HomeEn profundidadeXosé Lois Maceda: "Estamos subindo poboación, iso demostra que a xente quere...

Xosé Lois Maceda: “Estamos subindo poboación, iso demostra que a xente quere vivir aquí”

"En toda a comarca os únicos concellos que estamos subindo poboación somos a Pobra do Brollón e Monforte de Lemos. Creo que é un indicador de que hai xente que quere vivir aquí e espero que iso siga sucendendo así", asegura Xosé Lois Maceda.

Publicado o

POR
Ana Belén Fernández
- Advertisement -

Nestas épocas do Nadal as familias xúntanse e no concello da Pobra do Brollón serán máis que o ano pasado porque o municipio incrementou a súa poboación nun 3,45% con respecto ao 2023 segundo vén de publicar o INE pasou de 1.565 no 2023 a 1.619 neste 2024. Falamos co alcalde, Xosé lois Maceda.

Que destacaría o alcalde deste ano 2024 na Pobra do Brollón?

O máis importante é que nas municipais do 23 o BNG renovou o goberno municipal, o que nos permite seguir implementando neste ano as políticas que poñemos en marcha. Neste punto o máis importante para nós e para os/as veciños/as é o inicio das obras da residencia, unha infaestrutura pola que levamos pelexando un montón de anos e por fin comezou a medrar o edificio. Esperamos que pronto se remate para poder desfrutalo. 

Ademais en toda a comarca os únicos concellos que estamos subindo poboación somos A Pobra do Brollón e Monforte de Lemos, que a xente queira vivir aquí é unha honra.

“Estamos a construír un goberno municipal de futuro”

Renovouse o goberno municipal pero coa perda dun concelleiro para o BNG.

Foi unha cadea de erros e aquí ninguén ten responsabilidades, pero hai moitas e diferentes, ou deixadeces máis ben, e acabamos perdendo un concelleiro. Seguimos no goberno porque tiñamos unha maioría folgada, pero esperemos que isto non se volva a repetir. Creo que habería que modificar a lei electoral porque ao final o resultado disto é que moitos veciños da Pobra do Brollón teñen representantes que non elixiron, o que resulta totalmente antidemocrático.

Estamos acometendo a renovación do grupo de goberno. Acaba de marchar un concelleiro por xubilación e estamos metendo concelleiros novos que dan un aire fresco ao goberno municipal e por outra banda estamos a construír un goberno municipal de futuro. Hoxe a política padece moita desafección. Tentamos que a xente nova se implique na política e nese traballo estamos.

Volvemos a esa residencia tan ansiada

Se non hai adendas a obra rematará no 2025 e a posta en marcha esperemos que sexa rápida, aínda que hai moitas xestións que confiamos apure a Deputación Provincial para poñela a disposición dos nosos maiores con 38 prazas.

Todo isto vén a complementar a cobertura que estamos dando en servizos sociais coa poboación máis sensible que son os nosos maiores e hoxe temos un centro de día, imos ter unha residencia e temos un equipo forte de servizos sociais que atende á dependencia.

Vivendas sociais / Concello da Pobra do Brollón

Recentemente adxudicamos parte das vivendas sociais e esa é outra das infraestruturas polas que levamos esperando anos. Por problemas administrativos foise demorando no tempo e hoxe temos tres vivendas ocupadas. Isto permite seguir mellorando medidas que permiten adaptar a nosa política social que para nós é prioritaria.

E o albergue municipal está resultando ser un servizo cunha importante demanda?

Podemos presumir na Pobra do Brollón de que temos un albergue que dá cobertura a todos eses peregrinos que pasan polo noso concello. 2500 peregrinos este ano no Camiño de Inverno, estase producindo un incremento importante con respecto a anos anteriores. Se isto segue así a medio prazo imos ter un grupo importante de peregrinos e xente que vai a pasar polo noso concello. O albergue vén a reforzar a nosa aposta decidida polos servizos turísticos que é outro piar básico da nosa acción de goberno.

O turismo é desenvolvemento económico e nós temos unha situación privilexiada para apostar polo turismo co Camiño de Inverno, a Ribeira Sacra, ser Reserva da Biosfera e estar nese tránsito entre o val e a montaña preto do Courel que para nós é o valor engadido para que a xente acuda á Pobra do Brollón a visitarnos.

“Aumentar poboación creo que é un indicador de que hai xente que quere vivir aquí”

As cores do outono / Concello A Pobra do Brollón

Entón cada vez temos máis visitantes e máis participantes nas visitas aos recursos turísticos e nas actividades culturais do concello?

Temos un programa cultural importante ao longo de todo o ano e ao final tentamos que A Pobra sexa agradable non só para vivir aquí por ofrecer infaestruturas e servizos, se non tamén por unha ampla gama de actividades diversas para que a xente que vive aquí teña o seu espazo e tempo de ocio cuberto e poidan sentirse a gusto. Trátase de humanizar o pobo con actividades para que resulte agradable e debe de selo porque nos últimos tempos estamos vendo unha grande cantidade de xente que desexa vivir na Pobra do Brollón. Aumentar poboación creo que é un indicador de que hai xente que quere vivir aquí e espero que iso siga sucedendo así.

Cantos de Taberna / Concello A Pobra do Bollón

Sen embargo este ano no sector do ensino denunciouse o abandono do rural, A Pobra do Brollón, foi un dos concellos que saiu a manifestarse.

O rural provoca estas situacións e cando temos un goberno autonómico que mira moito os números en lugar de mirar os servizos que hai que prestar no rural, isto conduce a que nos sigan recortando servizos, o que produce bastante desánimo. O rural poderíase converter nalgo atractivo pero ao goberno da Xunta éncheselle a boca dicindo que aposta polo rural cando o único que se fai e deixalo de lado.

Colexio da Pobra do Brollón concentración / Concello da Pobra do Brollón

Miramos xa para ao 2025, cales son os principais proxectos a acometer?

Temos proxectos nos que xa estamos traballando como a mellora do casco vello para ter unha vila máis agradable á vista. Acabamos de rematar a casa da xuventude que temos que dotala de mobiliario para ver como a xestionamos e que contido lle damos. Económicamente temos que mellorar a situación do concello que non é a que desexamos. E seguir avanzando en infraestruturas para os veciños e en mellorar a súa calidade de vida.

“Se somos unha sociedade madura temos que axudar”

O concello da Pobra do Brollón este ano tamén tivo tempo para colaborar con Valencia despois das inundacións.

A solidariedade é importante, nós sabémolo ben coa catástrofe medioambiental de fai case tres anos, o gran incendio da serra do Courel. Con nós volcáronse as administracións e moitos concellos e nós sentímonos na mesma obriga que os demais. Se somos unha sociedade madura temos que axudar.

Axuda Dana / Concello da Pobra do Brollón

Fálase moito de aprender dos erros a raíz deste tipo de desastres naturais e medio ambientais. Fíxose algo especial despois do incendio do Courel?

Sempre pasa o mesmo, unha vez que pasa olvidámonos de que temos que seguir limpando o monte, as fincas, e tratar de evitar unha situación parecida á acontencida. Todo segue igual e eu non vin cambios significativos. Non hai un plan para previr, hai que recordar que o cambio climático é evidente e temos unha grande cantidade de biomasa e iso é unha bomba nesta situación de cambio climático.

ÚLTIMAS

Daniel Areán: “A última vez que contei as medallas tiña 203”

Falamos con Daniel Areán Grejs, un mozo da parroquia de San Mamede, no Concello...

Monforte licita por 280.000€ as melloras do pavimento da Avda de Galicia- Rúa Chantada e Rúa Vigo

Ambas actuacións están incluídas no plan de investimentos en infraestruturas viarias que anunciou o...

Olga Novo da man con Begoña Caamaño no Día das Letras en Quiroga, este 15 de maio

Baixo o título, “Begoña Caamaño, a muller que inventaba o mundo”, a escritora e...