A profesora, poeta e ensaísta, Olga Novo, viaxou a pasada semana a Barcelona para recoller o ‘Premio Letras Galegas Vivas’, mais aproveitou tamén a ocasión para vivir a “Diada de Sant Jordi” e ter un encontro na Universitat de Barcelona. Foi tan satisfactoria a visita por terras catalás que confesa ter aínda algo de “resaca emocional” por toda a emoción vivida en poucos días.
O sábado, 25 de abril, a Biblioteca Sabela Labraña, proxecto da Asemblea Cultural Galega de Barcelona, entregáballe o III Premio Letras Galegas Vivas, un recoñecemento que destaca o compromiso coa lingua e a cultura galegas de escritoras e escritores vivos. “Un premio que vén da base lectora e para min aínda é máis fermoso e profundo”, afirma Olga Novo salientando que é un “recoñecemento horizontal, non institucional”.
No que respecta ao propio acto, este tivo lugar no Ateneu Roig, sede da asociación ACGB, e viviuse nun ambiente de emoción e compromiso coa lingua ao que asistiron máis de 50 persoas. Comezou cunha breve introdución sobre a historia do premio e da propia Biblioteca Sabela Labraña para despois intervir membros de Furafollas Agrupación Teatral recitando 3 poemas da homenaxeada. A continuación, Helena González, profesora de Filoloxía Galega da Universitat de Barcelona, realizou unha glosa da autora na que salientou a forza e vitalidade da súa escrita e despois houbo un coloquio co público arredor da súa poesía e da situación da lingua galega. O acto incluíu tamén unhas actuacións musicais.
O momento central foi a entrega do galardón, unha talla de madeira do artista multidisciplinar valdeorrés Anxo Baranga “inspirada no universo dos libros, símbolo do saber, da memoria e da resistencia cultural”. A entrega foi complementada cun ramo de caraveis vermellos en conmemoración do aniversario da Revolución dos Caraveis. “Foi todo moi emotivo para eles e para min, un acto dos máis fermosos aos que fun na miña vida”, recoñecía Olga Novo.

“Foi todo moi emotivo para eles e para min, un acto dos máis fermosos aos que fun na miña vida”
Aproveitando a estadía en Barcelona, a homenaxeada tivo a oportunidade de vivir un Día de Sant Jordi, experiencia que valorou con admiración por como se mantén popularmente. Recoñeceu tamén “envexa sa de ver como o interese profundo pola cultura está na base popular”. O mesmo día 23 tivo unha recepción de honra no Centro Galego de Barcelona e un xantar, e xa pola tarde, un encontro co Club de Lectura no Ateneu Roig. Completando axenda, o venres 24 estivo na Universitat de Barcelona onde ofreceu un recital e unha charla para o alumnado de filoloxía que ten galego como materia optativa, acto que tamén se abriu ao público en xeral acudindo xente maior da emigración e público diverso.
PREMIO DAS LETRAS GALEGAS VIVAS
Trátase dun premio que concede a Biblioteca Sabela Labraña, con carácter honorífico e para recoñecer a traxectoria dunha escritora ou escritor en lingua galega que estea vivo. Valórase tanto a calidade literaria da obra publicada como o compromiso cultural, social e político da persoa premiada; e con especial atención ás mulleres e á súa contribución á literatura e cultura galegas.
BIBLIOTECA SABELA LABRAÑA E ACGB
A Biblioteca Sabela Labraña conta cun fondo de máis de 2.000 libros en galego ou sobre a cultura galega, e desenvolve actividades continuadas para promover a lingua e a cultura galegas en Cataluña. Organiza un club de lectura en galego, presentacións de libros, unha xuntanza anual de escritoras e escritores galegos residentes en Cataluña, unha “ludotega” para crianzas e conta-contos infantís en bibliotecas públicas catalás.
A Biblioteca Sabela Labraña forma parte da ACGB, unha entidade independente, asemblearia e comprometida co país e co desenvolvemento dunha cultura galega crítica. A entidade organiza actividades relacionadas coa cultura e a música galegas, así como actos reivindicativos en defensa do país e en solidariedade con causas sociais. Entre as súas iniciativas destaca o festival Primavera Son, que se celebra no mes de maio.
A entidade foi galardoada co Premi d’honor col·lectiu Vila de Gràcia 2024, outorgado polo Districte de Gràcia de Barcelona. E sobre ela, Olga Novo refire que “vai máis alá dunha visión reducionista e folclórica”, engadindo que a percepción que transmite é “dun compromiso cívico moi forte, entrega verdadeira e accións feitas con amor”.
XURADO E GALARDOADA
A elección da persoa premiada realízase anualmente a partir de propostas que chegan á Asemblea Cultural Galega de Barcelona. O Xurado estivo composto por Lito Caramés (profesor de secundaria, crítico de arte e escritor), Amador Castro (escritor), Alba González (propietaria da Libraría La Repunantinha), Helena González e María Xesús Lama (Profesoras de Estudos Galegos e Portugueses na Universitat de Barcelona).
Avaliada a obra, o compromiso das 28 candidaturas e a súa implicación no activismo social e cultural, o xurado escolleu a Olga Novo como gañadora do III Premio das Letras Galegas Vivas. Salientaron que a profesora, ensaísta e poeta é “unha muller de luz mitolóxica, argonauta na escrita”.
Doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, foi profesora de bacharelato en varios institutos galegos e, tamén, profesora de galego na Universidade da Alta Bretaña en Rennes, e de literatura na Universidade Bretaña Sur, en Lorient.
Desde A teta sobre o sol (1996), Nós nus (1997) e A cousa vermella (2004) até Cráter (2011) e Feliz idade (2019), revelouse como “a escritora que atopa xeitos novos nos seus poemas para dicir, no século XXI, o corpo, o sexo, a necesidade dos vínculos e a experiencia do amor”.
“unha muller de luz mitolóxica, argonauta na escrita”

