HomeEn profundidadeAndrea López: “Sempre tiven moita imaxinación, que me facía inventar e vivir...

Andrea López: “Sempre tiven moita imaxinación, que me facía inventar e vivir aventuras”

Esta moza de Pantón vén de publicar unha novela que leva por título “Crónicas de Vanusum I. El Reino de los Reinos”. A través desta entrevista coñecemos a súa traxectoria e sabemos como xermolou a obra.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Andrea López Otero, ‘Andrea Micc’ no mundo artístico e literario, é unha rapaza que se confesa “amante das boas historias” desde que era unha cativa e gran admiradora de autores como Julio Verne, J.R.R. Tolkien, Elisabetta Dami ou Laura Gallego, entre outros.

No 2022 rematou a carreira de Enxeñería Aeroespacial e aínda que poida parecer que non encaixar moito recoñece ser unha curiosa da historia, da arte, a música, a fantasía e a ciencia ficción. En definitiva, unha muller de ciencias pero con gusto polas humanidades. En palabras dela, “síntome moi completa coas dúas ramas, aínda que o que mellor se me deu foron as letras”.

Neste senso, fíxonos unha reflexión: “téndese a separar as artes das ciencias e están máis unidas do que parece. En enxeñería sería bo que se tiveran coñecementos de artes”.

Comezou a escribir aos trece anos e ata o momento ten compaxinado a prosa coa poesía, moi abundante neste segundo caso e escrita en galego. Como curiosidade, comentar que no concurso de Política Lingüística da Xunta de Galicia “Lingua de Namorar” conseguiu o terceiro premio de forma consecutiva os anos 2021, 2022 e 2023.

Actualmente vén de publicar a novela “Crónicas de Vanusum I. El Reino de los Reinos”, feito que aproveitaron os colaboradores de Segredos de Pantón para entrevistala.

Cando comezaches coa afección á lectura?

Sempre dende pequeniña me gustou ler, foi algo que meus pais me inculcaron dende sempre, a importancia de ler moito. Nunca me faltaron os libros, de todo tipo, dende lendas, ciencia, historia,… ata ficción, fantasía ou romance. Sempre os desfrutei todos e, así mesmo, aprendín moito deles, non só en relación á propia temática, senón tamén a todas as emocións, soños e afluencia de ideas que provocaban en min, cada un, á súa maneira.

“Sempre dende pequeniña me gustou ler, foi algo que meus pais me inculcaron dende sempre, a importancia de ler moito”

O teu xénero favorito?

Como dixen, sempre gocei de tódalas temáticas, para min calquera libro é realmente un tesouro. Aínda así, podería dicir que o meu xénero predilecto é a fantasía, o que máis teño lido e o que máis me fai soñar.

Les moito? Todos os días?

Sempre lin moitísimo, pero xa cando comecei o bacharelato a miña lista de lecturas comezou a reducirse considerablemente, debido ó incremento da carga de traballo. Posteriormente na universidade, en cinco anos aproximadamente creo que lin tres libros e non moi longos. Foi algo para o que sempre quixen buscar tempo, é unha cousa que me apaixona e que me inspira, pero neses anos foi completamente inviable. Nalgún verán conseguía ler algo máis, pero durante o curso nada, non hai tempo para aburrirse (o cal me parece moi importante ter, de cara a poder pensar e explorar o potencial de cada un). Pola contra, en canto rematei a carreira comecei a ler un pouco máis e xa vou collendo ritmo de novo, lendo un pouco de todo; lecturas máis amplas, máis curtas, en galego, en castelán ou algunha cousiña tamén en inglés e francés.

Algún libro a recomendar?

Hai moitos libros que podería recomendar, aínda que tamén son moitos máis os que me poderían recomendar a min. Mais hai algún co que gocei moito e que realmente me ‘enganchou’ e/ou me fixo reflexionar e inspirarme a esgalla, como “Y tú, ¿eres feminista?” de Gemma Celestino. Este é un libro recomendadísimo para calquera persoa, non desvelarei nada, pero é un libro que nos fai ver que aínda cando cremos que sabemos ‘bastante’, non sabemos nada. Tamén “El monje que vedió su Ferrari” de Robin Sharma, é unha lectura que nos convida a reflexionar e que nos anima a saír da nosa zona de confort, a descubrir o noso potencial e mergullarnos nas cousas que nos fan verdadeiramente felices. En galego houbo dous libros cos que tamén desfrutei moito no seu momento, “Circe ou o pracer do azul” de Begoña Caamaño e “A evolución de Calpurnia Tate” de Jacqueline Kelly. Tamén outros como “Robinson Crusoe” de Daniel Defoe que lin por recomendación dun profe do Monte Baliño con 10 ou 11 anos e que me encantou. E, por último, salientaría “Donde los árboles cantan” e “Memorias de Idhún” de Laura Gallego, ou calquera dos libros máis extensos de Gerónimo Stilton, tamén cheos de fantasía e que marcaron moito a miña traxectoria.

Como foi que decidiches escribir un libro? De onde sacaches a inspiración?

A semente deste libro nace nos últimos anos de primaria. Sempre tiven moita imaxinación, que me facía inventar e vivir aventuras. A inspiración creo que sempre estivo ó meu redor, nos libros que me regalaban, nas conversas sobre o espazo, o mundo, que compartía con meus pais, así como no lugar no que me criei. Para min Galicia é terra de meigas, de maxia, de lendas, de xacias, sereas… iso tamén me marcou moito, alén de que considero que tiven a gran sorte de crecer nun ambiente rural, nun mundo no que o día a día son os animais, a vexetación, a terra, a choiva, o sol, polo cal tamén aprendín a valorar todo iso, a enerxía que nos transmite, a calidade de vida que nos proporciona e o máxico de todo o que nos rodea.

“A semente deste libro nace nos últimos anos de primaria. Sempre tiven moita imaxinación, que me facía inventar e vivir aventuras”

Todos os estímulos estaban aí e foi un día no xardín da miña casa, onde comezou a busca dun tesouro máxico que sabía que existía a través dalgunha porta fantástica que tiña que atopar. A medida que a miña imaxinación voaba, a aventura medraba, daquelas, tamén imaxinándome xunto cos meus compañeiros de sexto de primaria. Chegou un punto, no que ata debuxara o mapa dos mundos que me imaxinaba, lía sobre os seres cos que me podía atopar e facía as miñas anotacións, describía o que ‘nos pasaba’ cada día… ata que finalmente, no verán previo a primeiro da ESO, decidín compilalo todo e escribir o libro.

Andrea Micc coa súa novela. Foto cedida.

Cóntanos un pouco, sen nos desvelar a túa novela, o argumento das “Crónicas de Vanusum”.

Crónicas de Vanusum I é o comezo dunha nova saga fantástica chea de maxia, de aventura e de acción. É un libro no que se poñen en valor a importancia da amizade, do equipo, do camiñar cara adiante, aínda sen saber moi ben que vai pasar ou por que nos atopamos onde nos atopamos, de aportar o noso gran de area e que se vexa a súa relevancia, aínda parecendo algo insignificante nun primeiro momento. Tamén se reflicten outros valores como a tolerancia, a lealdade ou a resiliencia, así como a esperanza e o pensamento de que nada é imposible. Non quero facer spoilers, polo que simplemente rematarei dicindo que, ademais diso, Crónicas de Vanusum narra unha aventura da que nos convida a ser partícipes e a sentirnos na pel de cada personaxe, somo se fósemos nós mesmos os que penetramos nese mundo de elfos, fadas, sereas, ananos, ogros e bruxas, entre outros, que se atopa sumido na escuridade.

Para sacar o teu libro adiante, como conseguiches atopar unha editorial e como está a ser a experiencia?

Teño que dicir que con 15 ou 16 anos probara a envialo a algún concurso literario, pero recoñezo que por un lado non coñecía moi ben o seu funcionamento e polo outro aínda era un libro pouco madurado. Nestes últimos meses, dende que rematei a carreira, dediqueime na totalidade do meu tempo ó libro e a estudar outras linguas. Nos últimos meses, cando xa obtiña un resultado que consideraba óptimo, despois de traballar moito sobre a maduración dos textos, modificar capítulos e darlle mil voltas á historia, decidinme a buscar editorial. Estiven valorando varias, pero finalmente escollín tres. Desas, unha xa aceptara o meu libro, pero descarteina porque consideraba que as outras dúas ían máis acorde ós meus intereses. Quedábanme unha editorial tradicional e outra de autoedición. Despois de enviarlle unha copia e agardar varias semanas pola súa valoración, ambas o aceptaron. Estiven todo o mes de decembro facendo listas dos pros e contras de ambas, pedindo consello, lendo blogs, chamando ás dúas editoriais para preguntar dúbidas e axudándome tamén para isto e moitas outras revisións finais, do libro ‘Curso de Escritura Creativa’ de Brandon Sanderson, que me regalou neses meses miña nai.

“Nestes últimos meses, dende que rematei a carreira, dediqueime na totalidade do meu tempo ó libro e a estudar outras linguas”

E ao final…

Finalmente, decanteime pola de autoedición, neste caso Círculo Rojo, porque había unha cousa que tiña clara e coa que a editorial tradicional era máis inflexible: o deseño da portada. Finalmente gracias á flexibilidade que a elixida me outorgaba, puiden deseñar por completo a portada, contraportada, lapelas e cada detalliño gráfico do interior do libro na forma na que o imaxinaba. Foi un proceso realmente aburrido e de moito traballo, porque ademais nunha editorial tradicional moitas veces o autor pon o texto e o resto venlle dado. Eu xusto acababa de mercar a miña primeira tableta gráfica e tiven que aprender a manexar varios programas, alén de todos os boquexos e versións que existiron durante meses antes de obter o resultado final. Pero á vez, foi un proceso moi bonito e moi gratificante, no que estaba facendo exactamente o que quería facer e no que estaba aprendendo moito, sempre chea de ilusión. A editorial marcou uns parámetros en todo, porque ó final hai moitas cousas que corrixir, revisar, etc. En ningún momento te deixan só, eles revisan, corrixen, maquetan e organizan todo como debe ser, pero neste caso, e dentro duns límites, é o autor quen ten a última palabra para cada paso da edición.

Vemos que o teu libro é o primeiro dunha saga. Xa estás a traballar no volume II? Cando poderemos gozalo? Podes adiantarnos algo?

Si, dende pequena cando o escribín por primeira vez, sempre quixen que fosen dous tomos. O que penso agora é que serán dous tomos, para pechar de forma circular a historia que se inicia no primeiro, pero que é posible que exista unha terceira parte a maiores, como extra á historia principal. É algo que aínda estou a valorar e que non me corre présa, penso que o tempo e os acontecementos mo dirán chegado o momento.

O que si está claro, é que haberá unha segunda parte, da cal xa teño boa parte da estrutura preparada e que conto empezar a escribir a comezos de agosto, para sacala a principios-mediados do ano que vén de ser posible. Como adianto, dicir que se a primeira parte xa é un non parar, na segunda é onde realmente se vai ver o desenlace de todo, co seu respectivo envorcado de emocións no lector, que agardo, non o deixará indiferente.

Para rematar, se queremos facernos cun exemplar, como podemos conseguilo?

Se despois do que vos acabo de compartir, tedes interese en vivir comigo esta aventura, podedes facervos co voso exemplar de varias maneiras: en calquera librería de España, onde se non o teñen xa, pódeno pedir. En moitas de Monforte de Lemos, como Librería Agrasar, Librería Entre Libros, Librería Galicia ou Librería Pelayo, entre outras, xa contan con el nos seus andeis. Ademais, tamén o podedes conseguir contactando comigo directamente ou a través do instragram e a web oficial do libro. A maiores, en Fnac e El Corte Inglés, e ó longo deste mes ou comezos de xuño, estará dispoñible tamén en Casa Del Libro e Amazon, así como en formato ebook para dispositivos Tagus ou compatibles. Tamén estará dispoñible nos eventos aos que asista, como feiras do libro ou presentacións.

ÚLTIMAS

Completo programa teatral para este outono en Ribas de Sil

A Concellería de Cultura do Concello de Ribas de Sil ofrecerá de outubro a...

Compromiso da Xunta para recuperar patrimonio cultural da Ribeira Sacra

A directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª da Carmen Martínez, referendou o compromiso da...

Só a comarca de Chantada reduce o paro no mes de setembro

A Secretaría de Acción Sindical de CC.OO LUGO valora positivamente os datos do paro...

O BNG denuncia incumprimentos cos viticultores da Ribeira Sacra

O BNG considera necesario que nesta vendima de 2024 as axudas cheguen directamente ás...