InicioMedio ambiente e PatrimonioRemata a escavación nos Conventos confirmando o carácter sacro deste enclave na...

Remata a escavación nos Conventos confirmando o carácter sacro deste enclave na Pobra do Brollón

A segunda campaña arqueolóxica en Vilachá de Salvadur, concello da Pobra do Brollón, vén de rematar despois de tres semanas de traballo para esclarecer o xacemento dos Conventos, situado nun esporón no Val do Frade, ribeira do Sil.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

As dúas grandes preguntas da escavación nos Conventos eran, por unha banda, saber se había máis enterramentos no lugar, ademais do atopado na anterior campaña en maio de 2019, e pola outra banda, entender mellor os límites e estrutura do xacemento, onde supostamente construíuse o Mosteiro de San Martiño de Piñeira.

A intervención desenvólvese grazas á financiación da Consellería de Cultura e Turismo a través da Dirección Xeral de Patrimonio, en colaboración co Concello da Pobra do Brollón e a Asociación Veciñal de Vilacháde Salvadur, no marco do proxecto Adegas da Memoria.

A intervención comezou con moi bo pé ao atopar nos traballos de limpeza previos á escavación unha pedra inscrita en latín vulgar do período altomedieval. Tras consultar con expertos en epigrafía, a hipótese máis secundada é que se trata dunha pedra funeraria que luce a expresión famulus dei, ‘servidor de deus’, unha fórmula prototípica de enterramento. A pedra, reutilizada nun muro perimetral do xacemento, encaixa á perfección coa hipótese do equipo que sitúa a orixe dos Conventos nun primitivo eremitorio en torno ao século X, que daría paso posteriormente ao Mosteiro de San Martiño de Piñeira.

Pedra inscrita / concello da Pobra do Brollón

Outro achado importante na constatación do carácter sacro deste espazo dende os seus inicios foi unha pequena lousa gravada cun crismón – un monograma coas dúas primeiras letras da verba Cristo en grego. Estas lousas con crismóns son tipicamente usadas na meseta norte na época visigoda, polo que o achado remítenos aos primeiros momentos dos Conventos.

Do século X datan os ósos humanos atopados na campaña anterior, ao carón do cal, atopouse este ano o que parece ser un sartego escavado na rocha. Tamén cerca, o equipo descubriu unha pequena estrutura tipo cista cun depósito intencional composto por ósos de animal, cerámica, seixo e tamén carbóns, o que permitirá a súa datación por carbono 14.

“Aínda que quedamos pendentes das datacións por Carbono 14, polo contexto arqueolóxico podemos deducir que estes achados lévannos directamente ás orixes de Os Conventos, a un período escuro altomedieval no que aínda se mesturan costumes cristiás con rituais pagáns” comenta o arqueólogo director Xurxo Ayán.

De centro relixioso a centro vinícola

A documentación histórica recolle a ocupación posterior do mosteiro de San Martiño de Piñeira pola Orde do Císter, momento no que o lugar pasa a ser unha ‘granxa’ para a produción vinícola.

A escavación confirma esta ocupación co desenterramento dun gran volume de cerámica que data dos séculos XII e XIII, ademais de restos metálicos como unha punta de lanza, coitelos e chaves.

‘Son indicios dun sistema feudal no que Os Conventos tiña o control do val para orientalo á produción vinícola para beneficio económico do Císter, co consecuente conflito social’ detalla Ayán.

Ademais dos materiais desenterrados, a nivel arquitectónico o equipo localizou a entrada da edificación orixinal, facilitando así a comprensión da estrutura orixinal do mosteiro.

‘O que está claro é que o esporón no que está Os Conventos era de gran atractivo que motivou a súa ocupación e reocupación múltiples veces. Aquí houbo un inxente traballo para crear unha superficie chá que permitise construír sobre a rocha. Un traballo que se respectou na idade moderna, conservando así un xacemento que fala das orixes e evolución da vida na Ribeira Sacra’, conclúe Xurxo Ayán.

ÚLTIMAS

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...

Unha nova vida para Donelle, a aldea de Sober mercada pola cooperativa Ecooo

A Donelle, unha aldea deshabitada do Concello de Sober dende hai varias décadas, preséntaselle...