InicioEn profundidadeCarlos Armesto: “A Festa da Vendima terá continuidade”

Carlos Armesto: “A Festa da Vendima terá continuidade”

A pasada fin de semana tivo lugar este evento, unha celebración que tiña como obxectivo poñer en valor a vendima e dotar a este concello dunha festa vitivinícola diferente ás coñecidas. Falamos co alcalde do Saviñao.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A pasada fin de semana, 17 e 18 de setembro, tivo lugar a primeira Festa da Vendima no marco incomparable da Devesa de Escairón. Durante os dous días o público asistente puido mercar artesanía, degustar produtos da gastronomía local, probar os mellores caldos das adegas participantes —Adegas Moure, Pilares de Belesar, S.A.T. Virxe dos Remedios, José Luis Pérez Pérez e Adega Gozo– e gozar de actividades paralelas como foron obradoiros de cata de uvas, roteiros e importantes actuacións musicais. Pola carballeira pasaron agrupacións tradicionais como Donaire ou Tarabelos e actuaron en concerto Susana Seivane, Luar na Lubre e De Vacas.

Concerto de Luar na Lubre / XdL
Numeroso público nos concertos / XdL

Ademais do anterior cómpre salientar que a organización montou unha pequena mostra etnográfica e fotográfica sobre a viticultura na que se podían ver embarcacións, cubas de viño, pelexos e outros elementos que outrora foron tan necesarios para a vendima na ribeira. As pezas físicas que se expoñían foron cedidas pola Fundación Xosé Soto de Fión.

VALORACIÓN DO ALCALDE

Falamos con Carlos Armesto, rexedor do Concello do Saviñao, para facer unha primeira valoración. O primeiro que nos di é que a comisión organizadora quedou cunha primeira impresión positiva e que os obxectivos iniciais buscados cumpríronse. Estes eran “crear unha festa necesaria para O Saviñao”, “coidar moito a estética” e que “os adegueiros quedaran contentos”. Ademais do anterior, segundo refire, tamén tivo a repercusión mediática necesaria para o impulso inicial que necesita sempre unha primeira edición e a presenza de autoridades foi tamén moi significativa.

“A vendima necesitaba unha festa… unha festa cultural de posta en valor dun produto”, comenta Armesto ao tempo que destaca tamén a Devesa “como elemento favorecedor que había que aproveitar”.

“A vendima necesitaba unha festa… unha festa cultural de posta en valor dun produto”

Cando preguntamos pola continuidade, o alcalde do Saviñao é tamén categórico: “queremos que permaneza e farémola crecer, seguiremos apostando por ela”. “Temos que pensar xa na seguinte e intentar que a comisión organizadora se vaia reunindo durante o ano”, remata.

STAND ÚNICO PARA AS ADEGAS

Este detalle chamou a atención, pois as adegas presentes no evento compartiron un posto que ademais foi atendido por camareiros profesionais e non por adegueiros. Preguntamos por este tema a Carlos Armesto e dinos que foi unha esixencia das propias adegas “querían un stand profesional e non atendido por adegueiros, por iso non era tampouco unha festa do viño como tal”. Ademais, tendo en conta que se adiantaron as vendimas, os adegueiros non podían estar.

“Querían un stand profesional e non atendido por adegueiros, por iso non era tampouco unha festa do viño como tal”

O feito de ter un stand conxunto non restou interese nin tampouco vendas. Neste senso, Armesto dinos que houbo boas vendas e que en momentos puntuais quedou incluso pequeno. De cara ao vindeiro ano xa tomarán nota deste tema para dotar á festa dun stand de viños de maiores dimensións.

MANTER OU NON MANTER AS DATAS

O alcalde recoñece que ao tema das datas déuselle moitas voltas. As datas oficiais da vendima na Ribeira Sacra eran habitualmente sobre o 20 de setembro e en principio non era mala escolla facer a festa os días 17 e 18 pero este ano adiantouse. “A futuro será un elemento a analizar o das datas porque as vendimas vanse ir adiantando…”, reflexiona Carlos Armesto.

“A futuro será un elemento a analizar o das datas porque as vendimas vanse ir adiantando…”

PREGOEIRO

Todo un acerto que o pregoeiro fose o escritor Xabier Quiroga. “Decidimos que fora un fillo do Saviñao e pensamos nel”, comenta Armesto. “Non o pensou moito porque ao día seguinte de propoñerllo xa nos dixo que si, e sabemos que perdeu os billetes que tiña xa de volta para Casablanca por estar no pregón”, remarca tamén dándolle importancia ao detalle.

Xabier Quiroga xunto aos outr@s investidos como “Donas e Cabaleiros da Mencía”. Foto: Concello do Saviñao

“Foi un pregón moi elaborado, pensado por e para a vendima… dos mellores pregoeiros que teño visto”, conclúe o alcalde.

Do moito e ben que falou Xabier Quiroga podemos quedarnos cunha das reflexións que compartiu: “Os vellos non eran enólogos nin enxeñeiros agrónomos, pero grazas a eles o viñedo non esmoreceu”.

ÚLTIMAS

A A.V. do Saviñao pide aumentar as prazas de taxi

A Asociación Veciñal do Saviñao dirixiuse á Alcaldía do Saviñao coa finalidade de trasmitir...

Últimos días para coñecer a exposición Entroido “Mobiliario Vestido”, na casa da cultura de Chantada

A casa da cultura do Concello de Chantada acolle ata o 30 deste mes...

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...