Cousas Xacobeas: Santo Estevo de Barbadelo, enclave xacobeo en Maside (IV)

Sen dúbida ningunha a presenza templaria en Maside tivo a súa razón de ser na proteción aos camiñantes e o Couto contaba con boas terras no val de Barbadelo e na Veiga de Sárria.

Santo Estevo (Maside) / Ana López

Cincuenta e catro anos andados da primeira fundación do Hospital de Peregrinos a carón da Capela de San Brais de Vilanova de Sárria polos benéficos frades italianos que alí pousaron, por un documento da catedral lucense, do ano 1254, sabemos que o Couto de “Sancti Stephani Barbatelli” (Santo Estevo de Barbadelo) pertencía á Orde do Temple. Isto proba que os templarios tiveron vincallo co Camiño de Santiago na terra de Sárria, e que tamén  tiveron posesións en San Sadurniño de Bacorelle, Vilaescura, Canaval, Esposende, San Xurxo, Canedo, San Fiz do Ermo, Marzán, Carteire,  Taboada, Santa Cruz de Asma, Noceda, e outros lugares da diócese de Lugo. Iso sen esquecer o lugar do Temple, nas montañas do Cebreiro.

Santo Estevo de Barbadelo, que levaba ese nome por estar perto do río Barbadelo, é na actualidade o lugar de Santo Estevo de Requeixo, na parroquia de Maside, ao pé do castro cinguido polo rego de Filgueiras (Rego do Mazo), e foi asentamento templario cecais unido á protección do paso de peregrinos pola Ponte do Mazadoiro e polo porto ou vao de Celeiro. O lugar de Celeiro é posible referenza ao lugar de garda da “re frumentaria” dos “fratres” residentes en Santo Estevo.

O Couto de Santo Estevo de Barbadelo

Algúns autores, interpretando mal un documento do ano 1371 afirman que o Mosteiro de Santa María Madalena de Sárria foi fundación templaria. Nada máis alonxado da realidade, pois nese ano don Pedro, Conde Trastramara, de Lemos e Sárria, do Bolo e de Viana, señor de Robreda e  pertigueiro maior de Terra de Santiago, fai doazón ao Mosteiro da Madalena “de las mis herdades de Casar de la Veiga e de Celeiro e de Manán que fueron de la horden del Temple”. Eses lugares e casares, despois da supresión da orde templaria polo Concilio de Viena (1311/1312) e a incautación real acabaron caendo baixo do dominio condal e pola doazón citada quedaron suxeitos ao mosteiro sarriao ate 1835. O Casar da Veiga é o lugar da Veiga de Arriba (Veiga do Pozo) e xunto con Celeiro formaban parte da parroquia de Maside.

Seguindo o rastro documental, Santo Estevo de Requeixo aparece como parroquia e máis adiante o templo parroquial aparece convertido en capela, da que non queda memoria.

Presenza templaria en Maside

Celeiro e Santo Estevo estaban nun dos tres camiños que de Sárria conducían a Lugo. Un era o que polo porto e pontón de Celeiro ía por Santo Estevo e Arxemil en dirección ao Hospital de Goián onde se xuntaba co “Camiño francés de Lugo a Lemos”. O segundo camino, que era o principal, para ir á cidade lucense saía pola Ponte do Mazadoiro cara o Mesón da Coveluda (Arxemil) e por Frades seguía a Goián e pasando pola Ponte de Neira e Farnadeiros e pola Ponte da Foz do Chamoso entraba en Lugo pola Porta Toledá. O terceiro, pasada a Ponte do Mazadoiro xiraba cara Treilán e por Vilar e A Pobra de San Xiao seguía por Chamoso para alcanzar a cidade lucense.

Pasado o Castro de Santo Estevo un ramal deste camiño, xirando á esquerda, permitía alcanzar a Vilerma e Rosende e xuntábase na parroquia de Meixente á calzada principal dos peregrinos, sendo así o treito seguido polos camiñantes que pasando pola Ponte Vella de Vilar de Sárria e a Ponte do Mazadoiro evitaban pasar pola Pobra de Sárria.

Sen dúbida ningunha a presenza templaria en Maside tivo a súa razón de ser na proteción aos camiñantes e o Couto contaba con boas terras no val de Barbadelo e na Veiga de Sárria.

Casa da Fábrica – Celeiro / Ana López

Na actualidade, Santo Estevo é unha pequena aldea, Celeiro perdeu  a que fora casa de referenza e antes o antigo muiño, e xa non queda lembranza da fábrica de coiros alí establecida e, desaparecido o paso a nivel por mor de recentes actuacións nas estradas, os peregrinos que se serven de bicicletas, motoristas e automobilistas poden agora seguir cara Portomarín   con toda comodidade pola estrada de vocación xacobea que nace en Pedrafita do Cebreiro e remata en Vendas de Narón.

En Santo Estevo os templarios non deixaron ningún soterrado tesouro, e as traves de ouro e de alcatrán gardadas no Castro, xa non son xiquer “contos de vellos”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here