobre o interese público e claro o terreo ao carón do hospital era un terreo rústico e nós tiñamos un compromiso nesa zona de arranxar espazo público, arranxamos todas as rúas,…e estamos con esa zona verde, con esa zona de lecer que ademáis incorpora 60 prazas de estacionamento e poñemos en valor esta zona eliminando esa loma. O mesmo facemos en Covas, conseguimos que a Confederación arranxe a presa con case 600 mil euros. Imos adquirir aí tres finquiñas pequenas para completar o parque de todo, desde detrás dos Escalapios ata Covas e aí xa chegamos a un acordo para derrubar unha caseta que hai no medio e deixar tamén esta zona diáfana. Estamos mellorando a cidade, sempre vai haber quen opine outras cousas, creo que é normal, pero a inmensa maioría dos cidadáns creo que o ven ben e imos a seguir nesta liña.

E ao final cando se retomarán as obras a carón do Hospital?

Estase rematando o contrato para asinalo nas próximas semanas, unha vez que se anulou o contrato anterior. En agosto poderíase gozar do parque xa rematado.

A pandemia non era o momento de abrir bares, pero agora en que situación quedan os bares que o concello ten pendentes de adxudicar no malecón, Centro do Viño e Praza de Abastos?

Nós non debemos facer de competidores da hostalería privada. O bar da Praza de Abastos complementará as exposicións e as actividades que se fan alí, ese espazo vennos ben para completar os mercados. A tapería do Centro do Viño posiblemente sexa mellor como un complemento ao conxunto do museo e centro do viño que como un bar illado. A función do concello non é promover bares. No malecón si podería ser unha opción para dar servizo de bar a esa zona, o contrato está vencido e hai que sacalo a concurso. Aí podería ser un servizo para a xente que vai ao centro social, ao CIM…

Vista ó río Cabe ó seu paso por Monforte dende a Ponte Vella / XdL

Non hai posibilidades de probar a ponte vella sen tráfico a ver como funciona?

Eu estouche para dar servizos non para quitalos. Se cortas a ponte vella sen máis creas un problema de tráfico, iso xa está demostrado, claro que ao final te adaptas. Quen falou de pechala hai tempo fun eu cando ninguén me fixo caso, tamén falaba de que facía falta unha alternativa porque só temos dúas pontes. As cidades cada pouco teñen unha ponte, había programada unha en Aceña Nova que para min estaba mal, tampouco se levou a cabo, proxectos todo o mundo tiña moitos pero hai que xestionar, investir e executar.

Non se trata de facer unha ponte nova, si de substituir unha ponte peonil por unha estrutura máis ampla que permita as dúas cousas, vehículos e peóns. En canto ao impacto que din que ten, o mesmo, máis ancha, agora ves un arco da ponte madeira e despois verás un arco da ponte de ferro. A ponte de ferro histórica en Monforte, orgullo deste pobo. Esto permite dar un servizo novo, vai ter unha altura similar á de agora, pero será máis plana, o impacto é o mesmo.

Con esa sentenza e a autorización da Confederación Hidrográfica, a ponte sairá adiante

A conexión con Ramberde é o ancho que hai agora mesmo, 9 metros, colle perfectamente unha dobre dirección para coches. Desconxestionamos a ponte nova e a rúa Hortas. Non é verdade o que se está dicindo. Estamos dando os pasos que podemos dar, estamos esperando para pedir permisos á Confederación. Está a punto de publicarse o Plan Hidrolóxico Nacional, un plan que dura 5 anos e creo se publica en xuño, cando se publique presentaremos o proxecto conforme ao novo plan. Despois habería que solicitar o permiso á Confederación, despois hai que envialo a Patrimonio por se houbera alguna afección relevante sobre o casco histórico, que non a ten porque Ramberde e o Malecón son zona de respecto, pero non casco histórico.

Hai unha sentenza do Tribunal de Xustiza de Galicia sobre un asunto de Vigo moi parecido a isto onde por proximidade dunha igrexa a Xunta fixo informe negativo. Con esa sentenza e a autorización da Confederación Hidrográfica, a ponte sairá adiante. Vai tardar un pouco máis do que a min me gustaría porque gustaríame para este mandato e non vai poder estar. Desde que se publique o Plan Hidrolóxico, pedir os permisos e igual tardan un ano e darchos, licitar as obras que leva uns meses e logo executalas,… A ponte é un proxecto que se inicia neste mandato e acabará no próximo.

Tomé Congreso Provincial Lugo PSOE / PSOE provincial

Monforte podería sentirse desprazada ou que non se lle presta suficiente atención por parte do alcalde con todos os cargos que está asumindo, Presidente da Deputación, Secretario Xeral do PSOE na provincia?

Dos 7 días da semana, 4 adícollos a Monforte, a maioría adícollo a Monforte e Monforte está funcionando, estanse facendo obras, estanse facendo todos eses grandes proxectos que van a mellorar a vida dos nosos veciños. Son unha persoa normal que se organiza ben e traballa moitas horas. O Polígono levaba moitos anos como se non existirá, agora reviviu e hai empresas que se van instalar aquí importantes, alguna delas presentaranse ao longo desta primavera e creará moitos postos de traballo cun investimento moi grande. Vaise facer runha nova depuradora, estanse urbanizando terreos, vanse poñer a disposición parcelas que non o estaban, estamos facendo plans parciais para aumentar o tamaño do polígono…

Monforte vai ben, Monforte está en marcha, facía anos que non estaba tan ben. Coidado desde o punto de vista urbanístico, execución de parques, abastecemento,…e imos a facer unha actuación importante a non moito tardar. O saneamento igual, estamos investindo millóns de euros en convenios coa Confederación e coa Deputación e agora mesmo está en estudo toda a rede de saneamento de Monforte, incluído o polígono e a depuradora de Piñeira por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica, igual despois hai que investir 20 millóns de euros e este alcalde traballará para conseguir iso.

O Porto Seco mentres non cambie a Xunta de Galicia non vai ir para adiante

O Porto Seco sería esa espiñiña que non hai maneira de darlle para adiante?

O Porto Seco mentres non cambie a Xunta de Galicia non vai ir para adiante porque levan moitos anos mareando a perdiz, non invisten nas dúas cousas que teñen que facer que é o acceso desde o butano ata a N-120 e facer o peirao de carga. Sen o cargadoiro que está no proxecto e que sería necesario para pasar as mercadorías de tren a camión e de camión a tren, como nos as cargues a man!. Isto é competencia da Xunta se non o fan é que non lles interesa. Eu teño interese e estouno demandando cada pouco pero un ten que asumir as súas competencias.

Tamén teño pedido que desdobre a rúa Chantada desde a rotonda do Salón do Moble e sería unha entrada fabulosa. Está pedido e non fan caso, esas cousas chegarán cando cambie o goberno da Xunta e podamos influír para que se fagan.

ÚLTIMAS

Bolsas de tea con motivos feministas

O proxecto de igualdade do Concello de Sober ‘Redes Lilas’ celebrou a súa cuarta...

Aly Alma, artista con raíces en Quiroga, presenta “Violet Mood”, un espectacular show acústico en feminino

Alicia Losada, coñecida artisticamente como ‘Aly Alma’ e con orixes en Quiroga por parte...

Novo miradoiro á Ribeira Sacra de Soutochao

O concello lugués de Sober estreou o novo miradoiro de Soutochao, desde o que poden contemplarse...

Sur da provincia de Lugo e Costa da Morte, a Galicia con maior porcentaxe de persoas dependentes

O 4,19% da poboación galega estaba en situación de dependencia o ano pasado, cunha...