InicioMedio ambiente e PatrimonioCousas Xacobeas: O Camiño Xacobeo por diante do Mosteiro de Madalena

Cousas Xacobeas: O Camiño Xacobeo por diante do Mosteiro de Madalena

O treito do Camiño de Santiago entre a capela de Santa María de Barbadelo e o Hospital de San Roque, comezaba no espazo triangular situado fronte aos actuais depósitos da traída de aguas da vila (1.920 e 1.928) que, xa desaparecida a vella ermida, foi o lugar onde en 1.820 se instalou o Campo da Feira, cando Fernando VII, por vez primeira, concedeu á Vila de Sárria o dereito de celebración dun mercado mensual, á sombra da vella Fortaleza. Espazo este onde hoxe algunhas das esculturas de peregrinos da autoría de Xosé Díaz Fuentes recordan o seu contino vencello xacobeo.

Publicado o

POR
Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

Nese punto estaba a “Cruz da Verónica”, unha das que formaban parte do Viacrucis instalado no século XVIII, e do que aínda se conservan varias cruces na cerca da Casa de Batallón e na da Casa do Campo da Feira. Rente a esa desaparecida cruz de pedra confluían o Camiño de Santiago, procedente de San Salvador, e o Camiño de Monforte, que dende a Lama Rigueira e os Esqueiredos, logo de pasar por diante da Capela de San Marco, e deixando á dereita a Fortaleza, xiraba alí cara o Mosteiro da Madalena.

No século XVIII fíxose a alta cerca que circundaba a Chousura mosteiral e que se conserva aínda a leste pechando o agora chamado Prado de Batallón, desaparecidos os muros da beira do camiño cando fixeron os primitivos alpendres e as casetas da feira primitiva e ao ser alzadas casas en terreos que formaran parte dos bens dos relixiosos agostiños, como anexos á ermida de Santa María de Barbadelo. No muro da Casa do Campo da Feira consérvase só unha cruz de pedra, unha das catorce que formaron o Viacrucis, perto do comezo da Corga do Asno, que xirando a man esquerda conducía a Santiago do Mercado (primeiro emprazamento da Vilanova de Sárria) e á aldea da Veiga do Pozo, ou Veiga de Arriba, que era da parroquia de San Pedro de  Maside.

A Lonxa e o Camiño Real

Entre o corpo da igrexa e o Mosteiro da Madalena e o Barredo ou Cortiña do Pombal (terreo agora ocupado polo Cemiterio Municipal), había dous espazos ben diferenciados: A Lonxa ou Curral do Mosteiro e o Camiño Real. O espazo coñecido como A Lonxa era propio do Mosteiro e era señoreado pola comunidade dos relixiosos que o mantiña ben cercado e coas correspondentes cancelas acreditativas e gardadoras da súa titularidade dominical. De feito, cando había celebración de enterros no interior da igrexa, a comitiva fúnebre, presidida polo párraco de San Salvador facía cesión das honras e cruz alzada e retirábase da presidencia a favor dos frades agostiños, que recollían o cadaleito para introducir o corpo do defunto na igrexa conventual.

Para que non houbese dúbida dos dereitos de propiedade dese espazo, no primeiro cubo da cerca da Chousura, baixando cara San Lázaro, que é o máis grande dos que se conservan e que ten ao seu carón un escudo da Orde de Santo Agostiño, había un letreiro grabado na pedra que dicía “Non plus ultra”, que viña a dicir que o camiño non ía máis aló da liña do muro exterior da lonxa.

Cubo grande, debuxo de Rubén Santiago / Ala López

O Camiño Real de Santiago, delimitado por vellos carballos, o muro da Cortiña do Pombal e o Hospital de San Roque, pola esquerda. E polo muro exterior da Lonxa ou Curral, pola dereita, á altura da igrexa tiña boa larganza e era o espazo no que se celebraban as romarías de San Lourenzo e Santo Agostiño, dúas celebracións relixioso-festivas moi sinaladas na vila de Sárria. 

Entre o Barredo do Pombal e o Hospital de San Roque, á esquerda deste e  fronte da entrada principal do Mosteiro, nacía o camiño de pés que, facendo de atallo, en pronunciada pendente baixaba polos leiros da Costa da Áspera (forais do Mosteiro) ata a Ponte da Áspera, a carón das casas da Veiga de Abaixo (parroquia de San Salvador de Sárria). E pasado o Cubo Grande o Camiño seguía cara abaixo ata o segundo cubo , onde xirando á esquerda alcanzaba tamén a Ponte da Áspera, e tamén seguindo cara o Hospital- Capela de  San Lázaro, (parroquia de Maside) ía cara a Ponte do Mazadoiro xa no Camiño Francés de Sárria a Lugo.

O pleito polos desmos do camiño

Esa era a situación real dos camiños de Santiago e de un dos camiños de Lemos a Lugo, xa extramuros da vila de Sárria, e o Camiño Real (Camiño de Santiago ), con xeral recoñecemento e vitalidade de vía pública das peregrinacións era tido como tal de enteira conformidade, ata que se produciu un sonado pleito entre o párraco de San Salvador de Sárria e os relixiosos moradores no Mosteiro da Madalena, por razón de esixirlles o crego aos frades que lle pagasen os desmos derivados do aproveitamento da Cortiña do Pombal, arredada do Mosteiro polo camiño existente entre este e o Hospital de San Roque.

Para negar o pagamento que viña dado por mandato e resolución papal, sostiveron por anos en litixio, faltando en todo á verdade, que  os espazos entre o Mosteiro e a Cortiña do Pombal eran propios da Comunidade e que on tiña carácter público, polo que o Barredo tiña que ser considerado “anexo ao Mosteiro” e polo tanto, o mesmo que acontecía cos terreos da Chousura, tiña que estar exento de pagamento de desmos aos párracos de San Salvador.

Non o conseguiron malia a súa teimuda e temeraria postura que os levou a sucesivas apelacións a instancias eclesiais superiores, e alí quedou ben probado que o camiño frenteiro ao mosteiro era decote transitado por peregrinos que ían a Santiago, maragatos, traxinantes, alçugados da sega,  milicianos e tratantes en mulas que de Murcia e Andalucía viñan a mercalas cara terra de Santiago e era polo tanto camiño público, sen que os xulgadores tivesen en conta o testemuño amañado de todo un escribán,  alleo á vila de Sárria,  que declarou con evidente parcialidade e sen fundamento a favor dos frades, iñorando feitos notorios como a celebración das romarías, con ruada e venda de viño e rosquiñas nas folganzas do Camiño e o constante paso de xentes procedentes do Cebreiro, Lemos, Portomarín, Lugo e outras partes que transitaban polo vello vieiro que dera lugar ao nacemento de Mosteiro e Hospital onde atendían, e no seu caso enterraban, aos que por alí pasaban . 

Por moi teimudos que temerariamente se amosaron os relixiosos agostiños, o párraco de San Salvador alzouse co ramo da percepción plena dos desmos dos froitos da Cortiña do Pombal e a vía pública dos peregrinos, a vella calzada, foi, como sempre o fora, a fita separadora dos bens inmobles rexentados polos relixiosos agostiños.

E agora, froito da incuria e da nugalla, os desaparecidos dous vellos treitos da baixada á Ponte da Áspera foron substituídos aproveitando a Corga do Asno. 

ÚLTIMAS

RIOTORTO, EPICENTRO DA ARTESANÍA DO FERRO DE GALICIA

A XV Feira de Artesanía do Ferro foi presentada o pasado 18 de abril coa presenza...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....

Sesión informativa sobre cambios normativos que lle afectan ás persoas con dano cerebral

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de editar unha 'Guía legal' que recolle os principais...